Un outro blogue en galego de Wordpress

Categoría: Lugo cultural (Páxina 1 de 4)

Presentación de Libro e conferencia

O vindeiro xoves 8 de xuño, ás 19:00h, no salón de actos do IES Lucus Augusti será a presentación do libro: A vida desmedida de Basilio Álvarez. Basilio Álvarez, foi un importante persoeiro da vida galega e española nos momentos anteriores á Segunda República española, que se convertera no lider do agrarismo.

Participan no acto, organizado polo departamento de Xeografía e Historia e a Biblioteca, o autor Miguel Cabo Villaverde, catedrático de Historia na Universidade de Santiago de Compostela e autor do libro, e Henrique Hervés, profesor do centro que fará de presentador do autor e moderador do posterior coloquio.

Conferencia sobre a COVID-19

O vindeiro xoves, día 17 ás 19’30 h, vaise celebrar unha conferencia na Casa do Saber dentro do programa “Encontros en EL PROGRESO”, e que está organizada polo xornal da nosa cidade.

A conferencia titúlase “Presente y futuro de la pandemia Covid-19”, e está a cargo do Director do Centro de Enfermedades Transmisibles Emerxentes, o
Profesor Dr. D. JUAN JOSÉ BADIOLA.

O doutor Juan José Badiola

Entre o seu currículo destaca o feito de ter sido rector da Universidade de Zaragoza e que é un reputado en enfermidades infecciosas. Así, foi a figura de referencia tanto a nivel investigador como respecto ao gran público pola súa presenza nos medios de comunicación cando se producira a síndrome da encefalopatía esponxiforme bovina (EBB), coñecido popularmente, como o mal das vacas tolas.

Presentación de libro

O vindeiro xoves día 28, ás 19’30 h. vaise celebrar no Salón de actos do noso instituto a presentación do libro “Memoria de Arnao“. Contará coa presenza do autor Francisco García Rodríguez e intervirá tamén Helena González Vázquez.

O libro, que ten como subtítulo “Campo de concentración de Figueras”, relata as circunstancias do campo de concentración no concello de Castropol, Asturias (ao outro lado da raia de Ribadeo), presenta gran cantidade de documentos inéditos e comentará múltiples feitos relacionados co pasado relacionado coa Guerra Civil e a postguerra na zona.

Exposición de pintura

O vindeiro venres, 8 de novembro ás 20 horas, inaugúrase unha exposición do artista da Mariña, Xoán Guerreiro. É un autor moi coñecido en Lugo e fóra de Lugo e ten unha alta cotización.

A exposición denomínase “Inherencias“, e fai referencia a todo aquilo que levamos connosco e que chega a ser propio de nós. O seu estilo é figurativo e vai dende obras case hiperrealistas até outras que teñen unha maior tendencia á xeometrización. Aparecen obras nas que se reflicten vistas da Mariña, de Lugo ou, como na tarxeta da inauguración, de Porto.

Exposición de Guerreiro

II Encontro de Banda Deseñada Histórica

Esta fin de semana celebrarase o II ENCONTRO DE BANDA DESEÑADA HISTÓRICA que terá como sede a nosa cidade. Durante dous días, Lugo converterase na capital mundial do cómic histórico cunha chea de actividades para os/as lugueses/as: conferencias, mesas redondas, pasarrúas históricos, obradoiros de cómic así como sesións de sinaturas a cargo dos autores convidados e un longo etcétera de actividades para o desfrute de todos/as.

A organización corre a cargo, entre outros, da Área de Cultura da Deputación Provincial e da Escola de Arte e Superior de Deseño “Ramón Falcón”.

Se gostas da banda deseñada, de seguro que é un gran plan para esta fin de semana. Podedes conseguir máis información no cartaz e no código QR que aparece neste.

Exposición-O Fotógrafo de Mathausen

Hoxe xoves, ás 20’00 h inaugúrase no “Vello Cárcere” unha interesante exposición titulada “Boix. Fotógrafo de Mathausen“. Nela pódense ver moitas das fotografías deste fotógrafo nese campo de concentración. Na sesión inaugural, haberá unha conferencia e un “saúda” da alcaldesa.

Francesc Boix, foi un republicano catalán que durante a Guerra civil española, ao ser ocupada Cataluña polas tropas franquistas, fuxiu a Francia. Ao comezar a Segunda guerra mundial, formou parte do exército francés, e moi axiña foi capturado polas tropas alemás e enviado ao campo de concentración de Mathausen.

Alí, como era fotógrafo, realizou un feixe de fotografías que, co tempo, serviron para inculpar nos chamados “xuízos de Nuremberg” a moitos mandos nazis e para demostrar a existencia “real” dos campos de concentración. Como vedes, é unha figura ben interesante e seguro que a exposición é moi digna de ver e que non vos deixará indiferentes.

XESÚS RODRÍGUEZ LÓPEZ

O ex-profesor do noso centro, Manuel Calvo López, vén de presentar o seu libro  EPISTOLARIO A/DE XESÚS RODRÍGUEL LÓPEZ sobre a vida deste lucense polifacético que, aparte de ser médico, foi un dos membros fundadores da Real Academia Galega. Posiblemente, a maior parte dos lucenses de hoxe pouco ou nada saben sobre el.

Xesús nace en Lugo o 28 de xullo de 1859 en San Mamede de Lousada. Fixo os estudos de Bacharelato no Instituto de Segunda Ensinanza de Lugo (Arquivo Histórico do Instituto Lucus Augusti).  En 1874 marcha a Santiago para estudar a carreira de Mediciña, acadando por oposición unha praza de alumno interno no Real Hospital de Galicia, praza que perde por abandonar unha garda e deixar só a un compañeiro na asistencia dun parto (Arquivo da Facultade de Mediciña de Santiago de Compostela). Acada a licenciatura o 29 de xuño de 1881 coa calificación de Sobresaínte.

En 1886 viaxa a París para estudar na clínica Pasteur o tratamento preciso para cura-la rabia. Ao seu retorno publica tres artigos nos que explica a súa experiencia no Intituto parisino.

Catro anos máis tarde, en marzo de 1890, é comisionado polo Goberno Civil de Lugo para curar un andazo de gripe n’ A Fonsagrada. Alí chega o día 11 poñendo en práctica un procedemento terapéutico que, pouco a pouco, foi rematando cunha enfermidade que causara un gran número de mortos.

Estableceu despacho na casa paterna, na rúa da Tinería 22, exercendo como médico cirurxián. Un día por semana facíao de balde para as persoas pobres. Falecerá en Lugo o 24 de marzo de 1917.

Presentación dun poemario do presidente da RAG na Libraría Biblos

Ola a tod@s! O vindeiro xoves, día 23, na libraría Biblos e en colaboración coa editorial Xerais farase a presentación do libro de poesía de Xesús Alonso Montero (presidente da RAG): ” VERSOS DUN FISTOR REPUBLICANO, MARXISTA, ATEO E UN POUCO EPICÚREO”.

Contará na presentación coa inestimable presenza de Claudio Rodríguez Fer e tamén de Manuel Bragado, en representación da editorial Xerais, na que será seguro unha obra poética de referenza e lembranzas para moita xente.

Velaí téde-lo cartel do acto. presentacion-versos-dun-fistor-correo

 

« Entradas anteriores

© 2024 bibliolucus

Tema por Anders NorenArriba ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz