Un outro blogue en galego de Wordpress

Categoría: Curso 2021-2022 (Páxina 2 de 3)

Conferencia sobre a COVID-19

O vindeiro xoves, día 17 ás 19’30 h, vaise celebrar unha conferencia na Casa do Saber dentro do programa “Encontros en EL PROGRESO”, e que está organizada polo xornal da nosa cidade.

A conferencia titúlase “Presente y futuro de la pandemia Covid-19”, e está a cargo do Director do Centro de Enfermedades Transmisibles Emerxentes, o
Profesor Dr. D. JUAN JOSÉ BADIOLA.

O doutor Juan José Badiola

Entre o seu currículo destaca o feito de ter sido rector da Universidade de Zaragoza e que é un reputado en enfermidades infecciosas. Así, foi a figura de referencia tanto a nivel investigador como respecto ao gran público pola súa presenza nos medios de comunicación cando se producira a síndrome da encefalopatía esponxiforme bovina (EBB), coñecido popularmente, como o mal das vacas tolas.

Día Internacional da Internet segura

O 8 de febreiro, celébrase o Día internacional da Internet Segura, baixo o lema “Xuntos por unha Internet mellor“.

8 de febreiro – Día Intenacional da Internet Segura

Este evento, segundo UNICEF, celébrase cada ano dende 1997, para darlle pulo, informar e educar nun uso responsábel, respectuoso, crítico e creativo da rede. Ademais, é un día para lembra-la importancia de protexe-los dereitos da infancia na Internet”.

En Europa, está promovido por un organismo da Comisión Europea, que é a rede INSAFE/INHOPE, e que se centra fundamentalmente na mocidade para potenciar un uso seguro e positivo das TIC.

Hoxe, máis que nunca, cómpre incidir neste tipo de ideas pois vemos como as redes sociais están a chegar cada vez máis á xente nova quen, na maior parte dos casos, carece da titorización necesaria, a información ou o control debido por parte dos pais. Día si e outro tamén, aparecen novas nas que a mocidade é protagonista de sucesos que teñen que ver co acceso temperán á pornografía, o uso das redes para facer/sofrer “bulling” ou, cada vez, é fomentada a adición ao xogo on-line.

Os dous recursos que veñen a seguir, son unha actividade ofrecida por e-vocación para realizar na clase co alumnado até 4ºESO e un vídeo creado pola propia UNICEF. Námbolos dous casos, o que se pretende é fomentar un debate necesario sobre como empregamos e como debemos empregar as rede. Para acceder ao documento de e-vocación, non tes máis que premer sobre a imaxe do cartaz anterior.

Exposición Cantigas de amor e de amigo

Estamos a ver estes días unha exposición titulada “Cantigas de amor e de amigo. As cantigas de Martín de Padrozelos“. É unha exposición didáctica itinerante que estará no noso centro entre o 1 e o 12 de febreiro; coincide por tanto, co Programa 21 días en Galego e+ e por iso o conectamos na derradeira imaxe.

Exposición: Materiais de vidro

Estes días comezou unha exposición titulada “Materiais de vidro” e que se pode ver no vestíbulo. É o resultado da colaboración entre o Departamento de Química, o Equipo do Museo e da Biblioteca.

Preséntanse diversos contedores de vidro que forman parte da colección histórica do Museo do Lucus Augusti, que foron recuperados recentemente e que pasarán definitivamente ás novas vitrinas. Ese material era o que se empregaba para as prácticas cando o noso centro era un Instituto Técnico e se impartían materias como Agricultura, Química etc…

A continuación podes ver, e descargar, un pequeno folleto para seguires a exposición e coñecer os diferentes aparellos que a compoñen.

Folleto Exposición vidro

Tríptico do NADAL

Como tódolos anos, temos aquí o tríptico coas lecturas recomendadas para o Nadal. Sempre procuramos, tamén, que máis aló do que se pode ver nos andeis dos expositores da entrada, haxa títulos para tódalas idades e tódolos gustos das persoas que formamos a comunidade educativa.

Desta volta contamos con títulos de divulgación científica, de banda deseñada, best seller de Ildefonso Falcones ou Ken Follet, un libro sobre a Aprendizaxe baseada en Proxectos, unha biografía sobre Greta Thumberg, un libro sobre castrexos e romanos ou un libro é moi recente sobre outra forma de ve-lo cine.

Premio musical para un alumno

Alédamos anunciar que un noso alumno que cursa 4ºESO, Gerald Vázquez Fernández, vén de gaña-lo concurso do “IX Certame Creativo“, organizado polo Conservatorio de Música e Danza da nosa cidade.

A peza que compuxo titúlase “Burbujas de nostalgia“, e podedes ve-lo vídeo no que interpreta a súa composición, premendo sobre a imaxe.

Gerald Vázquez Fernández en plena interpretación

25 de novembro

Un ano máis chega a conmemoración do Día contra a violencia de xénero. Desta volta, estamos aínda inmersos na epidemia da COVID-19, e preparamos aquí un feixe de recursos que se poden traballar nas clases ou mirar individualmente en procura de información.

En primeiro, lugar, presentamos un folleto de banda deseñada en formato pdf, titulado “Pillada por ti“, realizado polo Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade e que se editou en tódalas linguas do estado, e aquí podemos acceder á versión en galego.

A seguir, temos tamén un folleto, tamén editado polo mesmo ministerio, que vén sendo unha completa guía, en forma de díptico, onde se presenta toda a información precisa para o caso de que suframos ese problema ou coñezamos a alguén que o está a sofrer.

Tamén aparecen, moi sintetizadas, unha serie de ideas que nos porán na pista e nos servirán para poder distinguir condutas que teñen que ver con ese tipo de violencia.

Outro recurso interesante é o presentado por Alicia G Montano e RTVE, no que mediante un par de vídeos nos lembran quen foi a primera vítima recoñecida como tale e tamén nos facilita distinguir entre conceptos que, ás veces, mesturamos, como son: “violencia de xénero”, “violencia doméstica!, “violencia intraxénero” ou “violencia “machista”.

Finalmente, temos dous folletos editados por dous sindicatos do ensino. Un deles, é da CIG e se titula: “TRABALLANDO A PREVENCIÓN da violencia de xénero na adolescencia“. O outro é de STEG, e se titula: “Vive en igualdade, vive sen violencia

Premio Extraordinario da ESO

O alumno do noso centro, Aman Santana da Silva, acadou o Premio Extraordinario de Educación Secundaria Obrigatoria ao rendemento académico correspondente ao curso 2020-2021, concedidos pola Orde do 28 de outubro da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Dende aquí mandámoslle os nosos parabéns porque é algo moi meritorio.

Memorias de Arnao

Velaí xa temos o vídeo con fotos da charla-presentación do libro no que se facía referencia ao Campo de Concentración de Figueras. Nel podemos ver parte da presentación por parte do profesor Gaspar Méndez e diversas imaxes do momento.

Presentación do libro Memorias de Arnao

Presentación de libro

O vindeiro xoves día 28, ás 19’30 h. vaise celebrar no Salón de actos do noso instituto a presentación do libro “Memoria de Arnao“. Contará coa presenza do autor Francisco García Rodríguez e intervirá tamén Helena González Vázquez.

O libro, que ten como subtítulo “Campo de concentración de Figueras”, relata as circunstancias do campo de concentración no concello de Castropol, Asturias (ao outro lado da raia de Ribadeo), presenta gran cantidade de documentos inéditos e comentará múltiples feitos relacionados co pasado relacionado coa Guerra Civil e a postguerra na zona.

« Entradas anteriores Entradas seguintes »

© 2024 bibliolucus

Tema por Anders NorenArriba ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz