Un outro blogue en galego de Wordpress

Categoría: Lugo cultural (Páxina 3 de 4)

“O son da fala” – Manuel María

Aqui temos as fotos da participación de alumnos de 2º de BAC no programa de Radio LugoO son da fala“, do que xa déramos noticias anteriormente. Nesta ocasión desprazáronse ata o estudo para gravar un poema de Manuel María. En realidade, o desprazamento formaba parte dunha actividade na que tamén visitaron a Casa-Museo do poeta, finado en setembro fará 10 naos, en Outeiro de Rei.

E aquí vemos a visita na Casa-Museo de Manuel María en Outeiro de Rei

A illa de todas as illas

O vindeiro mércores, 29 de xaneiro ás 20’00h., vaise presentar na Librería Biblos, o último libro de Xabier P. DoCampo, publicado por Edicións Xerais. É difícil atopar no noso país un rapaz o unha rapaza que non teñan lido algunha das súas obras. E tamén é dificil atopar a alguén que non o recoñeza como un dos autores máis importantes da literatura xuvenil.

Nesta ocasión con ese título “A illa de todas as illas” fai unha homenaxe ás novelas de Aventuras (con maiúsculas). Dende A illa do tesouro de Stevenson, ás obras de Salgari (O corsario negro ou Sandokán), pasando polo Robinson de Daniel Defoe. Se queres ver a recensión da editorial pica aquí. Mais se queres ver un comentario dende o cariño e a admiración, podes premer no comentario que lle adican en “Trafegando ronseis“, toda unha referencia entre os blogues de bibliotecas escolares e máis.

Aquí, deixámoste a portada e a contraportada do libro, que en breve chegará á nosa biblioteca.

Sinatura de libros

Agora que xa estamos de vacacións pode ser un bo momento para ler aquilo que nos quedaba pendente, ou explorar outros títulos. Esta nota é para avisar que o vindeiro luns, 23 de decembro, a escritora lucense Marta Rivera de la Cruz asinará exemplares da súa última novela titulada “La boda de Kate“, na librería Biblos a partir das 19’00 horas. Aquí tedes a portada do libro. 

Presentación de libro

Despois dun días de parón, por causas alleas á organización, como se adoita dicir, voltamos cunha nova interesante. Organizado polo Instituto de Estudos Chairegos de Vilalba, un profesor do noso IES, Xosé Otero Canto, presentará hoxe ás 20’ooh., na Galería Sargadelos o seu novo libro de poesía titulado “Poética da viaxe (12 horas de poesía)“. Este poemario xorde da experiencia a partir da inspiración durante unha longa viaxe na que cruzou a península.

XIII Mostra de Teatro Clásico de Lugo

Estase a celebrar do 17 ao 26 deste mes de febreiro a XIIª Mostra de Teatro Clásico na nosa cidade. Aínda que o programa é moi interesante e o podedes descargar dende a web do Concello, aquí destacamos a obra do sábado, ás 18’30h., pois é unha adaptación do “Lazarillo de Tormes”, que moitos están a ler en 3º da ESO. Así é un bo momento para pasar unha tarde agradable que complemente a lectura da obra. A montaxe da obra a realizada Caramuxo Teatro en clave de comedia e emprega a 3 actores. Se queres máis impormación, preme no nome da compañía para ires á súa web.

Unha antiga alumna: María López Sández

O vindeiro sábado, ás 12’15 h, na Libreria Biblos que está preto do noso centro haberá a presentación dun libro realizado por María López Sande, titulado “A forma das nubes” que, editado por Galaxia, conseguiu o último Premio de Narrativa Breve Repsol 2012. Non é a primeira vez que consegue un premio, senón que xa é unha escritora que xa no 2007 conseguira o Premio Ramón Piñeiro  de ensaio coa obra “Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio“.

É unha alegría enorme, sobretodo, por tratarse dunha ex-alumna do IES. En breve teremos un exemplar no andel de novidades para quen o poidades ler.

Taller de Lectura

Noticias frescas. Nesta ocasión informamos que hoxe mesmo pola tarde, na “Librería Biblos“, que está a carón do noso instituto, hase celebrar un Taller de Lectura con Ana Alcolea, que é unha afamada autora especializada en literatura infantil e xuvenil. Así, entre outros, conseguiu en 2011 o “Premio Anaya de Literatura Infantil e Juvenil“, na súa oitava edición coa obra “La noche más oscura“. Tedes aquí o cartel.

 

Exposición “Pano de fondo”: II

Como o prometido é débeda, aquí temos xa as fotos da exposicións de “Pano de fondo”. Fáltannos tan só as composicións que aínda se están a facer. Que as desfrutedes.

[kml_flashembed publishmethod=”static” fversion=”8.0.0″ movie=”http://bibliolucus.blogaliza.org/files/2012/10/Pano-de-fondo1.swf” width=”500″ height=”400″ targetclass=”flashmovie”]

Get Adobe Flash player

[/kml_flashembed]

Exposición “Pano de fondo”

No Centro Sociocultural de NovaCaixaGalicia estase a celebrar unha exposición de fotografía titulada “Pano de fondo. Achegamento á fotografía de estudio 1880-1960“. Como o nome indica é unha escolma dalgúns dos principais fotógrafos dalgunhas vilas galegas (Laxe, O Porriño, Monforte…) e nas que aparecen ordenadas por temas: vodas, primeiras comuñóns e fotos de escolas, e retratos de persoas da vida rural e urbá desa cronoloxía.

Aproveitando esta oportunidade, desenvolveuse, entre parte do profesorado que comparte as clases de 3º con horas de Biblioteca, unha actividade na que participaron todos os alumnos de 3º da ESO -houbo que facer dúas quendas porque eran moitos- que consistiu en ve-la exposición e escoller a fotografía que máis lle chamara a atención e ter que facer unha pequena exposición argumentativa por escrito sobre o motivo da escolla.

Nestes momentos, estase a desenvolver esta segunda parte da actividade, pero a través das fotos que tedes a continuación pódense observar algúns dos fondos máis relevantes desta nosa historia recente. Dende aquí animávosvos, a todos os que teñades oportunidade, para ir vela porque é moi interesante. Estará aberta en Lugo até o 18 de novembro.

Premendo na imaxe, podes descargar o folleto de man. Nos vindeiros días, xa teremos preparado un pequeno carrusel de fotografías.

Presentación do libro “Outramente”

O Club Cultural Valle-Inclán presenta o libro Outramente de Pilar García Negro, editado por Laiovento. O acto, cuxa entrada é libre, terá lugar  este xoves, día 7 de xuño, na Galería Sargadelos de Lugo, ás 20,00 horas. Acompañarán á autora  Marica Campo, escritora; Lucía L. Baio, xefa de opinión que foi de Xornal de Galicia e  Tonina Gay, xornalista.

María Pilar García Negro (Lugo, 9 de Outubro de 1953) é profesora da  Universidade da Coruña. Autora de numerosos libros sobre lingua e literatura galegas. É directoraxerente da Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas. Obtivo o XV Premio “Vicente Risco” de Ciencias Sociais 2010 co volume O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo. Foi corredactora da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos e pertence ao seu Comité Científico. Deputada no Parlamento Galego polo BNG desde 1989 a 2003.

Este novo libro “Outramente” recolle os artigos cos que Pilar García Negro colaborou asiduamente  durante  vinte e dous meses, desde Outubro de 2009 até Agosto de 2011, en Xornal de Galicia. Os artigos aquí contidos recollen as sucesivas entregas até o mesmo momento en que a superioridade decidiu clausurar a edición escrita en papel e, posteriormente, cerrar a dixital.


 

« Entradas anteriores Entradas seguintes »

© 2024 bibliolucus

Tema por Anders NorenArriba ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz