Apenas onte, apareceu no xornal La Voz de Galicia, unha nova na que se informaba da entrega, a xeito de doazón, da biblioteca persoal de Arcadio López-Casanova á Biblioteca de Galicia. A doazón foi realizada pola súa viúva e ten máis de 2.000 exemplares.
Arcadio López-Casanova, como xa escribimos noutra ocasión, estudara o bacharelato no noso centro, de onde marchou a Santiago a estudar Filoloxía. A seguir, traballou un tempo no Colexio Fingoi até conseguir praza nun instituto de Valencia onde foi catedrático e, posteriormente, gañou unha praza como profesor titular na Universidade da mesma cidade.
Malia a distancia existente, nunca perdeu o contacto co país e seguiu a publicar en galego, e español, até se converter nunha figura importante da xeración que se denominou como “os Novísimos”.
Nunha das moitas veces que estivera por Lugo, conseguimos que dera unha conferencia e tivera unha xuntanza con alumnos de 2ºBAC, aló polo 2013 (nesta ligazón, podes ve-lo vídeo da xuntanza). O certo foi que non houbo que rogar demasiado porque sempre lle gustou ese contacto directo coa mocidade.
Dende aquí, aproveitamos a ocasión para lembralo cun agarimoso recordo.
Deixa unha resposta