Un outro blogue en galego de Wordpress

Etiqueta: diapositivas

Repercusión da exposición “O ensino polo aspecto”

Pasados xa varios días dende que se presentara a exposición “O ensino polo aspecto“, que está reseñada unhas notas antes, podemos ver hoxe na rede un pequeno artigo no xornal “El Progreso” no que se fai referencia dela. Polo seu interese deixamos aquí a ligazón.

No artigo, destácase o papel didáctico e visual das placas de cristal dende finais do XIX até a década dos 40 do século XX que será cando comezan a aparecer as diapositivas.

Exposición “O ensino polo aspecto”

 A partir dos fondos propios do centro, presentamos unha exposición que, coidamos, é moi interesante. Consiste, por dicilo rapidamente, nos devanceiros das diapositivas ou das imaxes dixitais actuais e dos seus aparellos de proxección.

Un dos obxectivos contemplados xa polas primeiras leis educativas do liberalismo decimonónico foi o de facilitar a utilización de medios que permitisen un modelo de ensino público máis pragmático. Os recursos tecnolóxicos dispoñibles naquel momento eran evidentemente moi rudimentarios comparados cos actuais.

As placas de cristal chegaron aos institutos españois nas últimas décadas do século XIX, e continuaron servindo ao ensino como elementos didácticos cando menos ata a Guerra Civil. As vistas sobre placas de vidro tiñan, normalmente, unhas dimensións de 8,5 x 10 cm. e repartíanse en axeitadas caixas de madeira que permitían a súa organización, selección e conservación. Os aparellos de proxección chamábanse EPIDIASCOPIOS (=Ver a través de…), polo que as placas tamén recibían o nome de placas epidiascópicas.

Hoxe estamos acostumados á utilizar aparellos de proxección moi perfeccionados, pero debe entenderse que os epidiascopios e as placas de cristal son os antecedentes inmediatos das diapositivas e dos medios dixitais actuais, que permitiron desenvolver ese modelo de ensino que no seo momento se chamou “ensino polo aspecto”.

© 2024 bibliolucus

Tema por Anders NorenArriba ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz