Un outro blogue en galego de Wordpress

Mes: Xuño 2023

Proxecto Competencial 1º e 3º de ESO. Curso 2022-2023

Este curso tivemos unha materia nova: Proxecto Competencial. Como o nome indica, preténdese desenvolver competencias múltiples a través de proxectos que estimulen a creatividade e a cooperación en traballos de equipo. Non hai nin apuntamentos nin exame, e preténdese que disfruten. Esperamos ter alcanzado algo ou moito do proposto, así como seguir mellorando nos sucesivos cursos.
A través dos seguintes vídeos podemos ver un resumo do feito e da excursión a Ponteceso en Xuño.

Arcadio López-Casanova na Biblioteca de Galicia.

Apenas onte, apareceu no xornal La Voz de Galicia, unha nova na que se informaba da entrega, a xeito de doazón, da biblioteca persoal de Arcadio López-Casanova á Biblioteca de Galicia. A doazón foi realizada pola súa viúva e ten máis de 2.000 exemplares.

Arcadio López-Casanova, como xa escribimos noutra ocasión, estudara o bacharelato no noso centro, de onde marchou a Santiago a estudar Filoloxía. A seguir, traballou un tempo no Colexio Fingoi até conseguir praza nun instituto de Valencia onde foi catedrático e, posteriormente, gañou unha praza como profesor titular na Universidade da mesma cidade.

Malia a distancia existente, nunca perdeu o contacto co país e seguiu a publicar en galego, e español, até se converter nunha figura importante da xeración que se denominou como “os Novísimos”.

Nunha das moitas veces que estivera por Lugo, conseguimos que dera unha conferencia e tivera unha xuntanza con alumnos de 2ºBAC, aló polo 2013 (nesta ligazón, podes ve-lo vídeo da xuntanza). O certo foi que non houbo que rogar demasiado porque sempre lle gustou ese contacto directo coa mocidade.

Dende aquí, aproveitamos a ocasión para lembralo cun agarimoso recordo.

Presentación de Libro e conferencia

O vindeiro xoves 8 de xuño, ás 19:00h, no salón de actos do IES Lucus Augusti será a presentación do libro: A vida desmedida de Basilio Álvarez. Basilio Álvarez, foi un importante persoeiro da vida galega e española nos momentos anteriores á Segunda República española, que se convertera no lider do agrarismo.

Participan no acto, organizado polo departamento de Xeografía e Historia e a Biblioteca, o autor Miguel Cabo Villaverde, catedrático de Historia na Universidade de Santiago de Compostela e autor do libro, e Henrique Hervés, profesor do centro que fará de presentador do autor e moderador do posterior coloquio.

Enquisa de fin de curso

A piques de chegármonos á fin do curso chega o momento de ir facendo balance. Moitas actividades foron as realizadas neste curso, mais para vos ofrecer, aínda, un mellor servizo, deseñamos unha sinxela enquisa para que, anonimamente, se queres, nos fagas chegar as túas suxestións e puntúes o realizado ata este momento.

Os usuarios son a parte máis importante de todo este proceso que comezou hai pouco tempo; e os usuarios deben colaborar, participar, aprender, suxerir e, mesmo, avaliar. Para poder facer isto último tan só debes premer na imaxe que está aí abaixo e cando saia o cuestionario -tardarás menos de dous minutos- ler os enunciados e picar na puntuación que che pareza mellor. A nós vainos servir para comezar o vindeiro curso, con máis folgos e máis ideas. No derradeiro apartado, podes engadir o comentario que che pareza:  o que che parece ben, o que é mellorable, ou mesmo, suxestións de compras para o vindeiro curso.

Ánimo e a participar. Grazas. E feliz verán..

Imaxe votar

© 2024 bibliolucus

Tema por Anders NorenArriba ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz