Debo ser un progue con estudos universitarios porque, aínda que non teño querencia pola hiperglucemia, os caramelos de Baricco (“Seda” incluída) gústanme.
“Mr. Gwyn” é outro conto fermoso sobre o oficio da escritura, este home inventouse un estilo narrativo que lle funciona dun xeito espectacular, ata os seus detractores o len. Non é para prodigarse coa súa obra pero… cada certo tempo un bombón senta como dios.
Autor: bibliolucus (Páxina 3 de 11)
Boa novela de Norman Mailer. “A canción do verdugo” é unha biopsia do lado escuro, unha farsa negra que percorre os antecedentes e o desenlace dun asasino sentenciado a pena de morte. Sobre a estrutura dunha historia real, Mailer afronta o cuestionamento dos criterios diagnósticos da saúde mental (co finísimo fío que separa a psicose da psicopatía), as relacións familiares e de parella que adornan a patoloxía (unha muller “ninfómana” e un home cunha paranoia celotípica), os paradoxos xudiciais respecto da execución da condena, os intrincados movementos da prensa… Todo un tratado sociolóxico en torno ao delito e á liberdade de elección respecto da vida e a morte.
O relato resulta pelín tocho e por momentos espésase na descrición do proceso pero faino sen perder un ápice de tensión narrativa. Recomendable.
Chégannos un feixe de novas da Librería Biblos, para os vindeiros días.
- E de seguido, ás 20’00 h. faise a presentación en Lugo da novela de Xosé Mª Lema “Costa do solpor“, editada por Xerais. O acto contará tamén coia participación, a maiores do autor, de Primitivo Iglesias e de Manuel Bragado , director da editorial. Esta obra, finalista do “premio Xerais”, conecta a novela tradicional de aventuras como “A illa do tesouro” coa xeografía galega da Costa da Morte.
O martes 16 de abril, ás 20’15h. , haberá un acto no que se contará con Xesús Alonso Montero, antigo profesor do noso centro, e un dos actuais candidatos á Presidencia da Real Academia Galega. No acto, tamén participarán os poetas lucenses Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco.
Rematada xa a Semana da Prensa, e despois de tantos exames e avaliacións, chega o momento de facer balance da actividade deste curso. Este ano, coma o pasado, contamos coa inestimable colaboración de José Manuel Freire, redactor xefe do periódico local “El Progreso“, que propuxo a realización dun taller sobre os medios de comunicación, e nos que se traballou na creación de varios blogues nos que o alumnado de 3º ESO participante, seleccionou titulares de varios medios de comunicación. Durante toda a semana, levouse a cabo a recompilación de titulares para posteriormente pasar a un debate no que se deu a coñecer como se “fabrican” noticias (caso da falsa morte de Chávez, adiantada polo xornal “El País”, que pasou de primicia a un fiasco enorme, tamén dende o punto de vista económico, pois supuxo retirar dos quioscos unha enorme cantidade de exemplares xa dispostos para a venda), como evolucionan outras novas de grande actualidade estes días: asunto Bárcenas, ou asunto Urdangarín, por exemplo.
Tampouco faltou unha reflexión sobre como evolucionou a profesión de periodista por mor da aplicación das tecnoloxías actuais. Aquí tedes o carrusel, no que se amosa o comezo do taller, o debate e a clausura, no que o noso convidado foi obsequiado cun pequeno agasallo.
[kml_flashembed publishmethod=”static” fversion=”8.0.0″ movie=”http://bibliolucus.blogaliza.org/files/2013/04/Semana-da-prensa-marzo-2013.swf” width=”470″ height=”350″ targetclass=”flashmovie”]
[/kml_flashembed]
Tamén no xornal “El Progreso” se fixeron eco do taller e da colaboración entre ese medio de comunicación e o noso centro, a través dun pequeno avance titulado: Mozos ben informados. Podedes velo aquí.
A través da Biblioteca, o noso Centro participa con persoas particulares, sindicatos, centros educativos, empresas etc., na maior campaña colectiva para chama-la atención sobre a necesidade de render os recursos naturais e conserva-lo planeta. Esta foi unha campaña que comezara o ano pasado, cando xa acadara unha ampla publicidade. Este ano espérase unha repercusión aínda maior. Apúntaste? Queda pouco tempo… Fíxate no reloxo; e embaixo tes máis información no video.
¿Quen dixo que a vida dos compositores non era divertida? Este libro “cómic” recolle dun xeito moi orixinal -a través das viñetas- a historia da música, dende os seus inicios ata o século XX. Un percorrido polos momentos máis destacados da historia da música, dende a Idade de Pedra, pasando polo canto gregoriano, as encantadoras melodías trobadorescas, o xenio de Bach, o lirismo de Puccini…
¿Sabías que os homes primitivos xa empregaban tambores, frautas e outros instrumentos -feitos con obxectos da natureza- para facer música, ou que o grandísimo Beethoven compuxo parte da súa obra logo de quedarse xordo? Un libro moi recomendable para tódolos alumnos, para que coñezan como era a música que se facía nos diversos lugares do mundo hai moitos, moitos anos.
Pódelo descargar en formato PDF, premendo sobre a imaxe anterior. A súa orixe é da Xunta de Estremadura (Educarex).
O pasado 8 de marzo, coincidindo co Día da Muller Traballadora, cumpíronse os 10 anos da creación da Galipedia, a sección galega da Wikipedia. O reto destes últimos días antes da celebración sera acadar a máxica cifra de 100.000 artigos publicados; e conseguiuse. En tempos de tantas dificultades, debe ser un momento de festexo e de ledicia para todos os que pulan pola pervivencia da lingua. Un “GRAZAS“, con maiúsculas a todos aqueles que nos ofrecen unha encicopedia, libre, de calidade e en galego.
Interesante iniciativa a da ONU-Mulleres, unha entidade da ONU para fomenta-la igualdade de xénero, que para conmemora-la data do 8 de marzo conseguiron o apoio de mulleres artistas de diversas nacionalidades de todo mundo para realizar unha canción titulada así: “One woman“. A canción pódese mercar a través de varias canles e os cartos conseguidos serán empregados para mellorar a súa vida. O custe é de só 0’70€.
Podes acceder á máis información, e escoitar a canción, ou mercala, na web de “One Woman“, premendo na imaxe.
Para conmemorar esta data temos aquí unha serie de materiais cos que podemos traballar na aula.
- En primeiro lugar, un video de Radialistas.net no que se fai unha pequena cronoloxía que nos amosa como se chegou ao establecemento desta data: so feitos históricos nons que se insire a conmemoración.
- A continuación, tes outro video realizado pola organización ATTAC, na que se trata -aínda hoxe- o tema da igualdade de xénero: como o lema da exposición do vestíbulo “o que non se menciona, non existe”. Neste video, hai varias teses que poden dar para un bo debate.
- Finalmente, tedes un carrusel de fotos no que se resume a exposición que temos no vestíbulo do Centro. Nela, aparecen materiais diversos colleitamos de múltiples procedencias como un impresionante traballo realizado hai tempo no IES Pontepedriña, de Compostela. Neste carrusel, seleccionamos algunhas nada máis e inserimos algúns enunciados que tamén poden servir para darlle unha voltiña á cabeza. Para velo, non tes máis que premer na imaxe.
- Dende o IES “Frei Martín Sarmiento” de Pontevedra chéganos este interesante video, realizado por alumnos de PDC, titulado “Mulleres galegas“. Dende aquí agradecémoslles o aporte e felicitámolos polo gran traballo realizado.
Onte, 27 de febreiro, erguémonos coa noticia da morte de Stéphane Hessel. Persoa de vida azarosa e rica -naceu en Berlín en 1917, fuxiu a Francia durante a II Guerra Mundial, participou na Resistencia francesa contra os nazis por quen foi detido recluído no campo de concentración de Buchemwald-, pasará á historia por ser unha das persoas que redactaría, ao remate da devandita guerra, a “Declaración dos Dereitos Humanos” en 1948.
Voltou de novo á palestra pública cando, en 2010, presenta unha obra titulada “Indigne-vous” na que fai referencia á situación do momento debido á crise que xa comezaba a se manifestar en Europa e, en especial, nos países do sur de Europa. Esta obra é a que aparece como a teorización de movementos como o “15-M” ou “Democracia real, ya“.
A obra tivo un impacto inmediato e foi traducida a varios idiomas -entre eles o galego- e podédela ler na Biblioteca. A continuación, podedes ver un video do programa de RTVE, “Informe Semanal”, que se lle adicou en abril de 2011. Hai que advertir que no comezo o son está algo desacompasado coa imaxe pero, a pesar diso, segue sendo un documento interesante. Aínda non pasaron dous anos e semella que foron ducias!.
(Nota: Pódese descargar o libriño en formato PDF, dende a ligazón principal de Hessel na Galipedia que aparece na parte superior desta nota).
Comentarios recentes