Oito anos demorou Domingo Villar a terceira entrega das andainas do inspector Leo Caldas. “O último barco” son 800 páxinas de novela policial made in Galiza, unha “negra” de estrutura clásica que consegue manter a incertidume ata a derradeira liña. Gostara do debut con “Ollos de auga” e defraudome “A praia dos afogados” (sen mencionar a nefasta adaptación cinematográfica que fixeron dela) pero hai que recoñecer que este traballo, rumiando na pescuda dunha muller desaparecida en Moaña, está moi ben artellado. Lectura de entretenimento moi recomendable.
Para os/as incondicionais de Villar, que se contan por milleiros, imprescindible.
Autor: bibliolucus (Páxina 2 de 11)
Temos xa o primeiro vídeo sobre o Festival de Entroido celebrado o pasado venres no noso centro.
Mike Stilkey é un artista nado nos Ánxeles que utiliza libros vellos como lenzos para as súas obras. As súas composicións escultóricas, que van dende obras en pequeno formato ata grandes murais, son unha homenaxe á literatura abandonada.
Quedei abraiado coa primeira lectura de Mario Caneiro, que foi “Ana e os homes“, e hoxe non atopo que dicir de “Homiños”, un cambio de tercio radical que só se asemella na inmensa calidade da escritura deste home.
Outra desestruturación intencionada das personaxes que van construíndo, con narracións en primeira persoa, a vida dunha vila de Ferrolterra aló polos 80. É incrible que alguén poida sacar en tan pouco espazo a chea de matices que agocha a realidade da aldea: o acoso, o maltrato, a amizade, o gregarismo adolescente, o rastro da diáspora, o alcoholismo, o suicidio… Todo marcado coa diapasón do tren que transita polos límites da bisbarra como unha metáfora da nosa alienación.
Boísima; de lectura obrigada.
En abril do 2018, despois de facerse pública a sentenza do xuízo da “manada”, a xornalista Cristina Fallarás lanzou a iniciativa “#cuéntalo“, un hashtag contra a violencia de xénero que pretendía visibilizar a través dos testimonios de mulleres vítimas de maltrato unha dramática realidade agochada tralo silenzo. Durante 14 días máis de 800.000 mulleres denunciaron na rede as violacións, acosos e agresións ás que foran sometidas.
Unha vez realizado o traballo de campo solicitaron a colaboración do Centro de Supercomputación de Barcelona para manexar os 13 gigabytes de información, con máis de 2 millóns de chíos que encherían 100 libros, de xeito que poideran converterse nun esquema sinxelo que achegara información respecto á situación da violencia de xénero sen perder cada historia individual e non sepultar os relatos persoais con cifras e estatísticas. O proceso para a construción do algoritmo a través dunha rede neuronal realizada a man foi complexo e rematou nunha páxina web impactante.
Unha colaboración entre periodismo social e tecnoloxía impresionante.
Para saber máis Blogue #Cuéntalo
O artista turco Ugur Gallenkus emprega os collages enfrontando a crúa realidade de moitos países do oriente medio con fotos icónicas, imaxes pop, arte e publicidade occidental.
Unha suxestión: A parella de romaneses: Elizabeth Sagan e James Trevino constrúen arte con libros.
Tremendo libro de Jonathan Little, un prodixio da literatura, que aos seus 39 anos sacouse da chisteira unha obra descomunal. “Las benévolas” (2006) non é unha novela máis sobre o Holocausto. Coa estrutura das memorias dun oficial das SS, Little mergúllase nun relato histórico demoledor combinado simultáneamente con reflexións intimistas que o aproximan ao ensaio. Un libro dunha complexidade extraterrestre que atrapa dende o inicio ata o fin. É recomendable ler o glosario ao comezo, para non perderse na chea de acrónimos e nomenclaturas que aparecen nas case 1000 páxinas, e así poder centrarse na densidade da narración e na complexidade das súas persoaxes. Recibiu o Goncourt e o Grand Prix du Roman de L’Academie Française, pero podería ter sido recoñecido como unha das perlas da la literatura contemporánea. Chapeau.
Unha historia de amor, ou quizais de desamor, escrita de forma exquisita. Eu quéixome da miña pobreza para deleitarme coas súas alusións á poesía italiana e máis da miña ignorancia respecto ao contexto socio-político do país a finais da década dos anos 30, pero o poder de “O xardín dos Finzi-Contini” reside no seu lirismo, Giorgio Bassani logra envolver o cotiá en papel de agasallo.
Comentarios recentes