bibliolucus

Un outro blogue en galego de Wordpress

Páxina 3 de 51

Poppy Day

O 11 de Novembro é o Poppy Day ou Día do Recordo (Remembrance Day). Ás 11, do día 11, do mes 11… gárdase 1 minuto de silencio, coincidindo coa fin oficial da 1ª Guerra Mundial. Foi establecido en 1919 en lembranza de todas as vítimas da 1ª Guerra Mundial e, por extensión, de todos os conflitos bélicos. Celébrase nos países da Commonwealth. A papoula do recordo úsase desde 1921 e converteuse nun emblema, en referencia ao poema In Flanders Field. Foi escrito en 1915 polo tenente coronel médico McCrae, que participou na Segunda Batalla de Ypres. Inspirouse ao observar as papoulas que medraban entre as numerosas cruces dos caídos en guerra.

O Poppy Day foi tamén celebrado no noso centro, baixo a dirección do Departamento de Inglés. Neste vídeo podemos ver máis información e as actividades feitas. Parabéns a todas as persoas participantes!

DIE SCHULTÜTE: curso 2023-2024

Como todos os anos, o Departamento de Alemán organiza esta actividade para 1º de ESO, neste caso en 1º A e 1º B.  Unha “Schultüte” é un cucurucho cheo de doces e sorpresas para facer amable o inicio de curso. Esta é unha tradición en Alemaña que se remonta ao S. XIX, e que o Departamento de Alemán, con bo criterio, mantén viva. Non só suaviza o tránsito a unha nova etapa escolar, como é o inicio da educación secundaria e nun novo centro, senón que tamén supón un estímulo para iniciarse na aprendizaxe noutra lingua.

Ao tempo, pon a proba a creatividade do alumnado, que sen dúbida, este ano deixou o listón ben alto. Parabéns polo traballo feito!

Curso 2023-2024

Comezamos o novo curso con novos azos e con curiosidade por ver cara onde nos leva. Polo de agora, deixamos a benvida ao novo alumnado -novos compañeiros e compañeiras- e, a seguir, iremos completando este noso xornal con novas do centro.

Proxecto Competencial 1º e 3º de ESO. Curso 2022-2023

Este curso tivemos unha materia nova: Proxecto Competencial. Como o nome indica, preténdese desenvolver competencias múltiples a través de proxectos que estimulen a creatividade e a cooperación en traballos de equipo. Non hai nin apuntamentos nin exame, e preténdese que disfruten. Esperamos ter alcanzado algo ou moito do proposto, así como seguir mellorando nos sucesivos cursos.
A través dos seguintes vídeos podemos ver un resumo do feito e da excursión a Ponteceso en Xuño.

Arcadio López-Casanova na Biblioteca de Galicia.

Apenas onte, apareceu no xornal La Voz de Galicia, unha nova na que se informaba da entrega, a xeito de doazón, da biblioteca persoal de Arcadio López-Casanova á Biblioteca de Galicia. A doazón foi realizada pola súa viúva e ten máis de 2.000 exemplares.

Arcadio López-Casanova, como xa escribimos noutra ocasión, estudara o bacharelato no noso centro, de onde marchou a Santiago a estudar Filoloxía. A seguir, traballou un tempo no Colexio Fingoi até conseguir praza nun instituto de Valencia onde foi catedrático e, posteriormente, gañou unha praza como profesor titular na Universidade da mesma cidade.

Malia a distancia existente, nunca perdeu o contacto co país e seguiu a publicar en galego, e español, até se converter nunha figura importante da xeración que se denominou como “os Novísimos”.

Nunha das moitas veces que estivera por Lugo, conseguimos que dera unha conferencia e tivera unha xuntanza con alumnos de 2ºBAC, aló polo 2013 (nesta ligazón, podes ve-lo vídeo da xuntanza). O certo foi que non houbo que rogar demasiado porque sempre lle gustou ese contacto directo coa mocidade.

Dende aquí, aproveitamos a ocasión para lembralo cun agarimoso recordo.

Presentación de Libro e conferencia

O vindeiro xoves 8 de xuño, ás 19:00h, no salón de actos do IES Lucus Augusti será a presentación do libro: A vida desmedida de Basilio Álvarez. Basilio Álvarez, foi un importante persoeiro da vida galega e española nos momentos anteriores á Segunda República española, que se convertera no lider do agrarismo.

Participan no acto, organizado polo departamento de Xeografía e Historia e a Biblioteca, o autor Miguel Cabo Villaverde, catedrático de Historia na Universidade de Santiago de Compostela e autor do libro, e Henrique Hervés, profesor do centro que fará de presentador do autor e moderador do posterior coloquio.

Enquisa de fin de curso

A piques de chegármonos á fin do curso chega o momento de ir facendo balance. Moitas actividades foron as realizadas neste curso, mais para vos ofrecer, aínda, un mellor servizo, deseñamos unha sinxela enquisa para que, anonimamente, se queres, nos fagas chegar as túas suxestións e puntúes o realizado ata este momento.

Os usuarios son a parte máis importante de todo este proceso que comezou hai pouco tempo; e os usuarios deben colaborar, participar, aprender, suxerir e, mesmo, avaliar. Para poder facer isto último tan só debes premer na imaxe que está aí abaixo e cando saia o cuestionario -tardarás menos de dous minutos- ler os enunciados e picar na puntuación que che pareza mellor. A nós vainos servir para comezar o vindeiro curso, con máis folgos e máis ideas. No derradeiro apartado, podes engadir o comentario que che pareza:  o que che parece ben, o que é mellorable, ou mesmo, suxestións de compras para o vindeiro curso.

Ánimo e a participar. Grazas. E feliz verán..

Imaxe votar

Día do Libro II

Para o Día do Libro, o Departamento de Normalización Lingüística propuxera a realización dun concurso de realización de vídeos nos que se recomendase un libro, o que sería un booktrailer, que se lle chama en inglés. Aquí temos os resultados para que os xulguedes vós.

Neste vídeo tedes recollidos os vídeos gañadores cos nomes dos autores:

E a continuación, temos estoutro vídeo cos finalistas:

IV PREMIO DE ENSAIO FILOSÓFICO

En sesión celebrada no IES LUCUS AUGUSTI o 25/04/2023 reunido o xurado do IV Premio de Ensaio Filosófico composto por profesorado dos Departamentos de Filosofía e Educación Plástica, e a escritora e redactora da revista colaboradora “Hechos Mínimos”; despois de avaliar os traballos presentados, o xurado decide fallar os seguintes PREMIOS:

 MODALIDADE ENSAIO

PRIMEIRO PREMIO para PABLO PEDREIRA LÓPEZ, de 1º BACH C.

SEGUNDO PREMIO para CLOE CANTO SYLLÁ, de 2º BAC E.

TERCEIRO PREMIO para PAULA PIÑEIRO LAGE, de 2º BACH E.

MODALIDADE VIÑETA

PRIMEIRO PREMIO para MARTA RIVERA LÓPEZ, de 2º BACH B (viñeta nº 1)

Ademáis dos traballos premiados, menciónanse tamén nas consideracións fináis os traballos presentados por ANTÓN RODRÍGUEZ VÁZQUEZ de 2º BACH E e IAGO RAMOS SALGADO de 1º BACH E.

O ENSAIO de PABLO PEDREIRA LÓPEZ destacado co Primeiro Premio contén unha reflexión madura e ben articulada sobre o tema proposto da “paz despois da guerra”, cun texto de ideas precisas e sensibilidade na expresión, con capacidade para suxerir e continuar pensando a partir del, mérito que consideramos especialmente destacable.

A VIÑETA premiada de MARTA RIVERA LÓPEZ reflexa en breves trazos as ambiguidades e paradoxas do tema, facendo que unha cuestión complexa poida ser transmitida con medios sutís, deixando abertas posibles lecturas da imaxe.

Non queremos deixar de destacar os ensaios premiados de CLOE CANTO SYLLÁ (un texto de gran riqueza no manexo de referencias culturais) e PAULA PIÑEIRO LAGE (con texto cheo de matices na expresión das ideas). E con elas, os textos de ANTÓN RODRÍGUEZ VÁZQUEZ e IAGO RAMOS SALGADO, con cualidades que os fan ser meritorios concursantes deste premio. Noraboa a todas elas e eles.

A entrega dos premios terá lugar o día 5 de maio de 2023, ás 11:15 na Sala de Xuntas do IES Lucus Augusti.

« Entradas anteriores Entradas seguintes »

© 2025 bibliolucus

Tema por Anders NorenArriba ↑