O ex-profesor do noso centro, Manuel Calvo López, vén de presentar o seu libro EPISTOLARIO A/DE XESÚS RODRÍGUEL LÓPEZ sobre a vida deste lucense polifacético que, aparte de ser médico, foi un dos membros fundadores da Real Academia Galega. Posiblemente, a maior parte dos lucenses de hoxe pouco ou nada saben sobre el.
Xesús nace en Lugo o 28 de xullo de 1859 en San Mamede de Lousada. Fixo os estudos de Bacharelato no Instituto de Segunda Ensinanza de Lugo (Arquivo Histórico do Instituto Lucus Augusti). En 1874 marcha a Santiago para estudar a carreira de Mediciña, acadando por oposición unha praza de alumno interno no Real Hospital de Galicia, praza que perde por abandonar unha garda e deixar só a un compañeiro na asistencia dun parto (Arquivo da Facultade de Mediciña de Santiago de Compostela). Acada a licenciatura o 29 de xuño de 1881 coa calificación de Sobresaínte.
En 1886 viaxa a París para estudar na clínica Pasteur o tratamento preciso para cura-la rabia. Ao seu retorno publica tres artigos nos que explica a súa experiencia no Intituto parisino.
Catro anos máis tarde, en marzo de 1890, é comisionado polo Goberno Civil de Lugo para curar un andazo de gripe n’ A Fonsagrada. Alí chega o día 11 poñendo en práctica un procedemento terapéutico que, pouco a pouco, foi rematando cunha enfermidade que causara un gran número de mortos.
Estableceu despacho na casa paterna, na rúa da Tinería 22, exercendo como médico cirurxián. Un día por semana facíao de balde para as persoas pobres. Falecerá en Lugo o 24 de marzo de 1917.
Comentarios recentes