Se as paredes falasen…

Quen non dixo estas palabras nalgunha ocasión? Resulta inevitable entrar no vello cárcere de Lugo e non formular este pensamento. Ás veces ocorre. Unha celda chea de nomes silenciosos e silenciados e de súpeto ás nosas costas unha voz queda di:  “ahí está el nombre del abuelo de mi mujer”.

Imos dar unha clase de historia e a historia sae ó paso para darnos  unha lección. Enma Otero Correa, neta do xuíz de paz de Cervo asasinado o 10 de novembro de 1936.

Os alumnos escoitamos. Agora os feitos dos libros teñen nome e apelidos. Enma mostra a fotografía de seu avó. Fala de guerra, de sufrimento, de medo, de ostracismo. Pero por riba de todo fala de memoria. Memoria para non esquecer. Memoria para comprender.

E repite vencida, que non derrotada, pola emoción: “por favor, eduquen a estos niños para que no hereden el odio, porque el odio se hereda”. O seu testemuño dá consistencia ó vello cárcere, tan limpo, tan pulcro na súa restauración que semella sacado dun anuncio de xoguetes.

Na despedida, intercambio de números de teléfono, fotografía , agradecemento. Pero sobre todo, unha gran débeda, intentar dar cumprimento ó rogo de Enma. Así sexa. Somos xente de palabra.

A Enma e Carlos na súa visita ó cárcere de Lugo. Grazas.

Paz F. González (Departamento de Historia).