Hai pouco tempo conversaba cun amigo sobor da degradación do sistema educativo, a perversidade política que o afasta da igualdade e a inclusividade, o inmobilismo con cheiro a rancio do profesorado, a ausencia de implicación das familias… mil razóns coas que pretendía argumentar a debacle da educación pública; el limitou a responsabilidade ao alumnado. Se cadra sobran razóns para xustificar ese adoceamento bovino, as novas tecnoloxías, o alonxamento académico dos seus propios intereses, ata aqueles máis sociais que parecen ser tamizados polo filtro da productividade e que os afastan de calquera expectativa de intelectualidade, se cadra esa “obxección” converteuse na resposta silenciosa e agresiva fronte a un modelo triste, obsoleto e irracional.
“La mirada de los peces” recupera esa reivindicación do “terrorismo” adolescente, esa pulsión inconformista que posúe o poder de mobilizar cara ao cambio, e da que o alumnado de hoxe parece non ser consciente. Sergio del Molino escribe un caderno autobiográfico asentado no fito que supuxo para el a figura do profesor de filosofía Antonio Aramayona, un activista social que loitou pola educación pública, o laicismo e o dereito a unha morte digna, decidindo rematar coa súa vida en xullo do 2016.
É curioso que, a pesares de estar a case catro lustros da miña adolescencia, me sinta identificado con esa actividade gamberra, esa complicidade con algúns dos que foron os meus profesores e ata coa banda sonora dos comezos dos noventa que identifico cunha fidelidade case exacta á que escoitabamos nos garitos alá polo 79, ou prolonguei en exceso a miña puberdade ou a historia segue un ritmo cíclico que parece terse fracturado, porque cada día que entro ao instituto atópome con esa “mirada dos peixes”.
Comentarios recentes