Este luns chuvañento ábrese coa nova do pasamento, en Londres cando tiña 94 anos, de Doris Lessing. Muller de vida azarosa e interesante que, para moitos e moitas, representa un paradigma do que foi o século XX. Nace en Persia, actual Irán, de onde se traslada coa súa familia a Rodesia -actual Cimbabue- cando contaba con 6 anos. Alí choca coas estruturas racistas de imposición da minoría branca sobre a maioría negra, marcha da casa, sobrevive soa, traballa, casa, ten dous fillos e únese a un grupo de debate comunista. Divórciase, volta casar, marcha a Londres, ten outro fillo, entra e sae no Partido Comunista, e participa en protestas feministas e antinucleares.
Por esas datas, falamos de 1950, comeza a escribir e non será até 1962 cando publica a primeira grande obra que a consagra como unha escritora reputada, “O Caderno dourado”. Esta obra cunha innovadora estrutura será a que a convirta nunha icona do movemento feminista e permita continuar cunha obra poderosa e fundamanetal, se ben, non últimos anos, criticouselle unha derivación cara á ciencia-ficción de pouca calidade.
No pasado 2001, recibe o Premio Príncipe de Asturias e, posteriormente, no 2007 o Premio Nobel de Literatura pola capacidade para transmitir a épica da experiencia feminina e narrar a división da civilización con escepticismo, paixón e forza visionaria.
Deixa unha ampla obra da que aquí, na nosa Bilioteca, contamos coa a súa obra máis relevante editada por Galaxia, “O caderno dourado“.
Comentarios recentes