Sabela García Fidalgo, de 1ºESO A, tráenos a súa lectura recomendada: “Yo soy Malala“. Isto é o que nos comenta:
O libro “Yo soy Malala” pareceume moi interesante xa que fala da historia de superación dunha nena. Tamén me gustou porque nos achega a unha nova relixión e á cultura dun país (Paquistán). No libro comenta como os talibáns logran acceder ao país causando un caos e unha guerra civil, provocando o medo dos habitantes, que fuxen para non ser asasinados.
Entre as numerosas prohibicións atopábase que as nenas non podían asistir ao colexio, co que Malala estaba completamente en desacordo. Por causa de manifestar a súa opinión os talibáns pegáronlle un tiro na cabeza.
Sorprendeume que ese machismo exista e que se tes algunha idea diferente a eles a súa solución sexa matarte.
A historia de Malala xa é bastante coñecida. Cando tiña 12 anos (2009) e os talibáns ocuparon o val do Swat onde vivía en Paquistán, unha das primeiras medidas que adoptaron foi a de prohibir que as nenas poideran seguir indo á escola. moitas das súas compañeiras deixaron de facelo, por temor, mais ela continuou acudindo. como consecuencia foi tiroteada na face polo que tivo que ser operada varias veces en Gran Bretaña. A pesar de todos os problemas continua defendo o dereito das nenas a recibir educación en igualdade de condicións cós rapaces. De seguido, premendo na imaxe, podes ver un vídeo, gravado pouco despois de ser atacada, onde manifesta o seu compromiso con esa idea.
O ano pasado, presentou xunto con Christina Lamb o libro “Yo soy Malala“, onde explica a súa curta vida. Como con 11 anos comezou a traballar como “blogueira” para a BBC e como era a súa vida en Paquistán antes e despois da chegada dos talibáns e sobre a defensa dos seus dereitos. Un interesante libro, real, sobre unha experiencia vital enormemente vibrante, que podes ver presente nos andeis da nosa biblioteca.
Tamén fora moi comentada a súa intervención perante a Asemblea Xeral das Nacións Unidas nas que fixo unha intervención en defensa dos dereitos da infancia e do dereito á educación.
As palabras do Secretario Xeral da ONU, referidas a ela, deberían servir para nos facer reflexionar sobre a importancia da educación: “Os estremistas demostraron que é o que máis temen: a unha nena cun libro“.
Comentarios recentes