Un outro blogue en galego de Wordpress

Etiqueta: Lugo

XESÚS RODRÍGUEZ LÓPEZ

O ex-profesor do noso centro, Manuel Calvo López, vén de presentar o seu libro  EPISTOLARIO A/DE XESÚS RODRÍGUEL LÓPEZ sobre a vida deste lucense polifacético que, aparte de ser médico, foi un dos membros fundadores da Real Academia Galega. Posiblemente, a maior parte dos lucenses de hoxe pouco ou nada saben sobre el.

Xesús nace en Lugo o 28 de xullo de 1859 en San Mamede de Lousada. Fixo os estudos de Bacharelato no Instituto de Segunda Ensinanza de Lugo (Arquivo Histórico do Instituto Lucus Augusti).  En 1874 marcha a Santiago para estudar a carreira de Mediciña, acadando por oposición unha praza de alumno interno no Real Hospital de Galicia, praza que perde por abandonar unha garda e deixar só a un compañeiro na asistencia dun parto (Arquivo da Facultade de Mediciña de Santiago de Compostela). Acada a licenciatura o 29 de xuño de 1881 coa calificación de Sobresaínte.

En 1886 viaxa a París para estudar na clínica Pasteur o tratamento preciso para cura-la rabia. Ao seu retorno publica tres artigos nos que explica a súa experiencia no Intituto parisino.

Catro anos máis tarde, en marzo de 1890, é comisionado polo Goberno Civil de Lugo para curar un andazo de gripe n’ A Fonsagrada. Alí chega o día 11 poñendo en práctica un procedemento terapéutico que, pouco a pouco, foi rematando cunha enfermidade que causara un gran número de mortos.

Estableceu despacho na casa paterna, na rúa da Tinería 22, exercendo como médico cirurxián. Un día por semana facíao de balde para as persoas pobres. Falecerá en Lugo o 24 de marzo de 1917.

XIII Mostra de Teatro Clásico de Lugo

Estase a celebrar do 17 ao 26 deste mes de febreiro a XIIª Mostra de Teatro Clásico na nosa cidade. Aínda que o programa é moi interesante e o podedes descargar dende a web do Concello, aquí destacamos a obra do sábado, ás 18’30h., pois é unha adaptación do “Lazarillo de Tormes”, que moitos están a ler en 3º da ESO. Así é un bo momento para pasar unha tarde agradable que complemente a lectura da obra. A montaxe da obra a realizada Caramuxo Teatro en clave de comedia e emprega a 3 actores. Se queres máis impormación, preme no nome da compañía para ires á súa web.

Conmemoración da Muralla

Vista aérea da Muralla

O vindeiro mércores, a Concellería de Cultura,Turismo e Promoción da Lingua, organizará un acto para conmemorar o XI aniversario da proclamación da Muralla como Patrimono da Humanidade. Así, ese día 30, ás 18’30 horas vaise arrodear a Muralla cunha corda de 2 quilómetros e medio como parte central da celebración que levará como tema “ACórdate da Muralla”. Por suposto a celebración será máis ampla e seguirá con múltiples actos.

Nós tamén queremeos participar dende aquí, apoiando o acto e animando a que participes no que che interese. E esperemos que a coiden -coidemos- un pouco máis entre todos.

Exposición de Seoane

Organizada pola Fundación “CaixaGalicia” está a funcionar estes días no na Sala de Exposicións do  Centro Sociocultural de Caixa Galicia no fondo da Praza Maior, a exposición “Cen por cen Seoane. 100 anos, 100 lugares“. Conmemórase con ela o centenario do artista na forma da maior exposición habida nunca sobre o artista.

Así aparecen recollidas máis de 350 obras orixinais do autor e doutros artistas que tiveron que ver con el, 220 documentos orixinais (cartas, escritos variados, autógrafos…) e preto de 130 fotografías  sobre a súa vida. Todo isto permite facerse unha clara idea da importancia de Luís Seoane, como artista e tamén como activista político e noutras facetas relevantes como a participación con Isaac Díaz Pardo no xermolo do que había de ser máis adiante a factoría de Sargadelos.

A exposición estará aberta até o 8 de maio en horario de mañá e tarde, podendo realizar os mércores e sábados ás 19’30 unha visita guiada. Para coñecer máis exactamente os horarios, podes picar na seguinte ligazón da Sede de Lugo da Fundación Caixa Galicia onde tamén hai unha ligazón á exposición.

Finalmente, podes descargar o folleto da exposición premendo na imaxe seguinte, pero coidado os horarios que aí aparecen non son os de Lugo.

© 2024 bibliolucus

Tema por Anders NorenArriba ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz