Mal comezo de ano. Voltamos das vacacións co corpo raro a causa dos sucesos ocorridos en París. Un atentado terrorista que asasina unha ducia de persoas entre policías e redactores do semanario satírico francés “Charlie Hebdo“. En momentos tan terribles como estes, os que sobreviviron pensan continuar co semanario para evitar que a violencia venza á liberdade de expresión. O vindeiro mércores voltarán, máis unha vez, a ser fieis á cita cos seus lectores. É unha cuestión de principios. É unha cuestión de dereitos.

 charlie hebdo

Noutros momentos, temos realizado exposicións a prol da defensa dos dereitos humanos e, quizais, alguén puido pensar que eran problemas alleos, doutras persoas, porque en Occidente ou en Europa non temos nada que temer. Hoxe, pódese ver que esta visión é moi reducionista. Todos vivimos nesta nave espacial chamada Terra e, queiramos ou non, máis cedo ou máis tarde, vémonos afectados polo que pasa na outra punta do planeta.

O perigo é que ese tópico tan espallado, sobre todo, polo cine estadounidense, de que musulmán=terrorista vaia coaiando nas nosas ideas. O perigo é que en Francia, ou en España, os oportunistas promocionen teorías xenófobas ou mesmo racistas. En Francia hai máis de 5 millóns de musulmáns en España máis dun millón. Un dos policías asasinado cando estaba ferido no chan, tamén era musulmán. A muller dun dos redactores asasinados da revista tamén é musulmá e orixinaria de Alxeria. E no mundo árabe, tamén se están a producir reaccións de repulsa contra o asasinato. E, nalgún caso, como o que vos presentamos a continuación, empregando os mesmos instrumentos que os asasinados: as viñetas. Premendo na imaxe, pódese ver na folla da “Fundación Al Fanar“, un feixe de viñetas publicada o mesmo día 8 en periódicos e revistas de Marrocos, de Exipto, de Alxeria ou de Palestina.

anuar

Finalmente, queremos dende este recuncho do planeta, facer chegar a nosa solidariedade a amigos e familiares das vítimas.