Para conmemorar o 8 de marzo, “Día da muller traballadora”, este ano preparamos unha serie de materiais que se poden dividir en 3 grupos ou apartados.
En primeiro lugar, temos como lema condutor “As sensombreiro“. Refírese á frase pexorativa que recibiron un feixe de mulleres talentosas e relevantes que participaron na chamada “Xeración do 27” e que permaceron no esquecemento até hai pouco tempo. Algunhas, por circunstancias varias, aínda son descoñecidas para a sociedade pero outras xa están a ocupar o espazo que lles corresponde. Falamos de María Zambrano, filósofa discípula de Ortega e Gasset, exiliada moitos anos durante o franquismo; ou de Maruja Mallo, a pintora surrealista por excelencia, recoñecida por Dalí, por Picasso ou por Andy Warhol; ou de Rosa Chacel, escritora moi recoñecida xa morta.
Este será o fío condutor da exposición de libros e de sombreiros que xa temos no vestíbulo. E tamén pódese ver nun dos expositores os retratos e os elementos biográficos máis relevantes de cada unha delas. Eses retratos e a biografía son os que están no libro dixital que aparece ao premer na imaxe que temos a continuación, e co que se pode traballar nas pantallas da clase na hora de titoría.
Pero todo iso complementa un proxecto que está na rede dando os primeiros pasos. É un proxecto “crossmedia” e que se chama precisamente “Las sinsombrero“, no que a maiores da biografía, hai fotos, un proxecto educativo, unha wiki, fragmentos fílmicos etc. Todo iso pódese ver na web realizada expresamente para este momento e que se accede por medio desta ligazón.
E o terceiro apartado é que tamén quixemos aproveitar a circunstancia de que unhas das mulleres é unha gran pintora galega: Maruja Mallo, polo que tamén temos un un espazo independente, outro expositor, no que se trata a súa figura individualmente. Igualmente, pódese acceder a máis informacións relevantes sobre a pintora, nas seguintes ligazóns:
- Un blogue, realizado polo alumnado da Escola de Idiomas de Vigo, adicado á súa figura, no que se contextualiza a súa figura, danse informacións sobre a súa vida e preséntase unha escolma da súa obra. Podes acceder, premendo aquí.
- Un documental dirixido por Antón Reixa, titulado “Mitad ángel, mitad marisco“, que quizais sexa o elemento audiovisual máis completo sobre a súa figura, que foi emitido en rtve: aquí.
- Finalmente, unha escolma de diapositivas da profesora Ana Rey da súa presentación “Mulleres Creadoras“.
En breve, publicaremos o tríptico de lecturas recomendadas sobre todo este material, o folleto sobre as figuras presentes nos expositores, e algunhas fotos do vestíbulo.
Comentarios recentes