Por iniciativa do Club de Ciencias e do Equipo de Dinamización Lingüística exponse no vestíbulo do noso Instituto a mostra itinerante XEAS: Mulleres que estudan a Terra. co gallo da conmemoración do Día da Muller e da Nena na Ciencia o vindeiro 11 de febreiro. A exposición consta de sete paneis con textos de Rosa María
Mateos e Ana Ruiz Constán, do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España
(IGME-CSIC), ilustracións de Nívola Uyá e tradución ao galego de Irene Pérez
Cáceres.
A mostra chegou a nós a través da Asociación de Ensinantes de Ciencias de
Galicia (ENCIGA), copropietaria da mesma, xunto coa sección galega da
Asociación Española para a Ensinanza das Ciencias da Terra (AEPECTGalicia).
O percorrido pola exposición permíte achegarnos a diferentes disciplinas das
Ciencias da Terra a través das aportacións de doce xeólogas de épocas,
contextos históricos e nacionalidades diferentes que, malia os atrancos cos
que se atoparon, deixaron unha forte pegada no coñecemento científico.
Algunhas foron, ademais, mulleres cunha gran conciencia social e compromiso
político. Outras implicáronse notablemente na transmisión do coñecemento
científico, especialmente a outras mulleres.
A mostra pretende ser un xusto recoñecemento ao traballo de todas elas e
unha ventá aberta para que o noso alumnado as coñeza e siga traballando na
visibilización do papel que xogou e xoga a muller na Ciencia.
A exposición permanecerá no centro ata o venres 14 de febreiro.
Comentarios recentes