Un outro blogue en galego de Wordpress

Categoría: Galego (Páxina 1 de 4)

23 de febreiro-Día de Rosalía

Chegou o 23. Como tódolos anos, a AELG (Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega), encarga a unha figura sobranceira da cultura a realización do manifesto que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o sábado 25 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela.

Este ano Carme Adán foi a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG que tamén será lido en todos os actos promovidos pola AELG, así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas que a entidade remite a concellos, asociacións e centros de ensino.

O lema escollido para este 2023 foi: #cumpriuseaxustiza, e o manifesto completo o podes descargar aquí.

No centro, levouse a cabo a lectura do manifesto, houbo a exposición de retratos realizada por rapaces da ESO e repartíronse cartaces como o que vén a continuación cunha imaxe de Rosalía e unha parte do menifesto. A seguir, pódelo ver todo na seguinte galería.

Día de Rosalía

O vindeiro 23 de febreiro é cando se celebra o Día de Rosalía, a nosa poetisa nacional. Desta volta, os rapaces de Debuxo Artístico II elaboraron diversos traballos compostos por unha versión de retrato e un dos poemas rosalianos. Participaron o Equipo de Dinamización da Lingua Galega e o Equipo de Biblioteca.

Velaí podedes ve-lo vídeo (premede na imaxe) co resultado. Este vídeo será proxectado nas clases ese día e, ás 11’15, haberá un acto no vestíbulo do Instituto.

E a seguir, tedes aquí un Genially, realizado entre os Equipos de Dinamización Lingüística de varios CEIP da Coruña e outro de Ourense nos que podes pór a proba os teus coñecementos sobre Rosalía.

Preme aquí para velo Genially de Rosalía

21 días en Galego e+

A comunidade galego-falante mira este martes cara o Lucus Augusti. O instituto acolleu a clausura do programa 21 Días en galego e +, un proxecto no que participan doce centros educativos e que busca estender o uso do galego máis alá das aulas. Durante o acto, un grupo de alumnos interpretou Terra, de Tanxugueiras.

A iniciativa tivo boa acollida en estudantes e profesores, di o profesor Vázquez Somoza, que destaca que nestes vinteún días detectáronse cambios nos hábitos lingüísticos. Remarca que, seguramente pola súa condición de centro marcadamente urbán, o castelán é a lingua dominante no centro. “Unha cousa é a lingua das clases e outra a lingua de relación e nun centro urbán como este o peso do galego era limitado”, explica.

Aquí podemos ve-la imaxe que serviu para decorar e ambientar o programa nas cancelas de entrada ao centro. Se queres ver máis da iniciativa, premendo aquí, accedes ao artigo que nos adicou o xornal El Progreso.

Exposición Cantigas de amor e de amigo

Estamos a ver estes días unha exposición titulada “Cantigas de amor e de amigo. As cantigas de Martín de Padrozelos“. É unha exposición didáctica itinerante que estará no noso centro entre o 1 e o 12 de febreiro; coincide por tanto, co Programa 21 días en Galego e+ e por iso o conectamos na derradeira imaxe.

O muiñeiro ouveador

O muiñeiro Ouveador

En outubro de 2018 faleceu Arto Paasilinna, escritor finés do que se dixo fora o inventor do “humor negro ecolóxico”.

Eu estreneime na súa obra co “O muiñeiro ouveador“, maxistralmente traducida ao galego por Tomás González Ahola. Unha boísima elección porque a historia ben podería estar contextualizada na Galiza de mediados do século XX. Un conto fermoso no que a tolemia é cuestionada dun xeito intelixente ao confrontar os valores urbáns coa natureza, un alegato panteìsta cheo de graza e dramatismo. Moi recomendable.

O último barco

Domingo Villar

Oito anos demorou Domingo Villar a terceira entrega das andainas do inspector Leo Caldas. “O último barco” son 800 páxinas de novela policial made in Galiza, unha “negra” de estrutura clásica que consegue manter a incertidume ata a derradeira liña. Gostara do debut con “Ollos de auga” e defraudome “A praia dos afogados” (sen mencionar a nefasta adaptación cinematográfica que fixeron dela) pero hai que recoñecer que este traballo, rumiando na pescuda dunha muller desaparecida en Moaña, está moi ben artellado. Lectura de entretenimento moi recomendable.
Para os/as incondicionais de Villar, que se contan por milleiros, imprescindible.

A dúbida

Outra novela curta que se le dun tirón. María Reimóndez gañou con “A dúbida” o XIV Premio de Novela por Entregas de “La Voz de Galicia”.

Unha doadísima narración de denuncia dos abusos sexuais na infancia artellada dende a perspectiva da muller do acosador. O compromiso de Reimóndez para visibilizar este indignante tema non é un feito aillado pois no 1998 fundou a ONG “Implicadas no desenvolvemento” dende a que se elaborou o proxecto “O son das buguinas” para a axuda ás vítimas do tsunami na India no 2004.

Lembro ter traballado con eses boísimos materiais na aula… un pedazo de muller.

Aquí se pode ler o discurso que leu na entrega do premio.

LETRAS GALEGAS 2018

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2018

O IES Lucus Augusti conmemora o Día das Letras Galegas 2018 adicado á escritora estremeña María Victoria Moreno (antiga profesora neste centro) con diversos actos.

Comeza cunha exposición adicada a aqueles escritores que foron homenaxeados no seu día con esta distinción para continuar cunha charla de Marilar Aleixandre, membro da Real Academia Galega, sobre a súa obra “A Expedición do Pacífico” e para facer unha semblanza da autora a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas.

Estos actos continúan coa exhibición dunha pancarta alusiva ao día especificado así como unha exposición de carteis coa vida e obra da homenaxeada.

Para completar a celebración colócanse carteis con códigos QR polo instituto con información relativa ao Día das Letras Galegas así como da propia María Victoria Moreno.

A Veiga é como un tempo distinto

a veigaBoa novela de Eva MoredaA Veiga é como un tempo distinto“, en a penas 120 páxinas constrúe un relato de amor e loita, contextualizado na diáspora galega a Londres mediado o século XX, que coincide cos primeiros movementos de liberación da muller e a actividade sindical polos dereitos das traballadoras. Moi recomendable.

« Entradas anteriores

© 2024 bibliolucus

Tema por Anders NorenArriba ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz