Un outro blogue en galego de Wordpress

Categoría: Exposicións (Páxina 1 de 4)

Exposición “XEAS: Mulleres que estudan a Terra”

Por iniciativa do Club de Ciencias e do Equipo de Dinamización Lingüística exponse no vestíbulo do noso Instituto a mostra itinerante XEAS: Mulleres que estudan a Terra. co gallo da conmemoración do Día da Muller e da Nena na Ciencia o vindeiro 11 de febreiro. A exposición consta de sete paneis con textos de Rosa María
Mateos e Ana Ruiz Constán, do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España
(IGME-CSIC), ilustracións de Nívola Uyá e tradución ao galego de Irene Pérez
Cáceres.
A mostra chegou a nós a través da Asociación de Ensinantes de Ciencias de
Galicia (ENCIGA), copropietaria da mesma, xunto coa sección galega da
Asociación Española para a Ensinanza das Ciencias da Terra (AEPECTGalicia).

O percorrido pola exposición permíte achegarnos a diferentes disciplinas das
Ciencias da Terra a través das aportacións de doce xeólogas de épocas,
contextos históricos e nacionalidades diferentes que, malia os atrancos cos
que se atoparon, deixaron unha forte pegada no coñecemento científico.
Algunhas foron, ademais, mulleres cunha gran conciencia social e compromiso
político. Outras implicáronse notablemente na transmisión do coñecemento
científico, especialmente a outras mulleres.

A mostra pretende ser un xusto recoñecemento ao traballo de todas elas e
unha ventá aberta para que o noso alumnado as coñeza e siga traballando na
visibilización do papel que xogou e xoga a muller na Ciencia.

A exposición permanecerá no centro ata o venres 14 de febreiro.

Exposición sobre Frank Kafka

Organizada polo Departamento de Alemán do IES Lucus Augusti, exhíbese no vestíbulo do noso instituto unha exposición sobre este escritor bohemio de lingua alemá baixo o título “Frank Kafka: un hombre de su tiempo y también del nuestro”. Os paneis, creados polos Centro Checo, dependente do Ministerio de Asuntos Exteriores da República Checa, foron proporcionados por AGAXE (Asociación Galega de Xermanistas) e a EOI de Santiago de Compostela. Poderán visitarse ata o 21 de xaneiro de 2025.

Exposición: maquetas de ADN

RESUMO DA ACTIVIDADE:

– As maquetas foron realizadas polos alumnos de 4º ESO de bioloxía e xeoloxía (4º A e 4º B).
– A finalidade da actividade era que comprendesen a estrutura do ADN. Unha vez estudiada a súa estrutura secundaria (modelo da dobre hélice de Watson e Crick), os alumnos debían construír unha maqueta (modelo tridimensional) desta biomolécula.
– Para realizar a maqueta podían utilizar diferentes materiais, cada un os que quixera. Despois de ver vídeos de YouTube nos que facían maquetas de ADN con diferentes materiais: gominolas, papel (origami), bolas e palillos, etc., os alumnos podían escoller algunha desas ideas, ou podían optar por facer a maqueta libremente, utilizando os materiais que eles quixeran.
– A maqueta podía ter unha lenda, onde se indicara o que é cada elemento.
– Unha vez feita a maqueta, tiñan que saber explicar a estrutura do ADN ou contestar a preguntas concretas feitas pola profesora, baseándose na súa maqueta.
– Por último, debido ó esforzo por parte dos alumnos e ó ben que quedaron as maquetas, expuxéronse na entrada do instituto.

Poppy Day

O 11 de Novembro é o Poppy Day ou Día do Recordo (Remembrance Day). Ás 11, do día 11, do mes 11… gárdase 1 minuto de silencio, coincidindo coa fin oficial da 1ª Guerra Mundial. Foi establecido en 1919 en lembranza de todas as vítimas da 1ª Guerra Mundial e, por extensión, de todos os conflitos bélicos. Celébrase nos países da Commonwealth. A papoula do recordo úsase desde 1921 e converteuse nun emblema, en referencia ao poema In Flanders Field. Foi escrito en 1915 polo tenente coronel médico McCrae, que participou na Segunda Batalla de Ypres. Inspirouse ao observar as papoulas que medraban entre as numerosas cruces dos caídos en guerra.

O Poppy Day foi tamén celebrado no noso centro, baixo a dirección do Departamento de Inglés. Neste vídeo podemos ver máis información e as actividades feitas. Parabéns a todas as persoas participantes!

8 de marzo

Con motivo do 8 de marzo, no vestíbulo do centro podiamos ver unha exposición de fondos da nosa biblioteca. Tamén foi o lugar onde varias alumnas leron un manifesto sobre a relevancia dese día.

Aquí temos unha imaxes sobre o acto.

Construíndo moléculas en 3D

O alumnado do Club de Ciencia do IES Lucus Augusti construíu moléculas de diferentes substancias orgánicas, previamente elixidas de acordo cos seus intereses. Os aminoácidos L-fenilalanina e L-arginina, a cafeína e a glucosa, o ácido acético, o trinitrotolueno e os alcohois etoxietanol e etilenglicol foron algunhas das seleccionadas.

 A actividade desenvolveuse ao longo de varias sesións nas que, en primeiro lugar, houobo que procura-la información, elixie a substancia e analizar e debuxa-la molécula a construír. Unha vez realizado isto, pintáronse as bólas de porexpan necesarias para cada molécula de acordo co código de cores indicado (vermello o átomo de osíxeno, azul o de nitróxeno e deixouse en branco o hidróxeno). A seguir, preparáronse os garabullos de madeira para realiza-los enlaces e contruí-las moléculas.

Finalmente, elaboráronse os documentos coa información das diferentes substancias representadas e creáronse códigos QR vencellados á información de cada substancia, así como da cartela identificativa da mesma, e montaxe da exposición. Unha vez, realizado todo ese traballo, presentouse na exposición nas vitrinas da entrada do centro, tal como podemos ver estes días.

Aquí se pode ver un vídeo da exposición.

Entroido 2023

Por fin, este ano, despois da pandemia de COVID-19, xa podemos disfrutar dun entroido normal e corrente. No centro, celebrarase o concurso de disfraces e hai no vestíbulo unha expsición de máscaras, libros e obxectos diversos relacionados co entroido e co carnaval de diversos sitios. Abofé que é ben curiosa.

Conmemoración 180 aniversario

Durante toda esta semana pódese ver no vestíbulo do centro unha exposición na que se conmemora o 180 aniversario do noso centro e que está organizada arredor do título 180 anos da nosa historia: 1842-2022.

Cartaz da conmemoración

Este é un dos actos previsto para a dita conmemoración pero non o único, pois o vindeiro mércores 30 de novembro, o catedrático de Xeografía e Historia, e antigo profesor do centro, Antonio Prado vai impartir unha conferencia titulada Por que foi Lugo a sede do instituto”, e na que nos falará das causas polas que o noso centro é o Instituto Decano de Galiza, o primeiro instituto e un dos máis antigos de España.

Será ás 10’30 no Salon de Actos. Tamén a conferencia se emitirá en streaming, polo que se poderá seguir online e, igulamente, en breve, se subirá o vídeo á nosa canle de YouTube, para que permaneza para a posteridade.

Exposición- Tubos de descarga

Dende o luns, pódese ver no vestíbulo do noso centro, unha exposición de tubos de descarga que pertencen á colección histórica do que demos en chamar “Museo Pedagóxico do IES Lucus Augusti“.

Estes tubos consisten en tubos pechados que conteñen, polo menos, dous electrodos, un ánodo e un cátodo, que cando reciben unha alta voltaxe emiten electróns e gas.

A exposición levouse a cabo por mor dunha relación interdisciplinar entre o Departamento dos Ciclos e mailo Departamento de Química. Aquí tedes un vídeo para podelo ver con detemento na casa.

Exposición de Plástica

Aquí temos, xa rematando o curso, unha exposición do Departamento de Plástica que presenta unha escolma dos principais traballos realizados por algúns dos seus alumnos. O tema era a representación de varias aves e paxaros, e podémolos ver co nome común e, tamén, co nome científico.

« Entradas anteriores

© 2025 bibliolucus

Tema por Anders NorenArriba ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz