É moi reconfortante comentar a charla que o pasado xoves 12, impartiu un antigo alumno do centro, Héctor Salvador Fouce, titulada:”Exploración tripulada dos últimos confíns do planeta. Baixada á Foxa das Marianas”, dentro do programa de actividades Stembach.
Este lucense, comezou a súa carreira profesional na Axencia Espacial Europea como Enxeñeiro Aeronáutico, pero a primeira vez que se mergullou no mar decidiu dar un xiro radical e dedicarse á exploración dos océanos como piloto e enxeñeiro de submarinos tripulados. Nos dez anos que leva no sector, acumula mais de 2.000 inmersións en tódolos mares do planeta, entre as que destaca o descenso ó Abismo da Serea na Fosa das Marianas a 10.706 metros de profundidade, converténdose no primeiro español en chegar ó máis profundo do noso planeta.
Héctor é director de operacións de Triton Submarines EMEA, consultor marítimo da Real Liga Naval Española, Académico correspondente da Real Academia de la Mar, numerario da Real Sociedad Geográfica e membro do Explorers Club de Nova York.
Xustamente o ano pasado, a revista dixital GCiencia, presentaba un artigo sobre o descenso á fosa das Marianas que podedes ler, premendo na seguinte ligazón.
Por problemas técnicos, non puidemos grava-la conferencia pero vos deixamos un vídeo dunha conferencia semellante que deu en novembro do ano pasado en Oviedo, na súa Semana da Ciencia.
Comentarios recentes