Un outro blogue en galego de Wordpress

Categoría: Curso 2015-2016 (Páxina 1 de 6)

Exposición de moedas (II)

Faltando case nada para o remate do curso, publicamos un vídeo onde podedes ver a interesante exposición de moedas castrexas (premoedas) e romanas, ás que faciamos referencia nunha nota anterior. Vai ser recollida de contado, polo que é o xeito de que permaneza na rede e que a podamos ver noutros instantes.

De novo, agradecemos ao propietario que nos ofrecera a súa visión.

Exposición de moedas

Temos unha interesante exposición de moedas no vestíbulo. É importante, porque é das poucas ocasións en que, fóra dun museo, pódese ver así tan de preto, un feixe de moedas romanas, e incluso prerromanas, é dicir de época castrexa, na que nos existían moedas como tales senón unha especie de abalorios que facían tal función. Resulta unha exposición moi acaída, agora que faltan poucos días para o “Arde Lucus.

Non queremos deixar de mencionar que foi unha iniciativa dun ex-alumno do centro, e que tamén ten a súa filla estudando aquí. Dende aquí agradecemos que nola ofrecera porque, sen dúbida, é unha mostra da colaboración, que sempre debe existir, co centro por parte de ex-alumnos ou/e de pais.

progreso-moedas

Ademais, tamén tivo eco fóra do noso centro como se pode ver no seguinte artigo de El Progreso, do que collemos a fotografía anterior. Pódelo ver, premendo aquí.

 

Recomendacións para o verán

A piques de rematarmos xa as clases, deseñamos esta nova Guía de Lecturas con recomendacións para o verán. Por se queredes botarlle unha ollada, aquí queda o tríptico que xunto coas imaxes, leva unha pequena sinopse de cada obra (para descargalo, non hai máis que premer na imaxe seguinte) . E claro, coma sempre, tódalas obras están no noso expositor.

recomendacións veran 2016

Desta volta, centrámonos en fondos fundamentalmente visuais e de lecer. Así a selección está dividida en 2 ámbitos: en primeiro lugar, a Banda Deseñada, tanto en galego coma en castelán e con obras que son adaptación de clásicos (La Guerra de Troya, El último mohicano), superheroes (Capitán Marvel ou Lobezno), autores galegos (Causas Nobres) adaptacións históricas (La balada del norte), ou algún e xemplo de Manga.

En segundo lugar, vídeo. Obras nominadas ou premiadas nos Goya (Vivir es fácil con los ojos cerrados, El Niño), nos Oscar (Selma), ou outras actuais dos máis diversos xéneros: adaptacións literarias (Insurgente), polémicas (The Interview), ou musicais (Los Miserables).

Enquisa de fin de curso

A piques de chegármonos á fin do curso chega o momento de ir facendo balance. Moitas actividades foron as realizadas neste curso, mais para vos ofrecer, aínda, un mellor servizo, deseñamos unha sinxela enquisa para que, anonimamente, se queres, nos fagas chegar as túas suxestións e puntúes o realizado ata este momento.

Os usuarios son a parte máis importante de todo este proceso que comezou hai pouco tempo; e os usuarios deben colaborar, participar, aprender, suxerir e, mesmo, avaliar. Para poder facer isto último tan só debes premer na imaxe que está aí abaixo e cando saia o cuestionario -tardarás menos de dous minutos- ler os enunciados e picar na puntuación que che pareza mellor. A nós vainos servir para comezar o vindeiro curso, con máis folgos e máis ideas. No derradeiro apartado, podes engadir o comentario que che pareza:  o que che parece ben, o que é mellorable, ou mesmo, suxestións de compras para o vindeiro curso.

Ánimo e a participar. Grazas. E feliz verán.

Imaxe votar

“Clases sen fume”

Clases sen fume” é un programa educativo para a prevención do tabaquismo, dirixido a escolares de 1º e 2º da ESO, pois é o alumnado da idade na que se dan os primeiros contactos co tabaco, sendo as comunidades educativas un instrumento indispensable para a execución do proxecto.

Este baséase no compromiso individual e colectivo (de toda a aula) de non fumar durante alomenos 6 meses, e que procura obexctivos variados como: reforzar o carácter voluntario da decisión de non fumar, facilitar a presión de grupo positiva xerada pola complicidade dun grupo de adolescentes e unha persoa adulta (titor/a), e reforzar a confianza nun mesmo e nos demais, ao tempo que se emprega o proceso de recompensa-premio como incentivo.

Durante o citado proxecto realizáronse varias actividades preventivas sobre o tabaquismo, sempre, cun foramto lúdico. Entre elas, destacan a creación de eslóganes e a realización de actividades creativas en formato vídeo. Velaí tedes o resultado.

Graduación 2016-bis

Por fin, xa temos o vídeo realizado para Yasmina para o acto da Graduación 2016. Está montado con fotografías que recollen todo unha morea de situacións durante todos estes anos no centro. Unha bonita lembranza.

Concurso de Narración breve, Coca Cola 2016

O pasado venres 27 de maio, na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela celebrouse a entrega de premios a nivel autonómico da 56ª edición do Concurso de Narración Coca Cola. Nese acto unha alumna do noso centro, Sofía Bussieres López de 2ºESO, acadou o 2º posto. Dende aquí queremos darlle os nosos parabéns polo seu traballo. Aquí deixamos unha pequena galería coas fotos do acto.

 

Pero se queres ver máis fotos, preme na imaxe seguinte para ir á galería do centro.

IMG-20160527-WA0034

« Entradas anteriores

© 2024 bibliolucus

Tema por Anders NorenArriba ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz