Un outro blogue en galego de Wordpress

Categoría: Curso 2014-2015 (Páxina 3 de 5)

Presentación de libro

Os rapaces da Librería Biblos veñen de nos informar do acto que se celebrará alí o vindeiro sábado. Teñen a presentación do último libro do periodista lucense nado en Mosteiro (Pol), Fernando Ónega, que se titula “Juan Carlos I. El rey que pudo reinar.” Trala presentación do libro, abrirase un pequeno coloquio no que o escritor comentará as circunstancias que arrodean ao libro, escrito no momento no que o antigo monarca leva a cabo a abdicación. Sen dúbida será unha interesante xuntanza.

ENCONTRO FERNANDO ONEGA

8 de marzo 2015

Coma tódolos anos o 8 de marzo conmemórase o “Día da Muller Traballadora“. Este ano temos moitas e moi relevantes actividades no instituto sobre esta data.

Por unha banda, un pequeno exercicio de lectura e investigación a partir de dous interesantes documentos que se poden descargar en formato .pdf, premendo no título correspondente: “Mulleres na historia da ciencia” e “As primeiras docentes de ciencias na Universidade de Santiago“. Unha vez lidos, pódense respostar as preguntas que se formulan na seguinte imaxe e proceder a un intercambio de impresións.

día da muller

Pero ademais, este ano queriamos que tivera como motivo condutor a figura de dúas irmás xemelgas –Jimena e Elisa Férnández de la Vega-, aproveitando que sobre a súa figura se han levar a cabo diversas actividades durante todo este mes por parte das Concellerías de Cultura e Benestar e Igualdade do Concello de Lugo xunto coa Fundación TIC da Deputación de Lugo, o Departamento de Orientación do centro conseguiu a nosa participación nalgunhas desas actividades. que son as seguintes:

  • 9 de marzo.
    • Inauguración dunha Exposición divulgativa da vida, traxectoria, aportacións e obra das irmás Jimena e Elisa Fdez. de la Vega Lombán que se pode ver xa no vestíbulo.
    • Charla para o estudantado de 3o e 4o da ESO das 13:25 as 14:15 h. a cargo do profesor Ricardo Gurriarán Rodríguez, sobre as dúas irmás.
  • 11 de marzo.
    • Charla para o estudantado de 3o e 4o da ESO das 13:25 as 14:15 h. a cargo da profesora e biógrafa das irmás Fdez. de la Vega, Ánxela Bugallo (que o mesmo día, para todo o público, ás 18’00 h. no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra levará a cabo a conferencia “Abrindo caminos: As primeiras licenciadas“.

Son moitas cousas, das que daremos máis información nos vindeiros días, pero se queredes ter unha referencia de quen foron as dúas irmás, podes mirar nas entradas correspondenstes a cada unha delas en culturagalega.org: sobre Jimena e sobre Elisa.

Día de Rosalía

O pasado 24 de febreiro conmemorouse o “Día de Rosalía“, o mesmo día do seu nacemento. Nos últimos anos é unha data cada vez máis relevante por todo o país. Nesta ocasión, mesmo Google, apuntouse á esta data presentando un “doodle” no que aparecía ela e que, seguro sorprendeu a máis de un por canto supón unha fortísima presenza da autora, da lingua e do país galego na internet.

 panel-1
Nós este ano decidimos apoiar o lema da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) que se titulaba: “Nós tamén somos Rosalía”, para o que deseñamos a seguinte actividade.

No vestíbulo, hai un “photocall” cunha imaxe actualizada de Rosalía, e con outra figura que ten no espazo da cabeza un buratiño, para que poidamos colocar a nosa. Trátase de que, un compañeiro ou compañeira, nos faga unha foto con Rosalía. Coa axuda dun ordenador, descargamos a foto e, no espazo en branco coloquemos un lema relacionado con Rosalía ou coa Lingua Galega, ou uns versos da obra da autora.

Unha vez rematado, enviamos o ficheiro dixital ao correo da Biblioteca (bibliolucus@gmail.com) cos nosos datos (nome e curso), antes do 1 de maio. Faremos unha exposición cos mellores ou máis orixinais, e daremos 3 premios.

panel-rosalia-2

Así pois xa o sabes, anímate e participa.

Día de Rosalía

Hoxe, Google tamén se apunta á conmemoración do Día de Rosalía co seu Doodle. Isto si que coloca a nosa lingua no mundo. Millóns e millóns de ordenadores de todo o planeta abren coa figura da nosa poetisa nacional. Hai que velo paara crelo! Hai futuro.

Recomendación: “Yo soy Malala”

Sabela García Fidalgo, de 1ºESO A, tráenos a súa lectura recomendada: “Yo soy Malala“. Isto é o que nos comenta:

malalaO libro “Yo soy Malala” pareceume moi interesante  xa que fala da historia de superación dunha nena. Tamén me gustou porque nos achega a unha nova relixión e á cultura dun país (Paquistán). No libro comenta como os talibáns logran acceder ao país causando un caos e unha guerra civil,  provocando o medo dos habitantes, que fuxen para non ser asasinados.

Entre as numerosas prohibicións atopábase que as nenas non podían asistir ao colexio, co que Malala  estaba completamente en desacordo. Por causa de manifestar a súa opinión os talibáns pegáronlle un tiro na cabeza.

Sorprendeume que ese machismo exista e que se tes algunha idea diferente a eles a súa solución sexa matarte.

Entroido 2015

Xa temos aquí fresquiñas as imaxes do vídeo gravado sobre a celebración do Entroido no Centro. Dado o rebumbio que había, o son non é do mellorciño pero o importante é lembrar os momentos vividos naquela ocasión.  Noraboa aos gañadores e tamén a todos os participantes. Aquí o tedes.

Presentación de “Galicia encantada”

galicia encantadaMañán martes día 10, ás  19:30 horas, na Libraría Trama, terá lugar a presentación do libro “Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías“, edición de Antonio Reigosa. O libro recolle moitas das lendas e mitos que foran publicados na folla web de igual nome: Galicia encantada.

O acto contará coa participación de Noemí López, Manuel Bragado e Antonio Reigosa que manterán un faladoiro con J. Manuel Blanco Prado, José Mª Carricoba, Mª Celina Cruz, Adela Figueroa, Xosé Mª Gómez Vilabella, Xabier Moure e Isidro Novo.

Visita de Fina Casalderrey

Recentemente estivo no noso centro a autora Fina Casalderrey. É unha moi coñecida e recoñecida autora de novelas e pezas teatrais, que compartiu unha mañá con moitos dos nosos alumnos e compañeiros. Por unha banda estivo cos de 1º da ESO para falar do libro “O misterio de Faro Vello” e, despois, sen que estivera previsto, tamén se prestou para departir con alumnos de 2º de BAC sobre temas literarios.

No vídeo que vén a continuación podedes ver unhas fotografías das dúas xuntanzas e tamén lle engadimos varias portadas dalgúns libros de Fina que se poden atopar entre os fondos da Biblioteca.

Exposición: Revistas escolares

Durante estes días está presente no vestíbulo do noso centro unha exposición de revistas escolares. Estas revistas, unhas 40, foron editadas en institutos históricos entre 1910 e 1960 e permanecían nos fondos do Arquivo do Instituto. Daquela, eran confeccionadas polos propios alumnos e tamén polo profesorado de centros como o Instituto San Isidro de Madrid, o Pérez Galdós de As Palmas de Gran Canaria, ou o Cardenal Mendoza de Burgos, entre outros.

Cartel

Coma hoxe, os artigos facían mención dos actos máis importantes levados a cabo no centro. Dende as excursións dos alumnos até as visitas recibidas (por exemplo, a visita de Franco, a un destes institutos) pero tamén había traballos e artigos sobre as diferentes materias. Como comentaba o noso Catedrático de Historia, Antonio Prado, era común que houbera relacións entre os institutos e se mandaran as revistas uns a outros como elemento de cortesía e para manter a relación.

De seguido, presentamos unha pequena mostra de fotografías da exposición. No cartel que anuncia a exposición tamén se pode ver algún exemplar antigo da revista do noso Centro.

Charlie Hebdo.

Mal comezo de ano. Voltamos das vacacións co corpo raro a causa dos sucesos ocorridos en París. Un atentado terrorista que asasina unha ducia de persoas entre policías e redactores do semanario satírico francés “Charlie Hebdo“. En momentos tan terribles como estes, os que sobreviviron pensan continuar co semanario para evitar que a violencia venza á liberdade de expresión. O vindeiro mércores voltarán, máis unha vez, a ser fieis á cita cos seus lectores. É unha cuestión de principios. É unha cuestión de dereitos.

 charlie hebdo

Noutros momentos, temos realizado exposicións a prol da defensa dos dereitos humanos e, quizais, alguén puido pensar que eran problemas alleos, doutras persoas, porque en Occidente ou en Europa non temos nada que temer. Hoxe, pódese ver que esta visión é moi reducionista. Todos vivimos nesta nave espacial chamada Terra e, queiramos ou non, máis cedo ou máis tarde, vémonos afectados polo que pasa na outra punta do planeta.

O perigo é que ese tópico tan espallado, sobre todo, polo cine estadounidense, de que musulmán=terrorista vaia coaiando nas nosas ideas. O perigo é que en Francia, ou en España, os oportunistas promocionen teorías xenófobas ou mesmo racistas. En Francia hai máis de 5 millóns de musulmáns en España máis dun millón. Un dos policías asasinado cando estaba ferido no chan, tamén era musulmán. A muller dun dos redactores asasinados da revista tamén é musulmá e orixinaria de Alxeria. E no mundo árabe, tamén se están a producir reaccións de repulsa contra o asasinato. E, nalgún caso, como o que vos presentamos a continuación, empregando os mesmos instrumentos que os asasinados: as viñetas. Premendo na imaxe, pódese ver na folla da “Fundación Al Fanar“, un feixe de viñetas publicada o mesmo día 8 en periódicos e revistas de Marrocos, de Exipto, de Alxeria ou de Palestina.

anuar

Finalmente, queremos dende este recuncho do planeta, facer chegar a nosa solidariedade a amigos e familiares das vítimas.

« Entradas anteriores Entradas seguintes »

© 2025 bibliolucus

Tema por Anders NorenArriba ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz