Un outro blogue en galego de Wordpress

Categoría: Concursos/certames

Gustavo Teodoro da Silva, premio ao mellor conclusor no Torneo Lugo Debate

“É unha actividade que che agasalla moitas cousas”
Gustavo Teodoro da Silva vén de ser premiado esta fin de semana como mellor conclusor
do Torneo Lugo Debate (categoría secundaria).
Como te sentiches ao recibires o premio?
Sentinme moi feliz, pero tamén moi sorprendido, pois había moitos debatentes co meu mesmo rol, e eran todos moi bos. Non esperaba para nada gañar, despois do chasco do segundo debate do xoves, no que tivemos mala puntuación…, pero vese que os xuíces valoraron tamén outros debates nos que o meu equipo e máis eu nos lucimos moito máis.
Que che pareceu o torneo Lugo Debate ? Que opinas deste tipo de certames escolares?
O torneo de Lugo é, como di o seu lema, “máis que debate”. As diferentes actividade que estaban dispoñibles para todos os que participabamos eran moi interesantes e acertadas. Ademais, este tipo de torneo sae fóra do común e resulta unha boa oportunidade para coñecermos a máis persoas e poder estreitar lazos, tanto co teu equipo como cos profesores. Coido que actividades así son a clave para unha maior conexión entre institutos e fan que alumnos coma min se desenvolvan na oratoria e na capacidade de improvisar.
Como é a vida dentro dun equipo de debate?
Un pouco estresante. Ao principio todo é caos; despois comezamos a nos organizar, a saber o que vai dicir cada quen, entón todo comeza a fluír. Aprendes a traballar en grupo e a establecer relacións construtivas. No meu caso, ademais, puiden contar con un equipo marabilloso que sempre me axudou en todo.
Seguirás o vindeiro ano formando parte do clube de debate do instituto?
Evidentemente que si, até que cansen de min [risas]. É unha das mellores actividades extraescolares e escolares que puiden escoller. Ademais, non é algo de apenas un día, senón que perdura no tempo e regálache cualidades como a soltura para falares, o pensamento crítico, a organización e xestión do que vas dicir e dos tempos, a capacidade de síntese…
Que lle dirías a toda esa xente que pode estar valorando entrar nesta actividade?
Eu diríalles que se comprometan e traballen, que sexan naturais no discurso e que, ante todo, respecten aos seus contrincantes. Se lles interesa o mundo da comunicación, das ciencias sociais, do dereito, o debate é a clave para conseguilo.
Consideras que os equipos do Lucus teñen percorrido e posibilidades en vindeiros
debates?

Firmemente, temos rapazas e rapaces brillantes en todos os roles. Os equipos da ESO xa teñen moita experiencia e tamén anos por diante para continuaren. O equipo de Bac, aínda que acabado de crear para este debate, fíxoo súper ben tamén.
Inflúe dalgún xeito esta actividade na parte académica do alumnado?
Si que inflúe e para ben. É unha actividade que che agasalla moitas cousas, pensamento crítico, como xa dixen, pero tamén desenvoltura, eliminando de raíz o pánico escénico. Marca un antes e un despois á hora de facer unha exposición de clase, unha presentación, un speaking, un traballo en grupo, etc.
Grazas Gustavo, parabéns, e moitos éxitos no futuro.

III Concurso de szikus “A ciencia en poema”

Con motivo da celebración do Día da Muller e da Nena na ciencia o vindeiro 11 de febreiro, o Departamento de Física e Química e o Clube de Ciencia do IES Lucus Augusti, en colaboración coa Biblioteca e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, organizan o III Concurso de szikus baixo o lema “A ciencia en poema”. Achegamos nesta entrada o cartaz do certame.

VI Concurso de ensaio filosófico “Que é ser normal?”

O Departamento de Filosofía do IES Lucus Augusti vén de convocar o VI Concurso de ensaio filosófico.  O tema deste ano é Qué é ser normal?

Compre reflexionar sobre preguntas como: Algunha vez te sentiches diferente? Pensache que non encaixabas no que os demáis agardaban de tí? Ou son os demáis os raros? ¿Quen marca o criterio? Que teñen que ver a nosa educación, os nosos desexos, a cultura dominante? O normal varía co tempo? Hai que esforzarse máis por ser normal ou por non selo? Que é máis cómodo, ou máis molesto? Que é mellor? Que ten que ver ser normais con ser libres, ou responsables?  Se te preocupan cousas como estas, ou se pensaches algunha vez cousas parecidas a estas, este é o teu concurso!

Estas son as bases do concurso de ensaio:

1. Está dirixido a alumnado de Bacharelato do IES Lucus Augusti.

2. Os escritos poden estar en lingua galega ou castelá.

3. A extensión será entre 4.000 e 8.000 caracteres, espazos incluídos.

4.O escrito asinarase con pseudónimo. Entregarase un exemplar na conserxería do instituto en sobre pechado, no que figuren pseudónimo e título. Dentro do sobre incluirase outro máis pequeno, co nome e apelidos do/da participante, curso e grupo.

5. O prazo de presentación remata o día 22 de abril de 2025.

6. O xurado estará formado polo profesorado do Departamento de Filosofía.

7. O xurado valorará especialmente a orixinalidade do enfoque e capacidade crítica, ademáis da corrección formal do escrito.

8.  Os premios consistirán no seguinte:

1º premio: obsequio, diploma e cheque por valor de 100€.

2º premio: obsequio, diploma e cheque por valor de 50€.

3º premio: obsequio, diploma e cheque por valor de 30€ 

© 2026 bibliolucus

Tema por Anders NorenArriba ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz