O vindeiro 13 de decembro, na Librería Biblos, ás 19’30h., vaise celebrar un acto para presenta-la derradeira novela de Pedro Feijoo, titulada Ninguén contará a verdade. Esta é a novela coa que o escritor ourensán vén de gaña-la XL Edición do Premio Xerais de Novela.
Sen dúbida, será unha boa ocasión para escoitar a un dos maiores puntais da novela galega do momento.
Como xa é tradicional, o Departamento de Filosofía do IES Lucus Augusti, convoca o Concurso de Ensaio que xa vai pola 5ª edición e, desta volta, nas modalidades de Artigo e Banda Deseñada.
O tema é: ESTAMOS MELLOR INFORMADOS NA ERA DIXITAL?
Argumento: Óese falar de “sociedade da información”, é unha calificación veraz? É máis un desexo que unha realidade? Unha expectativa que se está a cumprir? Podemos confiar na verdade do que vemos? Ou do que oímos que din? Relacionámonos mellor grazas ás redes sociais? É a IA unha ferramenta de coñecemento, ou é algo máis? Interrogantes como estes e outros moitos caben dentro dunha reflexión sobre a revolución dixital, internet, as redes sociais e os seus efectos sobre a sociedade e o ser humano.
BASES do V Premio de Ensaio:
1. Poderase presentar alumnado de Bacharelato do IES Lucus Augusti.
2. Artigo e texto da viñeta poderán estar escritos en lingua galega ou castelá.
3. A extensión será entre 4.000 e 8.000 caracteres, espazos incluídos. O artigo asinarase con pseudónimo. Entregarase un exemplar na conserxería do instituto en sobre pechado tamaño A4, no que figure modalidade (artigo ou viñeta), pseudónimo e título. Dentro do sobre incluirase outro máis pequeno, co nome e apelidos do/da participante, curso e grupo.
4. O prazo de presentación será ata o día 22 de marzo de 2024.
5. O xurado estará formado por profesorado do Departamento de Filosofía e Debuxo e os editores da revista “Hechos mínimos”.
6. O xurado valorará especialmente a orixinalidade do enfoque e capacidade crítica, ademais da corrección formal (de artigo e viñeta).
7. Os premios consistirán no seguinte:
1º premio: publicación de artigo e viñeta na revista cultural Hechos Mínimos de Lugo, diploma e cheque por valor de 50€ en cada modalidade.
2º premio: obsequio, diploma e cheque por valor de 30€
3º premio: obsequio, diploma e cheque por valor de 20€
Comezamos o novo curso con novos azos e con curiosidade por ver cara onde nos leva. Polo de agora, deixamos a benvida ao novo alumnado -novos compañeiros e compañeiras- e, a seguir, iremos completando este noso xornal con novas do centro.
Aquí temos o vídeo coa conferencia da presentación do libro “A vida desmedida de Basilio Álvarez“, coa que Miguel Cabo Villaverde nos deleitara días atrás.
Arcadio López-Casanova, como xa escribimos noutra ocasión, estudara o bacharelato no noso centro, de onde marchou a Santiago a estudar Filoloxía. A seguir, traballou un tempo no Colexio Fingoi até conseguir praza nun instituto de Valencia onde foi catedrático e, posteriormente, gañou unha praza como profesor titular na Universidade da mesma cidade.
Malia a distancia existente, nunca perdeu o contacto co país e seguiu a publicar en galego, e español, até se converter nunha figura importante da xeración que se denominou como “os Novísimos”.
Nunha das moitas veces que estivera por Lugo, conseguimos que dera unha conferencia e tivera unha xuntanza con alumnos de 2ºBAC, aló polo 2013 (nesta ligazón, podes ve-lo vídeo da xuntanza). O certo foi que non houbo que rogar demasiado porque sempre lle gustou ese contacto directo coa mocidade.
Dende aquí, aproveitamos a ocasión para lembralo cun agarimoso recordo.
O vindeiro xoves 8 de xuño, ás 19:00h, no salón de actos do IES Lucus Augusti será a presentación do libro: A vida desmedida de Basilio Álvarez. Basilio Álvarez, foi un importante persoeiro da vida galega e española nos momentos anteriores á Segunda República española, que se convertera no lider do agrarismo.
Participan no acto, organizado polo departamento de Xeografía e Historia e a Biblioteca, o autor Miguel Cabo Villaverde, catedrático de Historia na Universidade de Santiago de Compostela e autor do libro, e Henrique Hervés, profesor do centro que fará de presentador do autor e moderador do posterior coloquio.
A piques de chegármonos á fin do curso chega o momento de ir facendo balance. Moitas actividades foron as realizadas neste curso, mais para vos ofrecer, aínda, un mellor servizo, deseñamos unha sinxela enquisa para que, anonimamente, se queres, nos fagas chegar as túas suxestións e puntúes o realizado ata este momento.
Os usuarios son a parte máis importante de todo este proceso que comezou hai pouco tempo; e os usuarios deben colaborar, participar, aprender, suxerir e, mesmo, avaliar. Para poder facer isto último tan só debes premer na imaxe que está aí abaixo e cando saia o cuestionario -tardarás menos de dous minutos- ler os enunciados e picar na puntuación que che pareza mellor. A nós vainos servir para comezar o vindeiro curso, con máis folgos e máis ideas. No derradeiro apartado, podes engadir o comentario que che pareza: o que che parece ben, o que é mellorable, ou mesmo, suxestións de compras para o vindeiro curso.
Para o Día do Libro, o Departamento de Normalización Lingüística propuxera a realización dun concurso de realización de vídeos nos que se recomendase un libro, o que sería un booktrailer, que se lle chama en inglés. Aquí temos os resultados para que os xulguedes vós.
Neste vídeo tedes recollidos os vídeos gañadores cos nomes dos autores:
E a continuación, temos estoutro vídeo cos finalistas:
En sesión celebrada no IES LUCUS AUGUSTI o 25/04/2023 reunido o xurado do IV Premio de Ensaio Filosófico composto por profesorado dos Departamentos de Filosofía e Educación Plástica, e a escritora e redactora da revista colaboradora “Hechos Mínimos”; despois de avaliar os traballos presentados, o xurado decide fallar os seguintes PREMIOS:
MODALIDADE ENSAIO
PRIMEIRO PREMIO para PABLO PEDREIRA LÓPEZ, de 1º BACH C.
SEGUNDO PREMIO para CLOE CANTO SYLLÁ, de 2º BAC E.
TERCEIRO PREMIO para PAULA PIÑEIRO LAGE, de 2º BACH E.
MODALIDADE VIÑETA
PRIMEIRO PREMIO para MARTA RIVERA LÓPEZ, de 2º BACH B (viñeta nº 1)
Ademáis dos traballos premiados, menciónanse tamén nas consideracións fináis os traballos presentados por ANTÓN RODRÍGUEZ VÁZQUEZ de 2º BACH E e IAGO RAMOS SALGADO de 1º BACH E.
O ENSAIO de PABLO PEDREIRA LÓPEZ destacado co Primeiro Premio contén unha reflexión madura e ben articulada sobre o tema proposto da “paz despois da guerra”, cun texto de ideas precisas e sensibilidade na expresión, con capacidade para suxerir e continuar pensando a partir del, mérito que consideramos especialmente destacable.
A VIÑETA premiada de MARTA RIVERA LÓPEZ reflexa en breves trazos as ambiguidades e paradoxas do tema, facendo que unha cuestión complexa poida ser transmitida con medios sutís, deixando abertas posibles lecturas da imaxe.
Non queremos deixar de destacar os ensaios premiados de CLOE CANTO SYLLÁ (un texto de gran riqueza no manexo de referencias culturais) e PAULA PIÑEIRO LAGE (con texto cheo de matices na expresión das ideas). E con elas, os textos de ANTÓN RODRÍGUEZ VÁZQUEZ e IAGO RAMOS SALGADO, con cualidades que os fan ser meritorios concursantes deste premio. Noraboa a todas elas e eles.
A entrega dos premios terá lugar o día 5 de maio de 2023, ás 11:15 na Sala de Xuntas do IES Lucus Augusti.
Como actividade para o Día do Libro, Victoria, a profesora de Plástica co seu alumnado artellou unha bonita actividade denominada BOOKface. O que se trataba de facer era ir á Biblioteca e escoller un libro para facer unha montaxe coa súa capa sobre a cara ou o corpo propio, procurando crear un efecto artístico.
O resultado o podemos ver nas imaxes do vestíbulo e neste vídeo montado a partir das súas fotografías. Está curiosón, non si?
Comentarios recentes