Un outro blogue en galego de Wordpress

Autor: Blanlucus

Gustavo Teodoro da Silva, premio ao mellor conclusor no Torneo Lugo Debate

“É unha actividade que che agasalla moitas cousas”
Gustavo Teodoro da Silva vén de ser premiado esta fin de semana como mellor conclusor
do Torneo Lugo Debate (categoría secundaria).
Como te sentiches ao recibires o premio?
Sentinme moi feliz, pero tamén moi sorprendido, pois había moitos debatentes co meu mesmo rol, e eran todos moi bos. Non esperaba para nada gañar, despois do chasco do segundo debate do xoves, no que tivemos mala puntuación…, pero vese que os xuíces valoraron tamén outros debates nos que o meu equipo e máis eu nos lucimos moito máis.
Que che pareceu o torneo Lugo Debate ? Que opinas deste tipo de certames escolares?
O torneo de Lugo é, como di o seu lema, “máis que debate”. As diferentes actividade que estaban dispoñibles para todos os que participabamos eran moi interesantes e acertadas. Ademais, este tipo de torneo sae fóra do común e resulta unha boa oportunidade para coñecermos a máis persoas e poder estreitar lazos, tanto co teu equipo como cos profesores. Coido que actividades así son a clave para unha maior conexión entre institutos e fan que alumnos coma min se desenvolvan na oratoria e na capacidade de improvisar.
Como é a vida dentro dun equipo de debate?
Un pouco estresante. Ao principio todo é caos; despois comezamos a nos organizar, a saber o que vai dicir cada quen, entón todo comeza a fluír. Aprendes a traballar en grupo e a establecer relacións construtivas. No meu caso, ademais, puiden contar con un equipo marabilloso que sempre me axudou en todo.
Seguirás o vindeiro ano formando parte do clube de debate do instituto?
Evidentemente que si, até que cansen de min [risas]. É unha das mellores actividades extraescolares e escolares que puiden escoller. Ademais, non é algo de apenas un día, senón que perdura no tempo e regálache cualidades como a soltura para falares, o pensamento crítico, a organización e xestión do que vas dicir e dos tempos, a capacidade de síntese…
Que lle dirías a toda esa xente que pode estar valorando entrar nesta actividade?
Eu diríalles que se comprometan e traballen, que sexan naturais no discurso e que, ante todo, respecten aos seus contrincantes. Se lles interesa o mundo da comunicación, das ciencias sociais, do dereito, o debate é a clave para conseguilo.
Consideras que os equipos do Lucus teñen percorrido e posibilidades en vindeiros
debates?

Firmemente, temos rapazas e rapaces brillantes en todos os roles. Os equipos da ESO xa teñen moita experiencia e tamén anos por diante para continuaren. O equipo de Bac, aínda que acabado de crear para este debate, fíxoo súper ben tamén.
Inflúe dalgún xeito esta actividade na parte académica do alumnado?
Si que inflúe e para ben. É unha actividade que che agasalla moitas cousas, pensamento crítico, como xa dixen, pero tamén desenvoltura, eliminando de raíz o pánico escénico. Marca un antes e un despois á hora de facer unha exposición de clase, unha presentación, un speaking, un traballo en grupo, etc.
Grazas Gustavo, parabéns, e moitos éxitos no futuro.

Excursión a Ponferrada, 4 Abril, 2024

Organizada polo Departamento de Física e Química para 3º de ESO, foi unha excursión moi didáctica na que visitamos o Museo da Enerxía e o Museo do Ferrocarril. A visita completouse cunha actividade de taller na que o alumnado tivo que construír un pequeno coche con batería. No vídeo, un resumo da excursión.

8 de Marzo, 2024

Como ben sabemos, o 8 de Marzo celébrase o Día Internacional da Muller. Este ano fíxose unha actividade multidisciplinar baixo o epígrafe de “Mulleres brillantes”. A elas dedicámoslle a nosa homenaxe. No vídeo temos un resumo do feito.

Exposición: maquetas de ADN

RESUMO DA ACTIVIDADE:

– As maquetas foron realizadas polos alumnos de 4º ESO de bioloxía e xeoloxía (4º A e 4º B).
– A finalidade da actividade era que comprendesen a estrutura do ADN. Unha vez estudiada a súa estrutura secundaria (modelo da dobre hélice de Watson e Crick), os alumnos debían construír unha maqueta (modelo tridimensional) desta biomolécula.
– Para realizar a maqueta podían utilizar diferentes materiais, cada un os que quixera. Despois de ver vídeos de YouTube nos que facían maquetas de ADN con diferentes materiais: gominolas, papel (origami), bolas e palillos, etc., os alumnos podían escoller algunha desas ideas, ou podían optar por facer a maqueta libremente, utilizando os materiais que eles quixeran.
– A maqueta podía ter unha lenda, onde se indicara o que é cada elemento.
– Unha vez feita a maqueta, tiñan que saber explicar a estrutura do ADN ou contestar a preguntas concretas feitas pola profesora, baseándose na súa maqueta.
– Por último, debido ó esforzo por parte dos alumnos e ó ben que quedaron as maquetas, expuxéronse na entrada do instituto.

Exposición Helmut Newton e taller de metafotografía (departamento de Plástica)

O día 18 de xaneiro a Fundación MOP (Marta Ortega Pérez) ofreceunos a oportunidade de visitar a expo FACT AND FICTION de Helmut Newton, posiblemente o fotógrafo de moda máis influente do século XXI.

Sabemos ver unha fotografía? É necesario aprender a ler unha fotografía? Ou é suficiente simplemente con plantarse diante e mirar? Interpretamos imaxes ou consumimos imaxes?

Aínda que Helmut Newton é un fotógrafo de moda, e a fotografía de moda en principio non presenta moito contido dificil de interpretar, a Fundación MOP ofrece uns talleres onde un fotógrafo profesional se encarga de “enfocarnos” a ollada sobre algúns aspectos moi interesantes das súas obras. Un deles é o concepto de METAFOTOGRAFÍA. Ese é o tema de todas as fotos que tivemos expostas feitas polos alumnos de 1º e 2º de BAC no taller. En todas aparece o modelo real, o modelo reflexado e o fotógrafo ca cámara.

© 2025 bibliolucus

Tema por Anders NorenArriba ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz