Por fin comezamos co novo curso. A parte dos atrancos propios do momento, este ano comezamos coa apertura da Biblioteca un pouco máis tarde porque, como moitos de vós vistes, cambiamos o solo da Biblioteca.
Foi unha obra algo complicada de máis pois quixemos manter o pavimento anterior e iso provocou unha demora algo superior á prevista. De tódolos xeitos, por fin abrimos a Biblioteca e agora xa ten o movemento usual. Durante este curso, temos ambiciosos obxectivos que tentaremos levar a cabo o máis axiña posible. Adiántovos algúns deles. En primeiro lugar, cambiaremos os carnés para facelos máis aparentes e prácticos e, sobre todo, duradeiros. Tamén estamos a modificar o blogue para facelo máis claro e que dea máis servizo. Outro cambio é que temos unha nova localización para as lecturas obrigatorias que xa está a funcionar e tamén estamos en proceso de adquisición de novos fondos tanto de DVD’s como de Banda Deseñada, que son dos que andamos máis escasos. Tamén esperamos suxestións para a adquisicións de lecturas. Algúns profesores xa nos fixeron as súas e agora esperamos as do alumnado. E tamén xa están a comezar diversas actividades e concursos, nos que esperamos a vosa participación En fin, son bastantes cousas, das que pouco a pouco iremos dando noticia.
Deixa unha resposta