As mentiras científicas sobre as mulleres

Paul Watzlawick, psicólogo coautor da “Teoría da comunicación humana” e un dos meus gurús, escribiu algo tan simple como: “A realidade non existe, é un constructo hipotético”. Esta afirmación axiomática é a pedra angular do relativismo, o todopoderoso e omniscente saber científico non é máis que unha quimera subiugante que, fundamentalmente dende o século XIX, coloniza a adquisición de coñecemento impoñendo unha ditadura sen precedentes na historia da humanidade.

As mentiras científicas sobre a muller” é unha reflexión alternativa á autocracia androcéntrica, creada perversamente sobre unha cultura hexemónica machista que despreza sistematicamente á muller e instrumentalízaa como obxecto de desexo e reprodución. Non é unha lectura de divertimento, trátase dun traballo de investigación que analiza o vergoñante tratamento que, dende o “incuestionable” paradigma positivista, estáse a facer coa muller. Dende a antropoloxía, a etología, a socioloxía, a menciña… Dauder e Sedeño van desenmascarando falsidades “científicas” que responden a intereses económicos e de perpetuación de roles de poder masculinos, tan daniños para o gineceo que resulta bochornosa a súa lectura. Coñecía superficialmente moitos datos: a inconsistencia do manual estatístico dos trastornos mentais e o seu recalcitrante tratamento das “patoloxías” sexuais e de xénero, o engano acerca das vacinas do VPH (Virus do Papiloma Humano), a vergoñosa implantación de métodos anticonceptivos baseados na abolición do ciclo menstrual… En fin, que se este libro non serve, non xa para sensibilizar senón para mobilizar a xente, apaga e imos.

Please follow and like us: