Este é o vídeo que realizamos para espallar a exposición realizada no IES Lucus Augusti para conmemora-lo Día Internacional da Muller que tivemos durante varios días no vestíbulo.

Consta de varios libros, algúns cun globiño no que hai unha pequena sinopse do contido, e tamén os dous taboleiros verticais nos que se presentaron frases de persoeiros relevantes de varias materias como filosofía (Ortega e Gasset ou Schopenhauer), da relixión (san Paulo e santo Agostiño), da psicoloxía (como Sigmund Freud) e da política (Donald Trump). O nexo común de tódalas frases era a minusvaloración da capacidade da muller e do seu papel na sociedade.

Fronte a elas, aparecen fotos e nomes dunha escolma de mulleres galegas, cunha tarxeta na que debaixo do nome aparecen, moi sinteticamente, os seus feitos e éxitos. Dende cantantes como Sés ou Luz Casal, empresarias como Purificación García, intelectuais como Concepción Arenal ou Mª Xosé Queizán, deportistas como Vero Boquete ou Ana Peleteiro, profesionais ou científicas como Emma Ríos, Olimpia Valencia ou Begoña Vila.

Finalmente tamén quixemos incluír outro feixe de mulleres que tiveron un gran impacto social. Como Carmen Avendaño, pioneira da loita contra a drogadición e o narcotráfico en Galiza; ou Marcela e Elisa, tamén pioneiras a prol da liberdade sexual ou as irmás Touza Domínguez, denominadas as “Schindler galegas”.

Todo isto nos ten que servir para reflexionar sobre se de verdade, estamos tan sobrados de talento como para rexeitar as aportacións da metade da humanidade.

Please follow and like us: