os fillos do mar“Os fillos do mar” é a ópera prima de Pedro Feijoo, a súa primeira edición tivo a súa enxundia ao producir un conflito entre os malvados críticos e os compracentes lectores, que pasaron por riba da erudición literaria sen contemplacións, chegando a convertelo nun éxito brutal con 8 edicións entre 2012 e 2015. Non é que sexa unha magnífica novela, pero se consegues pasar as cen primeiras páxinas, que se fan algo tediosas, atópaste cun thriller mistura de novela histórica, suspense e mesmo unha aventura de piratas que te transporta á candidez lectora dos dezaseis anos, onde perdoabas calquera falliño se viña impregnado de divertimento. Non é ningunha sorpresa que se convertira nun libro insignia para o fomento da lectura entre os máis novos. A min fixome lembrar unha das travesías pola costa da morte, na compaña dun lobo de mar que ía relatando na viaxe vellas historias dos innumerábeis naufraxios que aconteceron por mor desas agullas do diaño que fenderon o bandullo de centos de embarcacións nas costas galegas, aínda hoxe, eses baixos agochan algúns pecios que seguen sendo obxecto de desexo para os novos piratas do mar.
Volvendo ao libro, pasei uns boísimos ratos recuperando isa maxia da literatura adolescente. Recomendable.
os fillos do lume“Os fillos do lume” é a secuela de “Os fillos do mar” e tenme toda a pinta de ir rachar novamente no mercado editorial, outra novela negra dunha inxenuidade adolescente que, sen dúbida, fará furor nos institutos. Detrás dun traballo de investigación aprol da reconquista viguesa Feijoo constrúe unha nova trama de intriga coas persoaxes do arquitecto Simón, a historiadora Mariña e o inspector Bruno como protagonistas. Outra novela de lectura doada, sen complicacións narrativas e dirixida con toda a intención aos lectores noveles. Arrasará.

Please follow and like us: