Como vén sendo tradicional, no noso Centro lévase a cabo algunha actividade especial para conmemorar o “Día Mundial do Libro“. Este ano, celebrouse un concurso de redacción e un pasarrúas, no noso patio, no que participaron o alumnado de toda a ESO. Algúns, tocaban instrumentos, outros formaban parte do grupo de esforzados ximnastas que crearon cos seus exercicios as letras de C-E-R-V-A-N-T-E-S, outro grupo recitaba e, finalmente, o resto miraba e participaba. Todos ao rematar o acto, aplaudirían ás gañadoras do concurso. Que, si, foron todas rapazas.
Tivemos a sorte de contar como testemuña cun fotógrafo de “El Progreso” que tirou unhas fotos que deron pé a unha pequena noticia cun bonito título: “Letras coas que se crean mundos“.
Nós tamén temos algunhas fotos do acto pero non tan espectaculares. De tódolos xeitos, velaí as tedes para que, tamén, as desfrutedes e tamén vexades as gañadoras do concurso cos seus premios e con Fernanda, que levou a cabo gran parte do traballo de coordinación dos diferentes Departamentos (grazas especiais a Música e Educación Física).
Deixa unha resposta