bibliolucus

Un outro blogue en galego de Wordpress

Gustavo Teodoro da Silva, premio ao mellor conclusor no Torneo Lugo Debate

“É unha actividade que che agasalla moitas cousas”
Gustavo Teodoro da Silva vén de ser premiado esta fin de semana como mellor conclusor
do Torneo Lugo Debate (categoría secundaria).
Como te sentiches ao recibires o premio?
Sentinme moi feliz, pero tamén moi sorprendido, pois había moitos debatentes co meu mesmo rol, e eran todos moi bos. Non esperaba para nada gañar, despois do chasco do segundo debate do xoves, no que tivemos mala puntuación…, pero vese que os xuíces valoraron tamén outros debates nos que o meu equipo e máis eu nos lucimos moito máis.
Que che pareceu o torneo Lugo Debate ? Que opinas deste tipo de certames escolares?
O torneo de Lugo é, como di o seu lema, “máis que debate”. As diferentes actividade que estaban dispoñibles para todos os que participabamos eran moi interesantes e acertadas. Ademais, este tipo de torneo sae fóra do común e resulta unha boa oportunidade para coñecermos a máis persoas e poder estreitar lazos, tanto co teu equipo como cos profesores. Coido que actividades así son a clave para unha maior conexión entre institutos e fan que alumnos coma min se desenvolvan na oratoria e na capacidade de improvisar.
Como é a vida dentro dun equipo de debate?
Un pouco estresante. Ao principio todo é caos; despois comezamos a nos organizar, a saber o que vai dicir cada quen, entón todo comeza a fluír. Aprendes a traballar en grupo e a establecer relacións construtivas. No meu caso, ademais, puiden contar con un equipo marabilloso que sempre me axudou en todo.
Seguirás o vindeiro ano formando parte do clube de debate do instituto?
Evidentemente que si, até que cansen de min [risas]. É unha das mellores actividades extraescolares e escolares que puiden escoller. Ademais, non é algo de apenas un día, senón que perdura no tempo e regálache cualidades como a soltura para falares, o pensamento crítico, a organización e xestión do que vas dicir e dos tempos, a capacidade de síntese…
Que lle dirías a toda esa xente que pode estar valorando entrar nesta actividade?
Eu diríalles que se comprometan e traballen, que sexan naturais no discurso e que, ante todo, respecten aos seus contrincantes. Se lles interesa o mundo da comunicación, das ciencias sociais, do dereito, o debate é a clave para conseguilo.
Consideras que os equipos do Lucus teñen percorrido e posibilidades en vindeiros
debates?

Firmemente, temos rapazas e rapaces brillantes en todos os roles. Os equipos da ESO xa teñen moita experiencia e tamén anos por diante para continuaren. O equipo de Bac, aínda que acabado de crear para este debate, fíxoo súper ben tamén.
Inflúe dalgún xeito esta actividade na parte académica do alumnado?
Si que inflúe e para ben. É unha actividade que che agasalla moitas cousas, pensamento crítico, como xa dixen, pero tamén desenvoltura, eliminando de raíz o pánico escénico. Marca un antes e un despois á hora de facer unha exposición de clase, unha presentación, un speaking, un traballo en grupo, etc.
Grazas Gustavo, parabéns, e moitos éxitos no futuro.

III Concurso de szikus “A ciencia en poema”

Con motivo da celebración do Día da Muller e da Nena na ciencia o vindeiro 11 de febreiro, o Departamento de Física e Química e o Clube de Ciencia do IES Lucus Augusti, en colaboración coa Biblioteca e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, organizan o III Concurso de szikus baixo o lema “A ciencia en poema”. Achegamos nesta entrada o cartaz do certame.

Exposición “XEAS: Mulleres que estudan a Terra”

Por iniciativa do Club de Ciencias e do Equipo de Dinamización Lingüística exponse no vestíbulo do noso Instituto a mostra itinerante XEAS: Mulleres que estudan a Terra. co gallo da conmemoración do Día da Muller e da Nena na Ciencia o vindeiro 11 de febreiro. A exposición consta de sete paneis con textos de Rosa María
Mateos e Ana Ruiz Constán, do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España
(IGME-CSIC), ilustracións de Nívola Uyá e tradución ao galego de Irene Pérez
Cáceres.
A mostra chegou a nós a través da Asociación de Ensinantes de Ciencias de
Galicia (ENCIGA), copropietaria da mesma, xunto coa sección galega da
Asociación Española para a Ensinanza das Ciencias da Terra (AEPECTGalicia).

O percorrido pola exposición permíte achegarnos a diferentes disciplinas das
Ciencias da Terra a través das aportacións de doce xeólogas de épocas,
contextos históricos e nacionalidades diferentes que, malia os atrancos cos
que se atoparon, deixaron unha forte pegada no coñecemento científico.
Algunhas foron, ademais, mulleres cunha gran conciencia social e compromiso
político. Outras implicáronse notablemente na transmisión do coñecemento
científico, especialmente a outras mulleres.

A mostra pretende ser un xusto recoñecemento ao traballo de todas elas e
unha ventá aberta para que o noso alumnado as coñeza e siga traballando na
visibilización do papel que xogou e xoga a muller na Ciencia.

A exposición permanecerá no centro ata o venres 14 de febreiro.

VI Concurso de ensaio filosófico “Que é ser normal?”

O Departamento de Filosofía do IES Lucus Augusti vén de convocar o VI Concurso de ensaio filosófico.  O tema deste ano é Qué é ser normal?

Compre reflexionar sobre preguntas como: Algunha vez te sentiches diferente? Pensache que non encaixabas no que os demáis agardaban de tí? Ou son os demáis os raros? ¿Quen marca o criterio? Que teñen que ver a nosa educación, os nosos desexos, a cultura dominante? O normal varía co tempo? Hai que esforzarse máis por ser normal ou por non selo? Que é máis cómodo, ou máis molesto? Que é mellor? Que ten que ver ser normais con ser libres, ou responsables?  Se te preocupan cousas como estas, ou se pensaches algunha vez cousas parecidas a estas, este é o teu concurso!

Estas son as bases do concurso de ensaio:

1. Está dirixido a alumnado de Bacharelato do IES Lucus Augusti.

2. Os escritos poden estar en lingua galega ou castelá.

3. A extensión será entre 4.000 e 8.000 caracteres, espazos incluídos.

4.O escrito asinarase con pseudónimo. Entregarase un exemplar na conserxería do instituto en sobre pechado, no que figuren pseudónimo e título. Dentro do sobre incluirase outro máis pequeno, co nome e apelidos do/da participante, curso e grupo.

5. O prazo de presentación remata o día 22 de abril de 2025.

6. O xurado estará formado polo profesorado do Departamento de Filosofía.

7. O xurado valorará especialmente a orixinalidade do enfoque e capacidade crítica, ademáis da corrección formal do escrito.

8.  Os premios consistirán no seguinte:

1º premio: obsequio, diploma e cheque por valor de 100€.

2º premio: obsequio, diploma e cheque por valor de 50€.

3º premio: obsequio, diploma e cheque por valor de 30€ 

Un libro curioso editado polo noso Instituto: “Declaración de Dereitos do Neno e outras cousas nosas”

No ano 1973, o alumnado de 4º de Bacharelato, aquel que con 14 anos remataba o grao elemental e se preparaba para a súa reválida, elaborou este pequeno libro con diversos obxectivos obxectivos: dar publicidade á Declaración dos Dereitos do Neno, proclamada pola ONU en 1959; obter fondos coa súa venda para a excursión de fin de curso; e contribuír á difusión da lingua e da cultura galega. Na dúa elaboración interviron máis de 40 persoas baixo a direción do catedrático do Instituto Xesús Alonso Montero. Curioso e reivindicativo. Unha pequena xoia.

Visita ao Arquivo Histórico Provincial

O pasado 16 de xaneiro, os alumnos de Historia do Mundo Contemporáneo de 1º BAC D visitaron acompañados pola súa profesora as instalacións do Arquivo Histórico Provincial de Lugo. Ademais de coñecer a función que cumpren os arquivos, puideron acceder ás distintas dependencias: depósitos, salas de consulta e catalogación. Pero, sen dúbida, foi a sala destinada á restauración de documentos a que suscitou unha maior curiosidade.
Tamén aproveitamos a ocasión para facer unha viaxe no tempo da man do fotógrafo José luis Vega, protagonista da exposición “A cidade e as xentes. 1970-79” e coñecer como era Lugo nesta década, de profundos cambios no noso país.

Quen sabe! Ao mellor desta visita sae un futuro historiador ou historiadora.

Exposición sobre Frank Kafka

Organizada polo Departamento de Alemán do IES Lucus Augusti, exhíbese no vestíbulo do noso instituto unha exposición sobre este escritor bohemio de lingua alemá baixo o título “Frank Kafka: un hombre de su tiempo y también del nuestro”. Os paneis, creados polos Centro Checo, dependente do Ministerio de Asuntos Exteriores da República Checa, foron proporcionados por AGAXE (Asociación Galega de Xermanistas) e a EOI de Santiago de Compostela. Poderán visitarse ata o 21 de xaneiro de 2025.

Novo premio para o noso alumnado

Incrúst@te é un proxecto de divulgación científica realizado pola CICA (Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía) dende o ano 2017 en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT)-Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Este 2024 seleccionáronse a 17 alumnos/as dos cales, 4 foron alumnas/os de ciclos de FP de Química do IES LUCUS AUGUSTIYolanda Rey Ares, Óscar Presno Iglesias, Noelia Armesto Mera e Sofía Díaz Otero. Estas/os alumnas/os estiveron “incrustadas/os” nos laboratorios do CICA aprendendo cos investigadores/as da UDC os procedementos que se empregan para facer unha investigación no eido da química.

Como resultado, e grazas á colaboración da profesora Marta Rodríguez Quiroga, os alumnos presentaron as experiencias vividas nun Congreso Científico celebrado o pasado 27 de abril no Museo DOMUS da Coruña. Ademais de poder vivir a experiencia, Yolanda Rey Ares e Óscar Presno foron seleccionados polo tribunal para desfrutar dunha nova estancia de dúas semanas no CICA.

Homenaxe a Xesús Alonso Montero

Presentamos o vídeo que recolle toda a homenaxe que o noso centro tributou a Xesús Alonso Montero, insigne profesor durante 16 ano, o pasado 19 de abril. As primeiras imaxes recollen a chegada dos asistentes ao vestíbulo e as primeiras apertas e remata co xantar de confraternización, pasando por algunhas das intervencións no Salón de Actos. Foi un emotivo acto no que, entre outros, interviñeron antigos alumnos como Perfecto Conde, Fernando Ónega, ou Paco Martín.

« Entradas anteriores

© 2025 bibliolucus

Tema por Anders NorenArriba ↑