A piques de rematarmos xa as clases, deseñamos esta nova Guía de Lecturas con recomendacións para o verán.

Como veredes hai un pouco de todo. Dende libros de ficción (“Cuatro“, da serie Diverxente), até obras que tocan a divulgación científica (“O científico que derrotou a Hitler), e dende a Banda Deseñada actual (A vitoria final) até outro tipo de ficción aparentemente máis infantil (Mortadelo ou a Historia de aquí de Forges). Tamén hai sitio para outra triloxía xuvenil, a coñecida Ámote Leo de Rosa Aneiros, e tamén para a serie negra do país (a continuación dunha das lecturas obrigatorias de galego: A praia dos afogados, unha nova aventura de Leo Caldas, escrita por Domingo Villar), e para unha autobiografía novelada sobre “O Piloto“, o derradeiro dos maquis/guerrilleiros mortos en todo o estado. Para rematar dous libros de lucenses: por unha banda, unha das nosas debilidades, o último libro do lucense Miguel Anxo Murado –La invención del pasado-, que sirve para desvelar algunhas das fantasías históricas que se espallan e son admitidas como verdade universal e pola otra, unha novela ambientada na antiga Lucus Augusti –Las hijas del César-, que vén moito a conto agora que falta pouco para o “Arde Lucus”.

Aquí queda o tríptico (non hai máis que premer na imaxe da galería onde está o selo da Biblioteca)  por se queredes botarlle unha ollada e, coma sempre, tódalas obras están no noso expositor.