Un outro blogue en galego de Wordpress

Etiqueta: literatura (Páxina 2 de 2)

Ler con nenos

leer con niñosDefinitivamente non teño a cabeza para ensaios, “Ler con nenos” é un derroche de intelectualidade comprimida que require relecturas sistemáticas de cada parágrafo. Agochando unha apoloxía da lectura, entre contos, Santiago Alba Rico exerce unha intervención cirúrxica dos textos diseccionando o ben e o mal, o amor, os victoriosos e os derrotados, os nenos, as nais, o corpo, a imaxen (alma)… Un cerebro bestial ao servizo da filosofía que precisa tempo, moito tempo, para conseguer deglutir as súas producións. Cada libro ten o seu momento, ou cada momento ten o seu libro, falloume esa conxunción e entrei en barrena cara un abismo escuro e densísimo que casi me asfixia, pero resulta unha morte placenteira o deixarse estrangular polas abigarradas mans das páxinas. Que trampas agochan os títulos e que perversas son algunhas amizades cando suxestionan lecturas tan demoledoras.
Déixovos un dos relatos para que o devoredes ou sexades devorados.

A muller xeada

Alguén mencionou “La mujer helada ” de Annie Ernaux como unha obra estrictamente feminista e reivindicativa fronte á popularísima tetraloxía de “La amiga estupenda” da Ferrante, pois é mesturar churras con merinas. Sen restarlle un ápice de valor ao libro de Ernaux, que é unha crónica da opresión patriarcal padecida por unha muller dende o seu nacemento, desenvolvida cunha descrición tan crible que resulta arrepiante e que constitúe unha revelación sen trampa nin cartón da escravitude do estereotipo machista gravado socioloxicamente a sangue e lume, resistente a unha educación non sexista e á intelixencia da muller. Malia iso a fluidez narrativa da Ferrante, a coidada elaboración do contexto, a construción das persoaxes … distánciaas dun xeito indiscutible, a comparación é imposible, sería como pensar que é mellor, a física ou as matemáticas. Por certo, un libro moi recomendable aínda que nunca sufrirá o estigma de verse convertido nun Best Seller.

Máis Premios: Nobel de Literatura 2014

Seguimos reseñando os últimos Premios Nobel. Desta volta, temos xa expostos 2 obras do Premio Nobel de Literatura 2014: Patrick Modiano. Aínda que para a maior parte da xente sexa un descoñecido, non o é non ambiente literario francés onde representaba, até este ano, ao eterno candidato que non remataba de o conseguir. Así pois, imos en primeiro lugar cunha pequena introdución sobre quen é o autor e, de seguido, un breve comentario sobre 2 das súas obras máis relevantes, que están presentes no expositor das novidades.

modianoPatrick Modiano nace en Boulogne-Billancourt o 30 de xullo de 1945. Fillo dunha actriz belga e dun home de negocios italiano, creceu entre Jouy-en-Josas e a Alta Saboya. As ausencias repetidas dos seus pais achéganno ao seu irmán maior, Rudy, que morre á idade de dez anos. Tras aprobar a selectividade, decide dedicarse plenamente á escritura. As súas primeiras obras viran ao redor da ocupación nazi e o colaboracionismo (O lugar da estrela, galardoada co Premio Roger Nimier e o Premio Fénéon, A rolda de noite e Os bulevares periféricos).

En 1978 obtén o Premio Goncourt pola Rúa das tendas escuras, unha novela na que a Segunda Guerra Mundial, e en 1984 recibe o Premio da a Fundación Pierre de Mónaco polo conxunto da súa obra. Outra obras importantes serán No café da mocidade perdida, declarada por Lire a mellor novela francesa de 2007 («Dunha beleza inaudita» en palabras da directora de cine española Isabel Coixet), e tamén a Triloxía da Ocupación (que agrupa as súas 3 primeiras novelas:  O lugar da estrela, A rolda nocturna e Os paseos de circunvalación).

triloxíaA Triloxía da Ocupación (O lugar da estrela, A rolda nocturna e Os paseos de circunvalación)) é o primeiro e máis brillante bisturí novelístico da turbiedade, a complicidade social e a fantasmagoría, do antisemitismo, o crime organizado e a festa dalgúns neste negro período do século XX francés. Concretamente do París ocupado, a súa xestación e consecuencias. Entre o delirio, o soño e a falsificación desfilan todas as pantasmas da época. Entre elas, o pai “ese eterno modianesco”, unha banda criminal que vira no seu proveito a ameaza do inimigo e a tolemia ideolóxica “retrato do soporte intelectual daqueles anos” dun xudeu antisemita.

Modiano-café

No café da mocidade perdida, é unha fermosísima novela sobre o poder da memoria e a procura da identidade. París, anos 60. No café Condé reúnense poetas malditos, futuros situacionistas e estudantes fascinados pola bohemia parisiense. E aínda que a nostalxia daqueles anos perdidos parecería ser o tema central da novela, Modiano dálle un xiro sorprendente. Porque esta é tamén unha novela de misterio. Todos os personaxes, todas as historias, conflúen na enigmática Louki. Catro homes cóntannos os seus encontros e desencontros coa filla dunha traballadora do Moulin-Rouge. Algúns a buscan, outros a aman, e para case todos eles a moza encarna o inalcanzable obxecto do desexo.

A obra de Modiano caracterízase por un tono directo dotado dunha gran beleza; atende á memoria histórica, mais tamén á súa historia persoal; e ten  no París da Segunda Guerra Mundial non só o escenario para as súas historias, senón que a cidade tamén se converte nun dos principais personaxes. Este gran autor, dunha estremada sensibilidade, describe nas súas ficcións a procura da propia identidade, que oscila entre o recordo desgarrador e a tentación da amnesia benéfica. Recibe o Premio Nobel de Literatura 2014.

(Fontes: Anagrama-ed.es e Casadellibro.com)

Para saber máis: http://cultura.elpais.com/cultura/2014/10/09/actualidad/1412852792_619343.html 

(Nota final: seguimos á espera de poder ofrecer estas 2 obras. Infórmannos da librería que se están reimprimindo, polo que en breve disporemos delas. Cando cheguen avisaremos).

Entradas seguintes »

© 2024 bibliolucus

Tema por Anders NorenArriba ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz