bibliolucus

Un outro blogue en galego de Wordpress

Etiqueta: Literatura galega (page 1 of 2)

Presentación libros

O vindeiro xoves 11 de abril de 2019 ás 19:30 o Salón de actos do IES Lucus Augusti acollerá a presentación dos libros:

Golpistas e verdugos de 1936“: Como foron fusiladas autoridades civís, militares, policiais e administrativas sen que imaxinasen que ían ser executadas, porque esa posibilidade non formaba parte do seu mundo, nin da súa experiencia vital e política.

Historia de la guerra civil contada por dos hermanas“: Carlota e Fernanda García do Real son as autoras deste libro. Dúas irmás na Guerra civil, cada unha sorprendida nunha zona diferente. Ambas escribiron as súas experiencias do golpe de estado de xullo, da guerra de 1936-1939 e do impacto que causou nas súas vidas.

Participarán:

Ana Cabana Iglesia. Doutora en Historia Contemporánea

Lourenzo Fernández Prieto. Catedrático de Historia Contemporánea

Henrique Hervés Sayar. Profesor de Historia do IES Lucus Augusti

O último barco

Domingo Villar

Oito anos demorou Domingo Villar a terceira entrega das andainas do inspector Leo Caldas. “O último barco” son 800 páxinas de novela policial made in Galiza, unha “negra” de estrutura clásica que consegue manter a incertidume ata a derradeira liña. Gostara do debut con “Ollos de auga” e defraudome “A praia dos afogados” (sen mencionar a nefasta adaptación cinematográfica que fixeron dela) pero hai que recoñecer que este traballo, rumiando na pescuda dunha muller desaparecida en Moaña, está moi ben artellado. Lectura de entretenimento moi recomendable.
Para os/as incondicionais de Villar, que se contan por milleiros, imprescindible.

Son noxento

Boa novela curta de Mª Xosé Queizán. Unha mistura esquizofrénica de hilaridade e repulsión que xoga co lume ao confrontar a perversidade e o humor dun xeito temerario. Unha denuncia do estereotipo machista a través dun personaxe primario, esperpéntico e escatolóxico que ao longo dun monólogo co lector vai xustificando o seu polarizado comportamento asocial.
Libro áxil que atrapa dun xeito brutal, lectura dunha sentada.

O demo é profundo e azul

É un pracer ler a Eva Moreda. “O demo e o profundo mar azul” é unha novela curta de homenaxe á diáspora é mais a música, a historia dun galego que marchou a América nos anos 30 co saxo da parroquia baixo o brazo para converterse nun dos referentes do Jazz.

A narración está trenzada como si se tratara dos temas da banda sonora da súa vida. Eu funa lendo co acompañamento musical dos mitos dunha época gloriosa. O dito, un pracer.

 

Izan o da saca

izan o da sacaCando era novo non existían as redes sociais para establecer un nexo virtual entre lectores, a libraría era un punto de encontro indispensábel para ir artellando os gostos literarios. Coa axuda dos asiduos e as orientacións dos libreiros, íamos descubrindo as nosas querencias cara a un ou outro autor. Unha mágoa que se fose esquecendo este xeito de comercio intelectual. Xa case non quedan eruditos na venda, e os escasos bibliófilos que agochan o seu saber tralo mostrador son unha especie en extinción.

Hoxe as compras pola internet ou a inercia de escoller unha lectura mentres mercas o deterxente nunha grande superficie, remataron co pracer desas pequenas tertulias literarias. O conto é que cando quedo orfo de libro sigo recurrindo a eses espazos máxicos para atopar un sustituto vivo que pousar nas mans; alí fago algunha observación sobre os textos que vou rematando e mergúllome nas novidades lendo anacos das obras, nunca a sinopse, e de cando en vez pido que me fagan algunha suxestión.

Velaí “Izan o da saca“, a derradeira sorpresa. Un libro de Xabier Quiroga dos que non che deixan parar de ler, adictivo dende a primeira páxina, cun ritmo trepidante e persoaxes sedutores. Estou convencido de que o detetive-taxista “Reiniña” vaise converter nun referente da literatura galega, un descubrimento na liña de Anibal C. Malvar, Domingo Villar ou Suso de Toro… e abrindo un pouco a xeografía, o Eduardo Mendoza patrio.
Pedazo de novela chea de humor, intriga e compromiso, baseada nunha investigación a prol da presenza nazi na Galiza da posguerra, Xabier creou unha fascinante “pseudonegra” de lectura obrigada. Moi recomendable.

De seguido, podedes ver en vídeo, un roteiro pola zona onde transcorre a novela.

Os fillos do mar / Os fillos do lume

os fillos do mar“Os fillos do mar” é a ópera prima de Pedro Feijoo, a súa primeira edición tivo a súa enxundia ao producir un conflito entre os malvados críticos e os compracentes lectores, que pasaron por riba da erudición literaria sen contemplacións, chegando a convertelo nun éxito brutal con 8 edicións entre 2012 e 2015. Non é que sexa unha magnífica novela, pero se consegues pasar as cen primeiras páxinas, que se fan algo tediosas, atópaste cun thriller mistura de novela histórica, suspense e mesmo unha aventura de piratas que te transporta á candidez lectora dos dezaseis anos, onde perdoabas calquera falliño se viña impregnado de divertimento. Non é ningunha sorpresa que se convertira nun libro insignia para o fomento da lectura entre os máis novos. A min fixome lembrar unha das travesías pola costa da morte, na compaña dun lobo de mar que ía relatando na viaxe vellas historias dos innumerábeis naufraxios que aconteceron por mor desas agullas do diaño que fenderon o bandullo de centos de embarcacións nas costas galegas, aínda hoxe, eses baixos agochan algúns pecios que seguen sendo obxecto de desexo para os novos piratas do mar.
Volvendo ao libro, pasei uns boísimos ratos recuperando isa maxia da literatura adolescente. Recomendable.
os fillos do lume“Os fillos do lume” é a secuela de “Os fillos do mar” e tenme toda a pinta de ir rachar novamente no mercado editorial, outra novela negra dunha inxenuidade adolescente que, sen dúbida, fará furor nos institutos. Detrás dun traballo de investigación aprol da reconquista viguesa Feijoo constrúe unha nova trama de intriga coas persoaxes do arquitecto Simón, a historiadora Mariña e o inspector Bruno como protagonistas. Outra novela de lectura doada, sen complicacións narrativas e dirixida con toda a intención aos lectores noveles. Arrasará.

22 segundos

22 segundosXa hai anos leín “El amante lesbiano“, unha novela-ensaio de José Luis Sampedro no que reflexionaba sobre a identidade de xénero. A predisposición social a patoloxizar ás persoas que no conflúen coa taxonomía única e bipolar de home vs muller baseándose na morfoloxía xenital ao nacer deixa fóra da “normalidade’ unha chea de persoas que sofren a etiqueta de “distrofia” durante toda a súa vida.

Unha exclusión social que desgarra os sentimentos dun xeito cruel e inadmisible con consecuencias dramáticas que en ocasións rematan co suicidio. Existen estudos antropolóxicos que amosan inequivocamente a multitude de variables que constrúen a identidade de xénero, a quen non o fixera lle recomendo a lectura de “Sexo e temperamento” de Margaret Mead para afondar no relativismo da construción dos roles de xénero.

22 segundos” é o tempo que tarda en subir á nube un vídeo coa declaración pública da súa identidade un home transexual, unha novela pensada para a sensibilización dos máis novos respecto á diversidade que debería ser de lectura obrigada nos centros de ensino. Un relato doado, inxenuo e curto no que Eva Mejuto despréndese da calidade literaria para abordar sen ambaxes a historia de Alex, un neno nado nun corpo de muller.

Enlace entrevista Eva Mejuto

A Veiga é como un tempo distinto

a veigaBoa novela de Eva MoredaA Veiga é como un tempo distinto“, en a penas 120 páxinas constrúe un relato de amor e loita, contextualizado na diáspora galega a Londres mediado o século XX, que coincide cos primeiros movementos de liberación da muller e a actividade sindical polos dereitos das traballadoras. Moi recomendable.

Covardes

Hai un días achegueime a un debate sobre “igualdade de xénero” e de aí xurdiu a suxestión da lectura de “Covardes” de Mª Xosé Porteiro.

Unha novela escrita no 2001 e que 17 anos despois continúa a amosar, cunha fidelidade que resulta desacougante, a realidade da prostitución e a trata de mulleres. A trama estructúrase sobre o relato das vidas de cada unha das persoaxes que dalgún xeito vense vencelladas no homicidio dunha rapaza. O que comeza parecendo unha novela negra ao estilo de “a man dereita” de Aníbal C. Malvar, remata convertido nun relato de denuncia social ben artellado e de lectura doada.

O anxo negro

o anxo negroSigo dende hai moitos anos as andainas de Magago a través das redes sociais. Este home vai facendo interesantes crónicas do patrimonio cultural galego no seu blogue ‘capítulo 0“, un dos máis antigos que segue vivo e traballando na divulgación da nosa cultura.

O anxo negro” é a primeira peripecia novelística deste profesor de xornalismo, un libro que está condeado a acadar éxito entre os lectores noveles visto o precedente de Pedro Feijoo coa saga de “Os fillos do mar” e “Os fillos do lume“, que racharon con todas as espectativas editoriais.

O libro é un xogo de intriga que mestura antropoloxía e historia, dende unha perspectiva de culto á simboloxía galega, moi axeitado ao contexto de hoxe en día, onde o tema do expolio do noso patrimonio cultural é “trending topic”. A novela é doada de ler e faise entretida a pesares da aparente inxenuidade da trama. O dito, éxito asegurado.

« Older posts

© 2019 bibliolucus

Theme by Anders NorenUp ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz