bibliolucus

Un outro blogue en galego de Wordpress

Etiqueta: literatura (page 1 of 2)

Presentación libros

O vindeiro xoves 11 de abril de 2019 ás 19:30 o Salón de actos do IES Lucus Augusti acollerá a presentación dos libros:

Golpistas e verdugos de 1936“: Como foron fusiladas autoridades civís, militares, policiais e administrativas sen que imaxinasen que ían ser executadas, porque esa posibilidade non formaba parte do seu mundo, nin da súa experiencia vital e política.

Historia de la guerra civil contada por dos hermanas“: Carlota e Fernanda García do Real son as autoras deste libro. Dúas irmás na Guerra civil, cada unha sorprendida nunha zona diferente. Ambas escribiron as súas experiencias do golpe de estado de xullo, da guerra de 1936-1939 e do impacto que causou nas súas vidas.

Participarán:

Ana Cabana Iglesia. Doutora en Historia Contemporánea

Lourenzo Fernández Prieto. Catedrático de Historia Contemporánea

Henrique Hervés Sayar. Profesor de Historia do IES Lucus Augusti

As benévolas

Las Benévolas

Tremendo libro de Jonathan Little, un prodixio da literatura, que aos seus 39 anos sacouse da chisteira unha obra descomunal. “Las benévolas” (2006) non é unha novela máis sobre o Holocausto. Coa estrutura das memorias dun oficial das SS, Little mergúllase nun relato histórico demoledor combinado simultáneamente con reflexións intimistas que o aproximan ao ensaio. Un libro dunha complexidade extraterrestre que atrapa dende o inicio ata o fin. É recomendable ler o glosario ao comezo, para non perderse na chea de acrónimos e nomenclaturas que aparecen nas case 1000 páxinas, e así poder centrarse na densidade da narración e na complexidade das súas persoaxes. Recibiu o Goncourt e o Grand Prix du Roman de L’Academie Française, pero podería ter sido recoñecido como unha das perlas da la literatura contemporánea. Chapeau. 

O xardín dos Finzi-Contini

O xardín dos Finzi-Contini

Unha historia de amor, ou quizais de desamor, escrita de forma exquisita. Eu quéixome da miña pobreza para deleitarme coas súas alusións á poesía italiana e máis da miña ignorancia respecto ao contexto socio-político do país a finais da década dos anos 30, pero o poder de “O xardín dos Finzi-Contini” reside no seu lirismo, Giorgio Bassani logra envolver o cotiá en papel de agasallo.

Mr Gwyn

Debo ser un progue con estudos universitarios porque, aínda que non teño querencia pola hiperglucemia, os caramelos de Baricco (“Seda” incluída) gústanme.
Mr. Gwyn” é outro conto fermoso sobre o oficio da escritura, este home inventouse un estilo narrativo que lle funciona dun xeito espectacular, ata os seus detractores o len. Non é para prodigarse coa súa obra pero… cada certo tempo un bombón senta como dios.

A canción do verdugo

Boa novela de Norman Mailer. “A canción do verdugo” é unha biopsia do lado escuro, unha farsa negra que percorre os antecedentes e o desenlace dun asasino sentenciado a pena de morte. Sobre a estrutura dunha historia real, Mailer afronta o cuestionamento dos criterios diagnósticos da saúde mental (co finísimo fío que separa a psicose da psicopatía), as relacións familiares e de parella que adornan a patoloxía (unha muller “ninfómana” e un home cunha paranoia celotípica), os paradoxos xudiciais respecto da execución da condena, os intrincados movementos da prensa… Todo un tratado sociolóxico en torno ao delito e á liberdade de elección respecto da vida e a morte.

O relato resulta pelín tocho e por momentos espésase na descrición do proceso pero faino sen perder un ápice de tensión narrativa. Recomendable.

Fractura

FracturaQuedeime ancorado en “La vida en las ventanas”, non volvín a Andrés Neuman ata esta “Fractura” e laméntoo, sempre se cruzan lecturas entre desexos e vas abandoando promesas de reencontros, que no meu caso quédanse nun listado virtual que xamais terei tempo para baleirar.

Neuman é un grandísimo narrador e a súa última obra é un xogo entre a novela e o xornalismo reivindicativo, un manifesto antinuclear agochado na historia dun supervivinte de Hiroshima e os relatos en primeira persoa de 4 mulleres en 4 cidades que compartiron distintos momentos da súa vida, un trenzado sociocultural que xoga coas sutilezas da comunicación humana a través da linguaxe.

De cada libro quédame unha lembranza, cando menos unha, se isto non ocorre é que pasou pola miña vida como os centos de persoas coas que me cruzo cada día, obsérvoas pero non as inclúo nos meus recordos. De “Fractura” quedarame un concepto, a palabra á miña idade estou seguro de que se desvanecerá, o “Kintsugi”, unha arte xaponesa que reconstrúe pezas rotas facendo visibles as súas fendas con láminas de ouro, unha metáfora da vida que se destrúe e recompón nunha sinusoide ineludible, algunhas persoas empéñanse en disimular os anacos que conforman a súa historia, cando o verdadeiramente fermoso é mostralos como deslumbrantes fracturas. Eu son un home roto en mil pedazos, un kintsugi.

La mirada de los peces

la mirada de los pecesHai pouco tempo conversaba cun amigo sobor da degradación do sistema educativo, a perversidade política que o afasta da igualdade e a inclusividade, o inmobilismo con cheiro a rancio do profesorado, a ausencia de implicación das familias… mil razóns coas que pretendía argumentar a debacle da educación pública; el limitou a responsabilidade ao alumnado. Se cadra sobran razóns para xustificar ese adoceamento bovino, as novas tecnoloxías, o alonxamento académico dos seus propios intereses, ata aqueles máis sociais que parecen ser tamizados polo filtro da productividade e que os afastan de calquera expectativa de intelectualidade, se cadra esa “obxección” converteuse na resposta silenciosa e agresiva fronte a un modelo triste, obsoleto e irracional.

La mirada de los peces” recupera esa reivindicación do “terrorismo” adolescente, esa pulsión inconformista que posúe o poder de mobilizar cara ao cambio, e da que o alumnado de hoxe parece non ser consciente. Sergio del Molino escribe un caderno autobiográfico asentado no fito que supuxo para el a figura do profesor de filosofía Antonio Aramayona, un activista social que loitou pola educación pública, o laicismo e o dereito a unha morte digna, decidindo rematar coa súa vida en xullo do 2016.

É curioso que, a pesares de estar a case catro lustros da miña adolescencia, me sinta identificado con esa actividade gamberra, esa complicidade con algúns dos que foron os meus profesores e ata coa banda sonora dos comezos dos noventa que identifico cunha fidelidade case exacta á que escoitabamos nos garitos alá polo 79, ou prolonguei en exceso a miña puberdade ou a historia segue un ritmo cíclico que parece terse fracturado, porque cada día que entro ao instituto atópome con esa “mirada dos peixes”.

Booktrailer

como facer o teu booktrailerDéixovos un enlace pos si alguén se anima a facer un booktrailer sobre calquera libro que vos apeteza. Non son necesarios grandes medios, coa cámara dun teléfono móbil e un editor de vídeo sinxelo poden chegar a conseguirse produccións xeniais.

Exemplo de booktrailer
[youtube https://www.youtube.com/watch?v=iK2ayEnazhY&w=560&h=315]

E xa aproveito para deixar unha brevísima reseña

la chica del trenBo debut de Paula Hawkins con “La chica del tren” Unha novela case negra, escrita a modo de diario de tres mulleres, que vai furgando ncomplexidade das relacións de parella e describindo cunha minuciosidade sospeitosa o alcoholismo feminino. Recomendable.

Ler con nenos

leer con niñosDefinitivamente non teño a cabeza para ensaios, “Ler con nenos” é un derroche de intelectualidade comprimida que require relecturas sistemáticas de cada parágrafo. Agochando unha apoloxía da lectura, entre contos, Santiago Alba Rico exerce unha intervención cirúrxica dos textos diseccionando o ben e o mal, o amor, os victoriosos e os derrotados, os nenos, as nais, o corpo, a imaxen (alma)… Un cerebro bestial ao servizo da filosofía que precisa tempo, moito tempo, para conseguer deglutir as súas producións. Cada libro ten o seu momento, ou cada momento ten o seu libro, falloume esa conxunción e entrei en barrena cara un abismo escuro e densísimo que casi me asfixia, pero resulta unha morte placenteira o deixarse estrangular polas abigarradas mans das páxinas. Que trampas agochan os títulos e que perversas son algunhas amizades cando suxestionan lecturas tan demoledoras.
Déixovos un dos relatos para que o devoredes ou sexades devorados.

A muller xeada

Alguén mencionou “La mujer helada ” de Annie Ernaux como unha obra estrictamente feminista e reivindicativa fronte á popularísima tetraloxía de “La amiga estupenda” da Ferrante, pois é mesturar churras con merinas. Sen restarlle un ápice de valor ao libro de Ernaux, que é unha crónica da opresión patriarcal padecida por unha muller dende o seu nacemento, desenvolvida cunha descrición tan crible que resulta arrepiante e que constitúe unha revelación sen trampa nin cartón da escravitude do estereotipo machista gravado socioloxicamente a sangue e lume, resistente a unha educación non sexista e á intelixencia da muller. Malia iso a fluidez narrativa da Ferrante, a coidada elaboración do contexto, a construción das persoaxes … distánciaas dun xeito indiscutible, a comparación é imposible, sería como pensar que é mellor, a física ou as matemáticas. Por certo, un libro moi recomendable aínda que nunca sufrirá o estigma de verse convertido nun Best Seller.

« Older posts

© 2019 bibliolucus

Theme by Anders NorenUp ↑

Gústache o blogue? Corre a voz