Comeza xa, de novo, unha nova edición do programa “Venres nas librarías” que hai xa uns anos promoven a Consellería de Educación e Cultura e maila de Economía e Facenda xunto coa Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia.

Como no ano anterior, un feixe de librarías do país (17 librarías das 4 provincias), que os venres, dende mañá até o 28 de novembro, porán en contacto a autoras e autores galegos que publicaron no último ano cos seus lectores. Hai máis de 80 actos: venres nas libreríascharlas, debates, presentación, música e todo aquilo que sirva para crear rede e coñecemento, dun xeito lúdico e informal. E tras un tempo de descanso, continuará unha nova xeira en febreiro e marzo do 2016.

Como novidade, este ano amplíanse os contactos tamén ao sábados polas mañás, nos que os protagonistas serán os cativos.

A maiores, como complemento, crean o concurso “Andel do Agasallo”,  no que se trata de adiviñar cal é o libro do que se dan as pistas. Os gañadores recibirán como agasallo ese libro que hai que atopar.

Para participar hai que facelo a través das redes sociais. Ben seguir a conta de Twitter @conscultura co hashtag #andeldoagasallo; ou a través do Facebook (www.facebook.com/CulturaGalegaXunta).

Ánimo e a participar.