Organizada pola Fundación “CaixaGalicia” está a funcionar estes días no na Sala de Exposicións do  Centro Sociocultural de Caixa Galicia no fondo da Praza Maior, a exposición “Cen por cen Seoane. 100 anos, 100 lugares“. Conmemórase con ela o centenario do artista na forma da maior exposición habida nunca sobre o artista.

Así aparecen recollidas máis de 350 obras orixinais do autor e doutros artistas que tiveron que ver con el, 220 documentos orixinais (cartas, escritos variados, autógrafos…) e preto de 130 fotografías  sobre a súa vida. Todo isto permite facerse unha clara idea da importancia de Luís Seoane, como artista e tamén como activista político e noutras facetas relevantes como a participación con Isaac Díaz Pardo no xermolo do que había de ser máis adiante a factoría de Sargadelos.

A exposición estará aberta até o 8 de maio en horario de mañá e tarde, podendo realizar os mércores e sábados ás 19’30 unha visita guiada. Para coñecer máis exactamente os horarios, podes picar na seguinte ligazón da Sede de Lugo da Fundación Caixa Galicia onde tamén hai unha ligazón á exposición.

Finalmente, podes descargar o folleto da exposición premendo na imaxe seguinte, pero coidado os horarios que aí aparecen non son os de Lugo.