Un outro blogue en galego de Wordpress

Etiqueta: Domingo Villar

O último barco

Domingo Villar

Oito anos demorou Domingo Villar a terceira entrega das andainas do inspector Leo Caldas. “O último barco” son 800 páxinas de novela policial made in Galiza, unha “negra” de estrutura clásica que consegue manter a incertidume ata a derradeira liña. Gostara do debut con “Ollos de auga” e defraudome “A praia dos afogados” (sen mencionar a nefasta adaptación cinematográfica que fixeron dela) pero hai que recoñecer que este traballo, rumiando na pescuda dunha muller desaparecida en Moaña, está moi ben artellado. Lectura de entretenimento moi recomendable.
Para os/as incondicionais de Villar, que se contan por milleiros, imprescindible.

Estrea cinematográfica de “A praia dos afogados”

O pasado día 9 estreouse comercialmente a película “A praia dos afogados” baseada na novela do mesmo título de Domingo Villar, que vén sendo a continuación da anterior e exitosa “Ollos de auga“, que varios grupos tiveron, e teñen, como obra de lectura recomendada na materia de Lingua Galega.

A película, que foi rodada en Vigo e arredores e que conta con gran parte do equipo técnico galego e coa maior parte tamén de actores galegos, está dirixida por Gerardo Herrero, guionista, director e productor de ampla carreira, cun guión creado polo propio novelista.

O protagonista é Leo Caldas, inspector de policía e que tamén participa nun programa radiofónico de atención cidadá, que ten que resolver o aparente suicidio dun mariñeiro pero no que a autopsia leva a sospeitar que, en realidade, é un asasinato.

Aquí temos o trailer da película para que sirva de aperitivo.

[vimeo 130748842 w=600 h=350]

A Praia Dos Afogados – TRAILER galego from Tornasol Films on Vimeo.

Recomendacións para o verán

A piques de rematarmos xa as clases, deseñamos esta nova Guía de Lecturas con recomendacións para o verán.

Como veredes hai un pouco de todo. Dende libros de ficción (“Cuatro“, da serie Diverxente), até obras que tocan a divulgación científica (“O científico que derrotou a Hitler), e dende a Banda Deseñada actual (A vitoria final) até outro tipo de ficción aparentemente máis infantil (Mortadelo ou a Historia de aquí de Forges). Tamén hai sitio para outra triloxía xuvenil, a coñecida Ámote Leo de Rosa Aneiros, e tamén para a serie negra do país (a continuación dunha das lecturas obrigatorias de galego: A praia dos afogados, unha nova aventura de Leo Caldas, escrita por Domingo Villar), e para unha autobiografía novelada sobre “O Piloto“, o derradeiro dos maquis/guerrilleiros mortos en todo o estado. Para rematar dous libros de lucenses: por unha banda, unha das nosas debilidades, o último libro do lucense Miguel Anxo Murado –La invención del pasado-, que sirve para desvelar algunhas das fantasías históricas que se espallan e son admitidas como verdade universal e pola otra, unha novela ambientada na antiga Lucus Augusti –Las hijas del César-, que vén moito a conto agora que falta pouco para o “Arde Lucus”.

Aquí queda o tríptico (non hai máis que premer na imaxe da galería onde está o selo da Biblioteca)  por se queredes botarlle unha ollada e, coma sempre, tódalas obras están no noso expositor.

Domingo Villar e “A praia dos afogados”

Hoxe vén de coñecerse como esta obra –A praia dos afogados– de Domingo Villar, que moitos tedes lido e que se atopa na nosa biblioteca é unha das 7 obras finalistas do premio Dagger. Este é, seguramente, o premio máis afamado  a nivel internacional sobre a temática centrada na chamada novela negra.

Con esta nominación, que se resolverá a finais do mes de xullo, recoñécese o labor e a escrita deste autor en galego e mais tamén da súa tradutora ao inglés, Sonia Soto. Xa foi unha obra varias veces premiada (por exemplo en 2010, pola Federación de Libreiros de Galiza) e que tamén foi traducida ao castelán sendo tamén moi recoñecida.

Dende aquí desexámoslle sorte con este galardón tan importante.

© 2024 bibliolucus

Tema por Anders NorenArriba ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz