Un outro blogue en galego de Wordpress

Etiqueta: Día Internacional contra a Violencia de Xénero (Páxina 1 de 2)

25N (Lucus Augusti, 2023)

Día Internacional da Eliminación da violencia contra as mulleres. É algo máis que unha data no calendario. É unha necesidade, porque a pesar de haber sectores que negan a existencia desta problemática mundial, os datos son contundentes.

No IES Lucus Augusti organizouse unha actividade para sensibilizar sobre esta terrible realidade. No vídeo, podedes ver algúns datos para reflexionar, e as actividades feitas. Grazas a todas as persoas que participaron!

25 de novembro

Un ano máis chega a conmemoración do Día contra a violencia de xénero. Desta volta, estamos aínda inmersos na epidemia da COVID-19, e preparamos aquí un feixe de recursos que se poden traballar nas clases ou mirar individualmente en procura de información.

En primeiro, lugar, presentamos un folleto de banda deseñada en formato pdf, titulado “Pillada por ti“, realizado polo Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade e que se editou en tódalas linguas do estado, e aquí podemos acceder á versión en galego.

A seguir, temos tamén un folleto, tamén editado polo mesmo ministerio, que vén sendo unha completa guía, en forma de díptico, onde se presenta toda a información precisa para o caso de que suframos ese problema ou coñezamos a alguén que o está a sofrer.

Tamén aparecen, moi sintetizadas, unha serie de ideas que nos porán na pista e nos servirán para poder distinguir condutas que teñen que ver con ese tipo de violencia.

Outro recurso interesante é o presentado por Alicia G Montano e RTVE, no que mediante un par de vídeos nos lembran quen foi a primera vítima recoñecida como tale e tamén nos facilita distinguir entre conceptos que, ás veces, mesturamos, como son: “violencia de xénero”, “violencia doméstica!, “violencia intraxénero” ou “violencia “machista”.

Finalmente, temos dous folletos editados por dous sindicatos do ensino. Un deles, é da CIG e se titula: “TRABALLANDO A PREVENCIÓN da violencia de xénero na adolescencia“. O outro é de STEG, e se titula: “Vive en igualdade, vive sen violencia

25-N

Con motivo da conmemoración do 25-N, Día internacional contra a violencia de xénero, dúas das nosas alumnas de 1ºBAC, Noa Palmeiro e Noelia Rego, que pertencen ao Grupo de Coeducación do Club de Letras, leron un manifesto sobre esta data na que seguimos a protestar contra a violencia que se exerce contra as mulleres.

Manifesto do 25 de novembro no IES Lucus Augusti

Aquí tedes o Tríptico que vos ofrecemos para conmemorar esta data. Pódese descargar en formato pdf premendo na imaxe

25 de novembro * IES Lucus Augusti

25 de novembro-Outra vez

Segue celebrándose o 25 de novembro, o Día internacional para a Eliminación da violencia contra a Muller.  Faise tardar o día en que non sexa necesario adicar un xornada reivinciativa “contra a violencia machista”. Porén, algo está a mudar. O que antes se vía como “normal”, cada vez é máis rexeitado; onde antes había silenzo, agora hai verbas e razóns. Para rematar con esta situación, seguiremos a dicir o mesmo que aparece no vestíbulo do noso instituto…

Aquí traemos as propostas de dous sindicatos do ensino que nos achegan as súas propostas para traballar co noso alumnado. Tamén cabe preguntarse onde están as propostas do noso goberno, máis aló das fotos de rigor. Depositan no profesorado o traballo a realizar, máis poucas veces aportan algo máis que boas palabras. Precisamos xa de feitos.

Estes son os recursos que se ofrecen dende CIG-Ensino:

  • Edita con acceso libre un libro titulado “Coeducación. O alicerce do ensino
  • Presenta unha unidade didáctica para secundaria para traballar os estereotipos de xénero e a discriminación das mulleres
  • Ofrece os materiais que emprega a profesora Marta Dacosta no seu labor diario de 1º a 4º de ESO.
  • Outro libro titulado “Tecendo redes de igualdade“, tamén de uso libre, que consiste nun feixe de artigos sobre coeducación (o mito do amor romántico, o sexismo no deporte, e nos mass media…).

En canto ao STEG,  tódalas actividades que ofrecen están no mesmo ficheiro, que se pode consultar aquí.

25 de novembro-Día internacional contra a violencia de xénero

De novo, chegamos a esta data e de novo os datos son arrepiantes. Sen dúbida, resulta canso ter que seguir con esta data pero aínda hoxe hai casos de grande actualidade que a fan necesaria.

Hoxe presentamos materiais para traballar nas aulas, se interesa. Son dous sindicatos do ensino os que presentan unidades didácticas que poidan ser aproveitadas.. Que opinas?

Para acceder a cada unha delas, pica na imaxe.

Vídeo da conferencia “Combater as relacións tóxicas. Previr a violencia de xénero desde a adolescencia” de Carmen Ruíz Repullo nas XIV Xornadas da Muller da CIG Ensino e a AS-PG.

E finalmente, outro vídeo dun grupos de rapazas que acadou o primeiro premio das xornadas de música infantil e xuvenil organizadas pola Deputación da Coruña. Titúlase “Son muller” e o grupo é MBCP  (máis boas cás patacas).

E para rematar, a través de praza.gal, chéganos esta vídeo onde se formula un experimento no que podes participar. Trátase de ver as diferentes secuencias e decidir que farías ti nese caso. Curioso, non?

DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

violenc-xenero-16

Desde 1981 Latinoamérica, e o resto do mundo, conmemora cada 25 de novembro o día contra a violencia de xénero. Os movementos feministas da rexión, cunha das taxas máis altas de violencia contra a muller, acuñaron esa data en honra ás dominicanas Minerva, Patria e María Teresa Mirabal, tres irmás asasinadas o 25 de novembro de 1960 por orde do ditador Rafael Leónidas Trujillo, do que eran opositoras. Anos máis tarde, en 1999, a ONU sumouse á xornada reivindicativa e declarou cada 25 de novembro Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, en honra ás irmás Mirabal.

O Equipo da Biblioteca do IES Lucus Augusti quere concienciar a toda a comunidade educativa sobre esta lacra mediante mensaxes visuais a través de siluetas. Aquí témo-lo vídeo de todo o exposto polo centro adiante.

E se queres ve-las fotos, preme  aquí .

25 de novembro III-A nosa flashmob

A campaña “1 000 millóns en pé” preséntase como a acción de masas máis grande da historia da humanidade para acadar o remate da violencia contra a muller.

Comezou en 2012, no día de San Valentín, e coma unha 1 billionchamada de atención diante do feito de que, estatísticamente, 1 de cada 3 mulleres no planeta sufrirían durante a súa vida algún tipo de violencia física ou sexual. Se a poboación mundial é de 7 000 millóns de pesoas, aproximadamente, isto indicaría que o número total de vítimas chegaría a uns 1 000 millóns de mulleres e rapazas. De aí vén o nome da campaña. Cada mes de febreiro, por todo o mundo, moreas de mulleres póñense en pe, cantan e bailan para demostrar que a alegría é máis forte e poderosa que a violencia. Podes ter máis información, premendo sobre a imaxe.

Neste ano, e nestes días, nos que a violencia de xénero continúa a golpear, pareceunos importante, especialmente dende o ámbito educativo, empregar esa campaña para contribuír co noso apoio.

Así, o pasado 25 de novembro, realizouse unha flashmob na que se cantou e bailou “Break the chain“. Unha peza escrita e producida por Tena Clark, con música da propia Tena e Tim Heintz e coreografía de Debbie Allen.  De seguido tedes o resultado.

25 novembro-II

Dende aquí querémonos facer partícipes da acción de EnlazaVigo, organizada polo Consello Municipal da Muller. Así, preténdese que a cidadanía se poña na vangarda da campaña contra a violencia de xénero e se impliquen tamén os centros de ensino. Este ano contaron coa participación de 43 centros e case 2 000 estudantes. Todo un éxito. Dende aquí, un agarimoso recordo pola iniciativa.

violencia_de_xenero

Tamén editaron un dossier, para traballar na aula, que se pode descargar aquí. Se queres máis información sobre o acto, ou ver as fotos, podes premer na ligazón de EnlazaVigo do principio.

25 de novembro

De novo, coma tódolos anos temos aquí un feixe de recursos cos que se poden tratar a lacra da violencia de xénero. Coma en anos anteriores, contamos coa axuda de Obed (2º BAC) que realizou o cartel co que se abre a exposición que temos no vestíbulo e da que iremos informando nos vindeiros días.

25 novembro

Neste ano está prevista unha “flasmob” no vestíbulo e unha exposición de diferentes recursos como son a listaxe de vítimas de violencia de xénero do presente ano, a exposición de cartaces da revista “Rapazas“, coa que se ten traballado noutros anos. Nesta ocasión a autora permitiunos a impresión en gran tamaño dos cartaces con temática específica: que é a violencia de xénero, a violencia no noivado e a detección das primeiras condutas de maltrato e as relacións de dominio. Finalmente, contraponse o que sería unha conduta sana.

Para rematar, temos un vídeo e os cartaces correspondentes, tamén no vestíbulo, sobre as “irmás Marabal“, no que se fai unha pequena indicación de por que esta data, o 25 de novembro, é tamén no seu honor. Aquí tedes o vídeo.

“25 de novembro”. Fin da exposición.

O vindeiro venres día 5 rematará a exposición en conmemoración do 25 de novembro. Foi moito o traballo e tamén os días de exposición e proveito que se tirou dela. Pero agora, para rematar, presentamos o vídeo que pecha tódalas actividades realizadas.

Aparece no vídeo todo un resumo das actividades realizadas nestes días. Por exemplo, a tea que une solidariedade e apoio contra o maltrato, e que se podía ver no teito do vestíbulo (aquí pódese ver un carrusel con parte do proceso de entretecido e colocación). Tranqui. Tarda un pouquiño en cargar, pero carga.

Mención a parte merece a colaxe en lenzo realizada, expresamente para a exposición, por Obed –un noso alumno de 1º de BAC– que serviu como cartel anunciador da exposición, que se pode ver a continuación.Obed-lenzo

Tamén hai que mencionar a escolma das láminas da presentación publicada en días anteriores e das mensaxes colocadas por toda a exposición. Ou as fotos que tiramos do libro de Gervasio Sánchez, “Mujeres women: Afganistán” e que empregamos para amosar e complementar a situación da muller noutras áreas xeográficas, neste caso adicado a Afganistán.

Esperamos que vos preste o vídeo. Sen pecar de falsa humildade, coidamos que Demetrio realizou un bo traballo con el. Velaí o tedes.

« Entradas anteriores

© 2024 bibliolucus

Tema por Anders NorenArriba ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz