Un outro blogue en galego de Wordpress

Etiqueta: Día da Biblioteca

24 de outubro-Día da Biblioteca

O mércores 24 de outubro é o Día da Biblioteca, por mor dunha iniciativa da Asociación Española de Amigos del Libro infantil y Juvenil desde o ano 1997. Para celebralo, propoñen tódolos anos un pregón e un cartel. O deste ano, titúlase  O día da luz, e foi escrito por Gonzalo Moure (tradución ao galego de Antía Marante), e o cartel do ilustrador Alfonso Zapico.
 
Tamén temos o cartel que edita a Xunta de Galicia polo mesmo motivo.  

Pregón  Día da Biblioteca 2018

“O día da luz”,   Gonzalo Moure


Veño do deserto do Sáhara, de inaugurar unha biblioteca. Está en Dajla, o máis afastado, o máis esquecido dos cinco campamentos de refuxiad@s saharauís. É a cuarta biblioteca que construímos, e é preciosa. No centro plantamos árbores, para que @s nen@s e @s moz@s do Sáhara poidan experimentar o gozo de sentar baixo a súa sombra para ler un libro. Non queremos que esa biblioteca sexa ningún “templo de silencio”, senón máis ben un espazo para o son, para o ruído. Unha biblioteca que xa é o lugar máis fermoso do campamento. Un espazo para desexar ir buscar lectura, pero tamén amizade, soños compartidos. Incluso amor. Un lugar no que namorar mirando uns ollos por enriba do libro. Porque ao fin e ao cabo, a biblioteca é o lugar onde se descobre ao outro, de papel ou de carne. 

Nun filme inesquecible, o mellor filme de ciencia ficción da historia, “2001, unha odisea do espazo”, aparece un monólito cada vez que o ser humano se dispón a dar un salto cualitativo. Kubrick, o seu director, debeu poñer un libro no seu lugar. Porque foron os libros os que marcaron o ritmo dos cambios do ser humano. Porque o libro é o laboratorio das mulleres e os homes, o lugar no que se experimenta con emocións, descubertas, utopías, apostas. Somos o que somos porque fomos pensando e escribindo sobre como ser e sobre como non ser. E seremos o que pensemos, o que pensen e escriban as vindeiras xeracións. Así que unha biblioteca non é só un lugar que convida a ler, senón tamén, ou por iso, un lugar que convida a escribir. As bibliotecas do século XXI so, poden ser, teñen que ser o sementeiro de novas novelas, novos monólitos, fitos do noso futuro. Se o século XX foi sen dúbida o século da lectura, o século XXI pode chegar a ser o século da escritura, xa o está sendo. 

Por todo iso construímos bibliotecas nos campamentos do deserto. Porque non son só para @s saharauís. Págaas a nosa sociedade civil, mediante soci@s adult@s, e mediante actividades solidarias nos colexios, institutos e bibliotecas. E @s alumn@s e lector@s que as sufragan fanse conscientes do extraordinario que é ter unha biblioteca, aprenden a valorar a súa, a defendela. Cada biblioteca do deserto ten detrás a milleiros de nen@s, moz@s e adult@s que a fixeron posíbel co seu pequeno esforzo. Sumando. Cada lectora e lector saharauí ten ao seu carón a milleiros de lectoras e lectores, máis conscientes da importancia dunha biblioteca, porque co seu traballo construíuse unha, nun clima e lugar tan hostil. 

Pensa na túa biblioteca. Houbo un día no que esa biblioteca non existía. Alguén soñouna, loitou por ela, encheuna de libros e tamén de soños. Faite do equipo dese alguén que a fixo posible, loita por un mundo no que non haxa un ser humano que non teña preto unha biblioteca, ou un amoroso “bibliobús”. Que non haxa ningunha nena e ningún neno, moz@ ou adult@, que non roce a man dunha bibliotecaria que a aconselle, que o oriente no labirinto. Que é o mesmo que dicir que non haxa ningún ser humano conectado ao que foi, o que é e o que será. 

Na túa man hai milleiros de mans, apertando a túa, acompañándote no camiño. Tenras ou con durezas, pequenas ou grandes. No libro que te agarda na mesa de noite ou xunto ao sofá, hai millóns de libros. Inxenuos ou complexos, humildes ou luxosos. Mais todos preciosos. Conectados todos por un invisíbel fío de prata que un man con man, andel con andel, un fío inacabábel e luminosos. Inacabábel, e que así sexa. Hoxe é o Día da Biblioteca, que é o mesmo que dicir “O día da luz”.

Feliz día, feliz século.

24 outubro-Día das bibliotecas

Cada ano  dende 1977, por iniciativa da Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil, e en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, o 24 de outubro é o Día da Biblioteca. Pretendíase valorar o traballo realizado polos bibliotecarios no fomento da lectura.

Tódolos anos, tamén, prémiase un pregón e un deseño plástico que serven para promocionar ese evento. Así, son dúas mulleres, as gañadoras do Premio Nacional de 2015 que se difunden neste día, nas dúas modalidades: a basca Elena Odriozola e a galega Ledicia Costas.  De seguido, podedes ver e ler o deseño de Elena e o pregón de Ledicia. Que vos parecen?

dia-biblioteca-2015

Un vagalume é unha illa diminuta extraviada na noite máis densa. Cen vagalumes, unha constelación misteriosa que marca o rumbo cara a outros universos. Así, con esa estratexia de luz, organízanse os libros que moran nas bibliotecas. Son aloumiños fosforescentes que incendian os soños e recompoñen os corazóns grises ata facelos recobrar o seu vermello brillante. Calquera individuo que padeza a síndrome do corazón gris, debería poñerse en mans dun experto e visitar unha biblioteca. 

Para escribir un libro, ademais de facer malabarismos coas palabras hai que ser unha desvergonzada ou un tolo. Un atrevido, unha excéntrica descontrolada! Levar un calcetín de lunares, outro de raias e os pelos de punta. Unha crista como as das cacatúas sería un peiteado ben interesante para un escritor. Só as mentes máis disparatadas son aptas para escribir libros. Mais para custodialos non chega con ter un desaxuste nos cables cerebrais. É indispensable ser de fóra. Un extraterrestre. As bibliotecas albergan seres con antenas xiratorias, cerebros milliométricos que memorizan títulos rebuscados, rimbombantes, campanudos. As persoas que custodian os libros sempre me pareceron criaturas singulares. Están dotadas de extremidades retráctiles que estiran e estiran ata alcanzar aquel volume ao que semellaba imposible acceder. E logo, coma se nada, recompóñense e todo volve á súa posición natural. Semellan seres humanos, mais a pouco que os observes, percibirás que non son de aquí. Unha das cousas que máis me fascina é o seu cerebro. Parécenme tan listos! Os libros fabrican pensamentos. Pasar tantas horas dentro dunha factoría de ideas é bo para ter un corazón vermello e brillante e unha cabeza chea de plans fantásticos. 


Alguén me contou que o 24 de outubro é o Día das Bibliotecas. Sería xenial montar unha festa con confeti e pompas de xabón. Unha cousa grande. A min encantaríame vestirme para tal ocasión coma o personaxe dalgún libro, sentar na mesa dunha biblioteca da cidade onde vivo, e agardar a que viñesen visitarme. Nas bibliotecas podes ser quen ti queiras. Desde Mary Poppins ata Matilda. Atreyu, Drácula e ata Pippilotta Viktualia Rullgardina Krusmynta Efraimsdotter Långstrump. Podes poñer botas de pelo, plumas, zancos e sombreiros. Sombreiros! Iso é! Imaxino a unha pequena lectora achegándose a min discretamente, engaiolada polas cores e formas do meu chapeu:


—Sombrereira tola, que festa tan marabillosa! Sería tan amable de servirme unha taza de té?


Eu serviríalla con moito gusto, poñendo cara de muller refinada, e logo as dúas faríamos a un tempo ruído ao tragar. Soaría algo así como glup glup glup. E antes de que nos dese tempo de botarnos a rir de xeito desenfreado, aparecería o bibliotecario, como xurdido da nada, que para iso posúen a facultade de materializarse diante de ti no momento máis inoportuno, e nos advertiría de que as bibliotecas non son lugares aptos para ir merendar. Hai que recoñecer que son únicos custodiando tesouros. Extraterrestres co corazón vermello e brillante. Que cousa tan fantástica. Feliz Día das Bibliotecas!

Ledicia Costas

24 Outubro: Día das bibliotecas

Coma tódolos anos, o vindeiro venres 24 de outubro, conmemórase o Día das Bibliotecas. Como se indica no comunicado de ANABAD (Asociación de Bibliotecarios, Arquiveiros e Documentalistas) quizais non haxa moito que celebrar porque neste contexto de crise, non só económica, a situación está mal. De tódolos xeitos, é un día para sacar peito e afouteza e continuar.

Este ano adícase á escritora española Ana María Matute, recentemente falecida e a súa imaxe é a protagonista no cartaz de Carme Solé que tamén inclúe o pregón de Antonio Rodríguez Almodóvar (para podelo ler en mellores condicións, preme na imaxe do cartel). Múltiples institucións estatais participan na conmemoración que é organizada pola Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil.

día-biblioteca

© 2024 bibliolucus

Tema por Anders NorenArriba ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz