Presentamos unha nova reseña de Antonio, o profesor de Lingua e Literatura Castelá.

Joël Dicker, xoven escritor xenebrés, conságrase co éxito obtido por esta novela, catalogada como “thriller”, aínda que supera por moito os límites deste xénero.

A historia conta a investigación dunha morte que sucedeu fai moitos anos nun pobo costeiro de Norteamérica. O que nun principio evidenciaba un caso resolto convértese nunha maraña de interrogantes que un escritor nobel en crisis creativa chegado de Nova York debe desentrañar.

Na novela vese claramente o influxo de autores como Nabokov e a súa grandiosa Lolita, así como a pegada dos grandes escritores de novela negra estadounidenses ou do cinema clásico de Hollywood. Dicker sabe combinar de maneira maxistral unha historia de amor cos avatares dunha sociedade na que se critica claramente a dobre moral imperante na América de finais do século XX.

Pese á súa ambientación, a novela pode extrapolarse a practicamente calquera lugar do planeta, xa que a confección dos distintos personaxes que fai Dicker dálle unha dimensión abondo ampla.

En definitiva, unha obra apaixoante que engancha dende a primeira liña e que mantén a atención do lector ata a última letra. Moi cinematográfica, luminosa e visual, probablemente acabe na gran pantalla, se non o fixo xa.