Quedei ancorado no libro “La vida en las ventanas“, non volvín a Andrés Neuman ata esta “Fractura” e laméntoo, sempre se cruzan lecturas entre desexos e vas abandonando promesas de reencontros que no meu caso quedan nunha listaxe virtual que xamais terei tempo para baleirala. Neuman é un grandísimo narrador e a súa última obra é un xogo entre a novela e o xornalismo reivindicativo, un manifesto antinuclear agochado na historia dun sobrevivinte de Hiroshima e os relatos en primeira persoa de 4 mulleres en 4 cidades que compartiron distintos momentos da súa vida, un trenzado sociocultural que xoga coas sutilezas da comunicación humana a través da linguaxe.

De cada libro quédame un recordo, polo menos un, se non me ocorre é que pasou pola miña vida como os centos de persoas coas que me cruzo cada día, obsérvoas pero non as inclúo nos meus recordos. De “Fractura” quedarame un concepto, a palabra á miña idade estou seguro de que se desvanecerá, o ” Kintsugi“, unha arte xaponesa que reconstrúe pezas rotas facendo visibles as súas gretas con láminas de ouro, unha metáfora da vida que se destrúe e recompón nunha sinusoide ineludible, algunhas persoas empéñanse en disimular as cachizas que conforman a súa historia, cando o verdadeiramente belo é mostralas como cegadoras fracturas. Eu polo menos son un home roto en mil pedazos, un kintsugi.