bibliolucus

Un outro blogue en galego de Wordpress

Mes: Abril 2019

II Encontro de Banda Deseñada Histórica

Esta fin de semana celebrarase o II ENCONTRO DE BANDA DESEÑADA HISTÓRICA que terá como sede a nosa cidade. Durante dous días, Lugo converterase na capital mundial do cómic histórico cunha chea de actividades para os/as lugueses/as: conferencias, mesas redondas, pasarrúas históricos, obradoiros de cómic así como sesións de sinaturas a cargo dos autores convidados e un longo etcétera de actividades para o desfrute de todos/as.

A organización corre a cargo, entre outros, da Área de Cultura da Deputación Provincial e da Escola de Arte e Superior de Deseño “Ramón Falcón”.

Se gostas da banda deseñada, de seguro que é un gran plan para esta fin de semana. Podedes conseguir máis información no cartaz e no código QR que aparece neste.

Fractura

Quedei ancorado no libro “La vida en las ventanas“, non volvín a Andrés Neuman ata esta “Fractura” e laméntoo, sempre se cruzan lecturas entre desexos e vas abandonando promesas de reencontros que no meu caso quedan nunha listaxe virtual que xamais terei tempo para baleirala. Neuman é un grandísimo narrador e a súa última obra é un xogo entre a novela e o xornalismo reivindicativo, un manifesto antinuclear agochado na historia dun sobrevivinte de Hiroshima e os relatos en primeira persoa de 4 mulleres en 4 cidades que compartiron distintos momentos da súa vida, un trenzado sociocultural que xoga coas sutilezas da comunicación humana a través da linguaxe.

De cada libro quédame un recordo, polo menos un, se non me ocorre é que pasou pola miña vida como os centos de persoas coas que me cruzo cada día, obsérvoas pero non as inclúo nos meus recordos. De “Fractura” quedarame un concepto, a palabra á miña idade estou seguro de que se desvanecerá, o ” Kintsugi“, unha arte xaponesa que reconstrúe pezas rotas facendo visibles as súas gretas con láminas de ouro, unha metáfora da vida que se destrúe e recompón nunha sinusoide ineludible, algunhas persoas empéñanse en disimular as cachizas que conforman a súa historia, cando o verdadeiramente belo é mostralas como cegadoras fracturas. Eu polo menos son un home roto en mil pedazos, un kintsugi.

Premio extraordinario da ESO

No seu momento, xa se informara que un alumno noso, Pedro Ferreiro Rega, conseguira o Premio Extraordinario da ESO (pódese recordar aquí).

Agora, temos aquí unhas fotos nas que vemos a recollida do premio en Santiago, xunto con outros compañeiros e as autoridades educativas do país.

E se premes no título da imaxe que vén abaixo, poderás ler a entrevista que lle fixeron, hai uns días, no xornal “El Progreso“.

Pedro Ferreiro Rega, no vestíbulo do centro (Foto: Xesús Ponte. El Progreso).

O noso primeiro podcast

Recentemente, o noso centro mercou unha radio, ou máis ben o equipamento para facer radio-escolar. De seguido, Cristina, unha profesora que estivera connosco, xunto co alumnado de 3PMAR lanzáronse á aventura e veleiquí témo-lo resultado en forma do primeiro podcast que realizaron e que cont´n unha entrevista con Anxo, o coordinador do grupo da Biblioteca.

A idea sería que o noso alumnado, sobre todo aquel que lle interesen este tipo de medios de comunicación, se vaia formando ao mesmo tempo que divertindo para realizar máis traballos deste tipo. Se che interesa, non tes máis que comunicalo e iremos trazando para continuar con este proxecto. Ánimo.

Como o prometido é débeda, aquí temos a entrevista con Anxo, o coordinador do Equipo da Biblioteca.

Día Mundial do libro 2019

Como tódolos anos, cando se achega o Día do Libro, dende as Bibliotecas Escolares de Galicia, adóitase pedir a un persoeiro ou persoeira importante do noso país, un pequeno texto sobre o libro.

Este ano, tocoulle a Marilar Aleixandre, figura xa coñecida por moitos de vós porque estivera aquí o ano pasado dando unha conferencia. Aquí tedes o texto deste ano, que é un poema.

O muiñeiro ouveador

O muiñeiro Ouveador

En outubro de 2018 faleceu Arto Paasilinna, escritor finés do que se dixo fora o inventor do “humor negro ecolóxico”.

Eu estreneime na súa obra co “O muiñeiro ouveador“, maxistralmente traducida ao galego por Tomás González Ahola. Unha boísima elección porque a historia ben podería estar contextualizada na Galiza de mediados do século XX. Un conto fermoso no que a tolemia é cuestionada dun xeito intelixente ao confrontar os valores urbáns coa natureza, un alegato panteìsta cheo de graza e dramatismo. Moi recomendable.

Presentación libros

O vindeiro xoves 11 de abril de 2019 ás 19:30 o Salón de actos do IES Lucus Augusti acollerá a presentación dos libros:

Golpistas e verdugos de 1936“: Como foron fusiladas autoridades civís, militares, policiais e administrativas sen que imaxinasen que ían ser executadas, porque esa posibilidade non formaba parte do seu mundo, nin da súa experiencia vital e política.

Historia de la guerra civil contada por dos hermanas“: Carlota e Fernanda García do Real son as autoras deste libro. Dúas irmás na Guerra civil, cada unha sorprendida nunha zona diferente. Ambas escribiron as súas experiencias do golpe de estado de xullo, da guerra de 1936-1939 e do impacto que causou nas súas vidas.

Participarán:

Ana Cabana Iglesia. Doutora en Historia Contemporánea

Lourenzo Fernández Prieto. Catedrático de Historia Contemporánea

Henrique Hervés Sayar. Profesor de Historia do IES Lucus Augusti

O último barco

Domingo Villar

Oito anos demorou Domingo Villar a terceira entrega das andainas do inspector Leo Caldas. “O último barco” son 800 páxinas de novela policial made in Galiza, unha “negra” de estrutura clásica que consegue manter a incertidume ata a derradeira liña. Gostara do debut con “Ollos de auga” e defraudome “A praia dos afogados” (sen mencionar a nefasta adaptación cinematográfica que fixeron dela) pero hai que recoñecer que este traballo, rumiando na pescuda dunha muller desaparecida en Moaña, está moi ben artellado. Lectura de entretenimento moi recomendable.
Para os/as incondicionais de Villar, que se contan por milleiros, imprescindible.

© 2019 bibliolucus

Theme by Anders NorenUp ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz