Un outro blogue en galego de Wordpress

Categoría: Novas (Page 2 of 5)

O último barco

Domingo Villar

Oito anos demorou Domingo Villar a terceira entrega das andainas do inspector Leo Caldas. “O último barco” son 800 páxinas de novela policial made in Galiza, unha “negra” de estrutura clásica que consegue manter a incertidume ata a derradeira liña. Gostara do debut con “Ollos de auga” e defraudome “A praia dos afogados” (sen mencionar a nefasta adaptación cinematográfica que fixeron dela) pero hai que recoñecer que este traballo, rumiando na pescuda dunha muller desaparecida en Moaña, está moi ben artellado. Lectura de entretenimento moi recomendable.
Para os/as incondicionais de Villar, que se contan por milleiros, imprescindible.

Cambio Climático

Interesante vídeo o que se puido ver hai un par de días na 1 da Televisión Española. O equipo de Metereoloxía da cadea participa estes días na Conferencia Internacional “Change The Change” que se está a celebrar en Donostia, e veñen de subir á rede un vídeo no que explican un dos posibles efectos do cambio climático se non atallamos a emisión dos gases de efecto invernadoiro.

Por se non o viches, telo aquí pola importancia que ten. É para pararse a pensalo. Non si?

Que opinas?

#Cuéntalo

En abril do 2018, despois de facerse pública a sentenza do xuízo da “manada”, a xornalista Cristina Fallarás lanzou a iniciativa “#cuéntalo“, un hashtag contra a violencia de xénero que pretendía visibilizar a través dos testimonios de mulleres vítimas de maltrato unha dramática realidade agochada tralo silenzo. Durante 14 días máis de 800.000 mulleres denunciaron na rede as violacións, acosos e agresións ás que foran sometidas.

Unha vez realizado o traballo de campo solicitaron a colaboración do Centro de Supercomputación de Barcelona para manexar os 13 gigabytes de información, con máis de 2 millóns de chíos que encherían 100 libros, de xeito que poideran converterse nun esquema sinxelo que achegara información respecto á situación da violencia de xénero sen perder cada historia individual e non sepultar os relatos persoais con cifras e estatísticas. O proceso para a construción do algoritmo a través dunha rede neuronal realizada a man foi complexo e rematou nunha páxina web impactante.

Unha colaboración entre periodismo social e tecnoloxía impresionante.

Ver web #Cuéntalo

Para saber máis Blogue #Cuéntalo

 

Premio extraordinario da ESO

Vén de publicarse a listaxe de alumnos e alumnas que conseguiron o Premio Extraordinario da ESO ao rendemento académico, e énchenos de orgullo  que un dos nosos alumnos estea entre eles. Trátase de Pedro Ferreiro Rega, a quen, dende aquí, queremos felicitar polo esforzo realizado e o éxito acadado.

Deixamos, tamén,  a ligazón á entrevista que lle fixeron no xornal “La Voz de Galicia” na edición de Lugo, de onde collimos esta fotografía na que posa subido á escaleira da nosa Bibloteca.

 

Mes cultural I. Pedro Feijóo

Comezamos presentado xa todo o material que fomos realizando neste último mes que entre exames e outros traballos se nos foi acumulando. Todos estes materiais que iremso amosando parte do Día do Libro (23 de abril) até o Día das Letras Galegas (17 de maio) E principiamos coa charla ofrecida por Pedro Feijóo.

É un autor actual que xa ten varias novelas no mercado e que ademais de conseguir coa primeira (“Os fillos do mar“) ser finalista do Premio  Xerais no 2011, tamén conseguiu por dúas veces acadar o Premio Arcebispo San Clemente, a segunda vez con “A memoria da choiva“.

Por outra banda, falta moi pouquiño para que no vindeiro mes de xuño a novela “Os fillos do lume” estea xa nas librarías.  O mes pasado estivo no noso centro, falando das súas novelas, dos argumentos, de Vigo como escenario e todas aquelas cuestións que o noso alumnado formulara. Despois da charla, asinou algúns dos exemplares, como vemos na seguinte composición.

Se queres saberes máis, aquí tes o seu Twitter por se queres seguir os seus chíos,e esta é aquí está a ficha que ten na editorial.

CONCERTO DIDÁCTICO

No salón de actos do noso centro celebrouse o día 4 de abril un concerto didáctico a cargo da Banda Municipal de Música de Lugo. A actuación musical foi acompañada por números de maxia que fixeron as delicias dos asistentes. Todo un exitazo.

PARABÉNS POR ESTA INICIATIVA TAN INTERESANTE!!!

 

 

 

 

 

Preme aquí ou sobre a imaxe para poder contempla-las fotos do acto.

 

 

 

 

XESÚS RODRÍGUEZ LÓPEZ

O ex-profesor do noso centro, Manuel Calvo López, vén de presentar o seu libro  EPISTOLARIO A/DE XESÚS RODRÍGUEL LÓPEZ sobre a vida deste lucense polifacético que, aparte de ser médico, foi un dos membros fundadores da Real Academia Galega. Posiblemente, a maior parte dos lucenses de hoxe pouco ou nada saben sobre el.

Xesús nace en Lugo o 28 de xullo de 1859 en San Mamede de Lousada. Fixo os estudos de Bacharelato no Instituto de Segunda Ensinanza de Lugo (Arquivo Histórico do Instituto Lucus Augusti).  En 1874 marcha a Santiago para estudar a carreira de Mediciña, acadando por oposición unha praza de alumno interno no Real Hospital de Galicia, praza que perde por abandonar unha garda e deixar só a un compañeiro na asistencia dun parto (Arquivo da Facultade de Mediciña de Santiago de Compostela). Acada a licenciatura o 29 de xuño de 1881 coa calificación de Sobresaínte.

En 1886 viaxa a París para estudar na clínica Pasteur o tratamento preciso para cura-la rabia. Ao seu retorno publica tres artigos nos que explica a súa experiencia no Intituto parisino.

Catro anos máis tarde, en marzo de 1890, é comisionado polo Goberno Civil de Lugo para curar un andazo de gripe n’ A Fonsagrada. Alí chega o día 11 poñendo en práctica un procedemento terapéutico que, pouco a pouco, foi rematando cunha enfermidade que causara un gran número de mortos.

Estableceu despacho na casa paterna, na rúa da Tinería 22, exercendo como médico cirurxián. Un día por semana facíao de balde para as persoas pobres. Falecerá en Lugo o 24 de marzo de 1917.

VIAXE A ATAPUERCA – Alumnos/as de 1º de BAC

atapuerca

 

 


 

Os alumnos de 1º de BAC viaxaron os días 20 e 21 de marzo a Burgos para visitar Atapuerca, nunha saída organizada polo Departamento de Filosofía.

O primeiro día coñeceron León, Carrión dos Condes e a cidade de Burgos onde pernoctaron. O día 21 estivo adicado á visita do Museo da Evolución Humana para, de seguido, proceder ao obxectivo principal da viaxe: a visita ao xacemento de Atapuerca.

Ao remate desta visita tocou o intre de retornar ao punto de partida. Noraboa a tódolos rapaces e rapazas polo seu comportamento.

Para ve-las fotos da saída, preme aquí ou sobre a imaxe.

Presentación dun poemario do presidente da RAG na Libraría Biblos

Ola a tod@s! O vindeiro xoves, día 23, na libraría Biblos e en colaboración coa editorial Xerais farase a presentación do libro de poesía de Xesús Alonso Montero (presidente da RAG): ” VERSOS DUN FISTOR REPUBLICANO, MARXISTA, ATEO E UN POUCO EPICÚREO”.

Contará na presentación coa inestimable presenza de Claudio Rodríguez Fer e tamén de Manuel Bragado, en representación da editorial Xerais, na que será seguro unha obra poética de referenza e lembranzas para moita xente.

Velaí téde-lo cartel do acto. presentacion-versos-dun-fistor-correo

 

« Older posts Newer posts »

© 2023 bibliolucus

Theme by Anders NorenUp ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz