Un outro blogue en galego de Wordpress

Categoría: Novas (Page 1 of 5)

Arcadio López-Casanova na Biblioteca de Galicia.

Apenas onte, apareceu no xornal La Voz de Galicia, unha nova na que se informaba da entrega, a xeito de doazón, da biblioteca persoal de Arcadio López-Casanova á Biblioteca de Galicia. A doazón foi realizada pola súa viúva e ten máis de 2.000 exemplares.

Arcadio López-Casanova, como xa escribimos noutra ocasión, estudara o bacharelato no noso centro, de onde marchou a Santiago a estudar Filoloxía. A seguir, traballou un tempo no Colexio Fingoi até conseguir praza nun instituto de Valencia onde foi catedrático e, posteriormente, gañou unha praza como profesor titular na Universidade da mesma cidade.

Malia a distancia existente, nunca perdeu o contacto co país e seguiu a publicar en galego, e español, até se converter nunha figura importante da xeración que se denominou como “os Novísimos”.

Nunha das moitas veces que estivera por Lugo, conseguimos que dera unha conferencia e tivera unha xuntanza con alumnos de 2ºBAC, aló polo 2013 (nesta ligazón, podes ve-lo vídeo da xuntanza). O certo foi que non houbo que rogar demasiado porque sempre lle gustou ese contacto directo coa mocidade.

Dende aquí, aproveitamos a ocasión para lembralo cun agarimoso recordo.

Premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico, curso 2021/22

Veñen de saír os resultados das probas realizadas para os Premios extraordinarios da ESO ao renemento académico do pasado curso que foran convocados pola ORDE do 23 de maio de 2022.

Dende aquí queremos mandar os nosos parabéns aos gañadores e, especialmente, a dúas alumnas do noso centro que os conseguiron: Iria Castro Díaz e Julia Méndez Núñez 

En honra de Arcadio López Casanova

Hai poucos días, en concreto o pasado 11, que finou Arcadio López Casanova. Non nos corresponde destaca-la súa valía como poeta ou autor para a lingua galega ou para a castelá; mais si queremos lembrar aquela ocasión na que outro día 11, nesta ocasión de novembro de 2013, quen fora alumno e profesor do noso centro, agasalláranos cunha visita e despois cunha xuntanza con parte do alumnado de 2ºBAC.

Daquela, déramos noticia, neste blogue, da charla que mantivera con eses alumnos sobre o tema “A literatura visita o instituto” e graváramos un vídeo que garda testemuño do feito.

Arcadio López Casanova, na charala na Biblioteca do IES Lucus Augusti

Agora, quizais, é un bo momento para lembrar a voz e a palabra do poeta. Se che interesa, podes acceder a todo documento premendo nas seguintes ligazóns:

21 días en Galego e+

A comunidade galego-falante mira este martes cara o Lucus Augusti. O instituto acolleu a clausura do programa 21 Días en galego e +, un proxecto no que participan doce centros educativos e que busca estender o uso do galego máis alá das aulas. Durante o acto, un grupo de alumnos interpretou Terra, de Tanxugueiras.

A iniciativa tivo boa acollida en estudantes e profesores, di o profesor Vázquez Somoza, que destaca que nestes vinteún días detectáronse cambios nos hábitos lingüísticos. Remarca que, seguramente pola súa condición de centro marcadamente urbán, o castelán é a lingua dominante no centro. “Unha cousa é a lingua das clases e outra a lingua de relación e nun centro urbán como este o peso do galego era limitado”, explica.

Aquí podemos ve-la imaxe que serviu para decorar e ambientar o programa nas cancelas de entrada ao centro. Se queres ver máis da iniciativa, premendo aquí, accedes ao artigo que nos adicou o xornal El Progreso.

II PREMIO DE ENSAIO FILOSÓFICO

Xa temos a resolución do II Premio de Ensaio Filosófico. O pasado 30 de abril de 2021, reuniuse o xurado composto por profesorado dos Departamentos de Filosofía e Orientación, representación do alumnado e redactores da revista colaboradora “Hechos Mínimos” para dictaminar o resultado final que se pode ver na seguinte ligazón.

Olimpiada de Bioloxía

Hain uns días rematou a final autonómica da XVª Olimpiada de Bioloxía que, tradicionalmente, celebra e organiza a USC.

Desta volta, temos que celebar que un alumno do noso centro, Isaac Pazos Pérez, foi un dos vencedores, xunto cunha rapaza de Santiago e outro rapaz de Arzúa.

Os tres representarán a Galiza na final estatal que se ha celebrar no mes de maio en Bilbao. Dende aquí, mandamos parabéns polo éxito acadado e o esforzo realizado.

Foto: La Voz de Galicia

Exposición de pintura

O vindeiro venres, 8 de novembro ás 20 horas, inaugúrase unha exposición do artista da Mariña, Xoán Guerreiro. É un autor moi coñecido en Lugo e fóra de Lugo e ten unha alta cotización.

A exposición denomínase “Inherencias“, e fai referencia a todo aquilo que levamos connosco e que chega a ser propio de nós. O seu estilo é figurativo e vai dende obras case hiperrealistas até outras que teñen unha maior tendencia á xeometrización. Aparecen obras nas que se reflicten vistas da Mariña, de Lugo ou, como na tarxeta da inauguración, de Porto.

Exposición de Guerreiro

Aula de poesía

O Departamento de Filosofía, organiza para o vindeiro 22 de outubro, o recital “Poesía no camiño“, que se ha celebrar no noso centro, no Salón de actos de 11:45 a 13:25, especialmente adicado para o 1ºBAC de Humanidades de Ciencias Sociais.

A experiencia ten como obxectivo recuperar influencias coma a lírica provenzal e a mística sufí que chegaron as nosas terras polos Camiños, recuperar o ámbito mítico, esa xeografía soñada do país que imaxinou Uxío Novoneyra. Ademais de reactivar a temática xacobea trátase tamén de achegar ao alumnado ao feito poético en vivo.

O proxecto, organizado pola Fundación Uxío Novoneyra forma parte da programación O Teu Xacobeo” da Xunta de Galicia e ten como obxectivo recuperar a memoria das referencias e influencias da temática xacobea na poesía actual, seguindo a ruta do libro “Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago (Ámbito Mítico)”. 

Trátase dunha experiencia de escrita itinerante no que participan os poetas Grace Wells, Demián Rabilero, Tálata Rodríguez, Diego Horchowski, Fátima N. Delgado y María Luiza Fernandes da Silva, procedentes de Irlanda, Cuba, Colombia, Arxentina, Galicia e Brasil, respectivamente.

Presentación libros

O vindeiro xoves 11 de abril de 2019 ás 19:30 o Salón de actos do IES Lucus Augusti acollerá a presentación dos libros:

Golpistas e verdugos de 1936“: Como foron fusiladas autoridades civís, militares, policiais e administrativas sen que imaxinasen que ían ser executadas, porque esa posibilidade non formaba parte do seu mundo, nin da súa experiencia vital e política.

Historia de la guerra civil contada por dos hermanas“: Carlota e Fernanda García do Real son as autoras deste libro. Dúas irmás na Guerra civil, cada unha sorprendida nunha zona diferente. Ambas escribiron as súas experiencias do golpe de estado de xullo, da guerra de 1936-1939 e do impacto que causou nas súas vidas.

Participarán:

Ana Cabana Iglesia. Doutora en Historia Contemporánea

Lourenzo Fernández Prieto. Catedrático de Historia Contemporánea

Henrique Hervés Sayar. Profesor de Historia do IES Lucus Augusti

« Older posts

© 2023 bibliolucus

Theme by Anders NorenUp ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz