Un outro blogue en galego de Wordpress

Categoría: Hoxe recomendamos… (Páxina 2 de 10)

O último barco

Domingo Villar

Oito anos demorou Domingo Villar a terceira entrega das andainas do inspector Leo Caldas. “O último barco” son 800 páxinas de novela policial made in Galiza, unha “negra” de estrutura clásica que consegue manter a incertidume ata a derradeira liña. Gostara do debut con “Ollos de auga” e defraudome “A praia dos afogados” (sen mencionar a nefasta adaptación cinematográfica que fixeron dela) pero hai que recoñecer que este traballo, rumiando na pescuda dunha muller desaparecida en Moaña, está moi ben artellado. Lectura de entretenimento moi recomendable.
Para os/as incondicionais de Villar, que se contan por milleiros, imprescindible.

Novela dunha lucense

Hoxe temos o gusto de presentar a obra dunha autora lucense, Alba Carballal, que presenta a súa novela nunha editorial importante como é Seix-Barral.

Alba Carballal é arquitecta e ten estudos de Dereito. Colabora con diversas revistas de arquitectura e traballou  traducindo artigos e textos.

En 2016, conseguiu unha bolsa na residencia literaria na Fundación Antonio Gala para Jóvenes Creadores de Córdoba na que, paseniñamente, foi dando forma á súa primeira novela Tres maneras de inducir un coma, que está publicada en Seix Barral.

Xa temos a novela na Biblioteca e podes ve-la sinopse premendo na imaxe.

 

 

 

 

“Homiños” de Mario Caneiro

HomiñosQuedei abraiado coa primeira lectura de Mario Caneiro, que foi “Ana e os homes“, e hoxe non atopo que dicir de “Homiños”, un cambio de tercio radical que só se asemella na inmensa calidade da escritura deste home.
Outra desestruturación intencionada das personaxes que van construíndo, con narracións en primeira persoa, a vida dunha vila de Ferrolterra aló polos 80. É incrible que alguén poida sacar en tan pouco espazo a chea de matices que agocha a realidade da aldea: o acoso, o maltrato, a amizade, o gregarismo adolescente, o rastro da diáspora, o alcoholismo, o suicidio… Todo marcado coa diapasón do tren que transita polos límites da bisbarra como unha metáfora da nosa alienación.
Boísima; de lectura obrigada.

Lecturas recomendadas Nadal 2018

Aquí temos unha pequena escolma de lecturas recomendadas para os máis novos e para adultos. Desta volta, hai títulos de lectura informal mais tamén algúns títulos informativos de temas como  a Primeira Guerra Mundial, da que se cumpre este ano o centenario do seu remate, Ética para o meu fillo de Fernando Savater ou o Mundo dos animais microscópicos. Tamén temos unha edición en  da Historia da Guerra Civil en banda deseñada, aproveitando que tamén no vindeiro 2019, cumprirase o 80 aniversario do remate.

Como vedes, hai de todo un pouco. Saúdos e a disfrutar nas vacacións.

1ª Guerra Mundial

Especialmente relevante para o alumnado de 4º ESO e 1ºBAC achegamos un recurso da materia de Historia do Mundo Contemporáneo. As efemérides é o que teñen: son doadas de lembrar. Hai pouco máis de 100 anos, ás 11 horas do día 11 do mes 11, entrou en vigor o armisticio que puxo fin á denominada Gran Guerra.

A denominación fai honor ao que os historiadores recoñecen como o acontecemento que máis influencia tivo na configuración do mundo actual dende tódolos puntos de vista. A nivel social, supuxo que as mulleres foran incorporadas ao mercado laboral nas fábricas de armas da retagarda e, progresivamente pularan pola súa independencia económica.  A nivel político e estratéxico, provocou a caída dos grandes imperios absolutistas e a aparición dunha morea de estados independentes: Hungría, os países árabes (pensemos nos conflitos actuais en Siria, por exemplo), a República Checoeslovaca (hoxe Chequia e Eslovaquia), a progresiva creación de Iugoslavia, Ucraína, as repúblicas bálticas. Tamén supuxo a decepción para pobos que reclamaban o seu estado, nomeadamente os curdos.

Se vos interesa, tedes nas biblioteca varios libros sobre a materia en banda deseñada ou en forma visual, e tamén enciclopedias e libros específicos; propoñemos os seguintes:

Como complemnto, para ver on-line, podedes ver o carrusel de fotografías creado polo xornal El País que, seguro, interesarán. accédes premendo na imaxe seguinte.

 

 

As benévolas

Las Benévolas

Tremendo libro de Jonathan Little, un prodixio da literatura, que aos seus 39 anos sacouse da chisteira unha obra descomunal. “Las benévolas” (2006) non é unha novela máis sobre o Holocausto. Coa estrutura das memorias dun oficial das SS, Little mergúllase nun relato histórico demoledor combinado simultáneamente con reflexións intimistas que o aproximan ao ensaio. Un libro dunha complexidade extraterrestre que atrapa dende o inicio ata o fin. É recomendable ler o glosario ao comezo, para non perderse na chea de acrónimos e nomenclaturas que aparecen nas case 1000 páxinas, e así poder centrarse na densidade da narración e na complexidade das súas persoaxes. Recibiu o Goncourt e o Grand Prix du Roman de L’Academie Française, pero podería ter sido recoñecido como unha das perlas da la literatura contemporánea. Chapeau. 

O xardín dos Finzi-Contini

O xardín dos Finzi-Contini

Unha historia de amor, ou quizais de desamor, escrita de forma exquisita. Eu quéixome da miña pobreza para deleitarme coas súas alusións á poesía italiana e máis da miña ignorancia respecto ao contexto socio-político do país a finais da década dos anos 30, pero o poder de “O xardín dos Finzi-Contini” reside no seu lirismo, Giorgio Bassani logra envolver o cotiá en papel de agasallo.

Nadie nos oye

Nadie nos oye é un libro de Nando López presentado hai un par de meses coincidindo co Día Internacional da Non violencia. Xa por iso pagaría a pena ler para saber que é o que nos quere contar o autor mais tamén nos ofrece, cunha escritura áxil con forma de thriller, un tema ben actual: unha reflexión o tema da violencia; da xenérica non o acoso, da que está latente nos institutos e por extensión na sociedade.

A través das liortas que provocan os enfrontamentos deportivos e non deportivos entre dous centros presenta a competencia entre persoas, o racismo, o medo a falar, a presión institucional, todo un caldo de cultivo da violencia latente na sociedade e que está á espera de estourar en canto haxa unha pequena faísca que a provoque. 

Para comezar, podes ver o vídeo que serve de promoción do libro.

Os mundos invisibles dos animais microscópicos

Hoxe traemos un libro de ciencias. Está recomendado para as persoas miúdas até os 14-15 anos pero os que xa traspasaron esa idade, de seguro, que tamén o desfrutarán. Nel trátase unha temática un tanto novidosa pois, cun trazo de debuxo, aparecen eses seres microscópicos que viven canda nós; que están na sabas da cama, ou no nas mans ou na roupa ou , mesmo no fondo mariño. Tan só aparecen visibles a través dun miscroscopio e, agora, tamén neste libro.

Espantoso, quizais. Pero, dende logo si que é curioso.

Como é complicado amosar imaxes do libro, podes facerte unha idea mediante o book-trailer da editorial.

« Entradas anteriores Entradas seguintes »

© 2024 bibliolucus

Tema por Anders NorenArriba ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz