Un outro blogue en galego de Wordpress

Categoría: Exposicións (Páxina 2 de 4)

Día Internacional da Muller-2

Este é o vídeo que realizamos para espallar a exposición realizada no IES Lucus Augusti para conmemora-lo Día Internacional da Muller que tivemos durante varios días no vestíbulo.

Consta de varios libros, algúns cun globiño no que hai unha pequena sinopse do contido, e tamén os dous taboleiros verticais nos que se presentaron frases de persoeiros relevantes de varias materias como filosofía (Ortega e Gasset ou Schopenhauer), da relixión (san Paulo e santo Agostiño), da psicoloxía (como Sigmund Freud) e da política (Donald Trump). O nexo común de tódalas frases era a minusvaloración da capacidade da muller e do seu papel na sociedade.

Fronte a elas, aparecen fotos e nomes dunha escolma de mulleres galegas, cunha tarxeta na que debaixo do nome aparecen, moi sinteticamente, os seus feitos e éxitos. Dende cantantes como Sés ou Luz Casal, empresarias como Purificación García, intelectuais como Concepción Arenal ou Mª Xosé Queizán, deportistas como Vero Boquete ou Ana Peleteiro, profesionais ou científicas como Emma Ríos, Olimpia Valencia ou Begoña Vila.

Finalmente tamén quixemos incluír outro feixe de mulleres que tiveron un gran impacto social. Como Carmen Avendaño, pioneira da loita contra a drogadición e o narcotráfico en Galiza; ou Marcela e Elisa, tamén pioneiras a prol da liberdade sexual ou as irmás Touza Domínguez, denominadas as “Schindler galegas”.

Todo isto nos ten que servir para reflexionar sobre se de verdade, estamos tan sobrados de talento como para rexeitar as aportacións da metade da humanidade.

Exposición-O Fotógrafo de Mathausen

Hoxe xoves, ás 20’00 h inaugúrase no “Vello Cárcere” unha interesante exposición titulada “Boix. Fotógrafo de Mathausen“. Nela pódense ver moitas das fotografías deste fotógrafo nese campo de concentración. Na sesión inaugural, haberá unha conferencia e un “saúda” da alcaldesa.

Francesc Boix, foi un republicano catalán que durante a Guerra civil española, ao ser ocupada Cataluña polas tropas franquistas, fuxiu a Francia. Ao comezar a Segunda guerra mundial, formou parte do exército francés, e moi axiña foi capturado polas tropas alemás e enviado ao campo de concentración de Mathausen.

Alí, como era fotógrafo, realizou un feixe de fotografías que, co tempo, serviron para inculpar nos chamados “xuízos de Nuremberg” a moitos mandos nazis e para demostrar a existencia “real” dos campos de concentración. Como vedes, é unha figura ben interesante e seguro que a exposición é moi digna de ver e que non vos deixará indiferentes.

Laternenfest o Sankt Martinsumzug

O 11 de novembro é un día importante en moitas zonas de Alemaña, Suíza e Austria pois chega a celebración de tres eventos sinalados: O San Martiño (Sankt Martin), a próxima chegada do Nadal e o inicio do Entroido (Fasching/Karneval), que empeza o día 11 do 11 as 11:11hrs.

Neste día organízase un desfile polas rúas de cidades e vilas (Laternenumzug) no que rapaces e rapazas levan os seus farois, normalmente feitos manualmente por eles mesmos, e cantan cancións típicas desta festa: “Laterne, Laterne, Sonne, Mond und Sterne”, “ Ich gehe mit meiner Laterne und meine Laterne mit mir”.

O alumnado de alemán de 1ºESO A contribúe á celebración deste día no IES Lucus Augusti elaborando os seus propios faroliños dos que vos deixamos unha pequena mostra.

Retallos. Exposición fotográfica.

Hoxe presentamos o vídeo da exposición fotográfica que titulamos como “Retallos“, e que se enmarca dentro dos actos conmemorativos do 175 aniversario.

Desta volta, pódense ver fotografías de tempos pasados onde cátedros levaban de excursión aos alumnos ou onde celebrábanse derbis futbolísticos “alumnos contra profes“.

Aprender a pensar…na Biblioteca escolar

Encabezamos esta nota co lema escollido, este ano, na rede de Bibliotecas Escolares para que sirva de motivo durante todo o curso.

Próxima xa a exposición que sobre o lema deste curso, presentamos estes libros como avance.

Son libros divulgativos nos que se repasan as teorías filosóficas máis importantes da historia (existencialismo, racionalismo…), aparecen os autores máis relevantes (Descartes, Platón, Kant…) e nos que aparecen preguntas  que, en ocasións, son de difícil resposta: existen diferentes tipos de verdad?

En breve, presentaremos o vídeo con toda a exposición.

Mes cultural III. Exposición: Territorio das artes

Aproveitando que este ano o lema das Bibliotecas Escolares era “Territorio  das artes“, presentamos a exposición que levamos a cabo a comezos deste mes con fondos  da Biblioteca relacionados coas artes (libros de arquitectura, películas sobre artistas, Banda deseñada…) e, ao mesmo tempo, presentouse a actividade titulada co lema “Outras miradas” na que o alumnado de Plástica amosaba a súa interpretación de diversas obras artísticas.  Aquí tedes o vídeo das súas exposicións.

CONCURSO FOTOGRÁFICO – LITERARIO

Organizado conxuntamente co Departamento de Lingua Castelá e Literatura celebrouse o I Concurso Fotográfico-Literario. Os traballos da gañadora e dos finalistas expóñense a continuación.

1º PREMIO (Un libro electrónico): ZOOLÓGICO LITERARIO

Autora: Elena Álvarez Toirán – 1º BAC D

Esta foto compendia as dúas paixóns da autora: a lectura e o cariño hacia os animais.


FINALISTAS

LA VIDA Y LA MUERTE

Autora: Simona-Vasilisa Ilban – 1º BAC F

LEER PERJUDICA GRAVEMENTE LA IGNORANCIA

Autor: César Abuín Guzmán – 1º BAC D

OTAGURI ES CANNON

Autora: Helena A. Risco Montero – 2º BAC A

EXPOSICIÓN: BUERO VALLEJO, EL HOMBRE Y SU OBRA

CARTEL BUERO 03 Corel.cdrO IES Lucus Augusti, por iniciativa do Departamento de Lingua e Literatura Castelá, coa colaboración do Equipo da Biblioteca do centro organiza unha exposición sobre o dramaturgo Antonio Buero Vallejo, titulada “El hombre y su obra, 1916-2016”, que xa está disposta no vestíbulo do noso centro, e coa que pretendemos apoiar a conmemoración do centenario do seu nacemento.

Témoslle que agradecer a  outro dos Institutos Históricos, o IES histórico de Guadalajara “Brianda de Mendoza”, e ao seu Director D. Juan Leal por facilitármonos copia de gran parte da documentación exposta sobre Buero Vallejo, que pertence ao seu Arquivo Histórico.

Igualmente, ofrecemos a posibilidade de ver o catálogo virtual de gran parte da Exposición premendo no cartel coa imaxe de Buero Vallejo.

FAROIS DE SAN MARTIÑO

Achégase o San  Martiño (11 de novembro). Para celebrar este día, os nenos e nenas alemáns fan farois que saen alumear as súas vilas e cidades ao serán do devandito día.

Con motivo desta celebración o alumnado de alemán de 1º de ESO fabricou candanseu faroliño. Esta exposición pódese visitar no recibidor do centro.

Para ve-las fotos, preme  aquí.

 

 

Exposición: Da Terra e o Sol

Temos estes días, no vestíbulo, unha exposición de maquetas baixo o título “Da Terra e o Sol”. Está realizados por rapaces e rapazas de Ciencias. Fixemos un vídeo, para que tamén se poida ver fóra do noso Centro. Que vos parece?

Pero se queredes ver as fotos máis paseñiñamente, preme aquí.

« Entradas anteriores Entradas seguintes »

© 2024 bibliolucus

Tema por Anders NorenArriba ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz