Un outro blogue en galego de Wordpress

Categoría: Curso 2020-2021 (Page 1 of 2)

Bó traballo

Aínda que é certo que en educación trabállase, moitas veces, por amor á arte e non se espera máis recompensa que o benestar ou a boa aprendizaxe do noso alumnado tamén, noutras ocasións, hai motivos de satisfacción.

Esta é unha delas. Non sabemos como pero do traballo que comentaramos hai uns días, titulado: “Nós tamén temos memoria“, semella que se entero o escritor Arturo Pérez Reverte e fixo un chío nas súas redes sociais mencionando esta actividade. E como este mundo é así, a seguir, apareceu a noticia no xornal “El Progreso”. Aquí tedes o chío do autor e a noticia do xornal.

Preme na imaxe para ve-lo chío
Preme na imaxe para ve-la noticia

Exposición de Plástica

Aquí temos, xa rematando o curso, unha exposición do Departamento de Plástica que presenta unha escolma dos principais traballos realizados por algúns dos seus alumnos. O tema era a representación de varias aves e paxaros, e podémolos ver co nome común e, tamén, co nome científico.

Vídeo de Xela Arias

Velaí temos por fin o vídeo sobre a exposición con fondos da biblioteca que está ao dispor de tódolos usuarios da Biblioteca. É un vídeo curtiño porque por mor das medidas COVID non se puido empregar un espazo moi amplo. Pero, coidamos, que é suficiente para poder conmemorar a esta gran poetisa.

Xela Arias. Día das Letras Galegas 2021

Nós tamén temos historia

Xa temos o resultado dun proxecto levado a cabo polo alumnado de 4ºESO, dirixido polo profesor Gaspar Méndez. Titúlase “Nós tamén temos historia” e parte dunha premisa moi básica aínda que, ás veces, esquecida: tamén entre os rapaces e rapazas que temos ao noso cargo hai historias interesantes que pagan a pena seren contadas.

Neste caso, collendo como inspiración a novela de Arturo Pérez Reverte titulada Línea de fuego que é unha lectura obrigada en 4º de ESO e o seu álbum decidiuse facer a seguinte experiencia para ver onde nons levaba.

A partir dunha fotografía, reconstrúese un anaquiño da historia familiar e xuntando todas elas aparecen moitos temas non só da nosa contorna senón doutras partes do mundo. Aparecen a Guerra do Rif, a Guerra de Sidi Ifni, a Guerra Civil e tamén a emigración a Cuba e outros países e a inmigración. Aparecen devanceiros que eran labregos, pero tamén outros que eran mineiros, zapateiros ou mecánicos. A todos eles a vida levounos por outros territorios e por outros oficios. O dito, moi interesante. Pódelo ver premendo na imaxe.

Xela Arias – Letras 2021 (II)

Presentamos un feixe de recursos para poder empregar nas aulas , se cómpre.

Sempre é ben comezar polo artigo correspondente na Galipedia.

En Brétemas.gal, Manuel Bragado, o ex-xefe de Edicións Xerais de Galicia, ofrécenos unha pequena recompilación de notas arredor da figura de Xela. Especialmente curioso é a “Chiografía”, onde tódolos días dende comezos do ano, publicou un chío co tema “Xela”. Hai fotografías, ligazóns e cousas curiosas.

Moi interesante é o aporte realizado dende o CPI Dices-Rois onde un grupo de alumnos de 4 de ESO coa axuda do Departamento de Lingua Galega montan un Telexornal sobre a vida de Xela Arias, e que colocamos a seguir.

Xera Arias – Letras 2021 (I)

As institucións xa comezan a presentar materiais para a conmemoración do Día das Letras Galegas, este ano adicado a Xela Arias.

A Academia tamén ten o seu espazo adicado a Xela. Amais de varios apartados literarios, amosa unha serie documental, cuxa primeira achega é este vídeo de 12 minutos, titulado “Xela Arias. A palabra esgazada“, que tes aquí.

Igualmente, o Consello da Cultura Galega presenta, tamén, estoutro vídeo titulado “Xela Arias e a palabra” con entrevistas a diversos persoeiros que a coñeceron ou a leron.

II PREMIO DE ENSAIO FILOSÓFICO

Xa temos a resolución do II Premio de Ensaio Filosófico. O pasado 30 de abril de 2021, reuniuse o xurado composto por profesorado dos Departamentos de Filosofía e Orientación, representación do alumnado e redactores da revista colaboradora “Hechos Mínimos” para dictaminar o resultado final que se pode ver na seguinte ligazón.

Conferencia en streaming

O 30 de marzo de 1921 falecía en Lugo Valentín Portabales Blanco, un emblemático profesor deste Instituto que exerceu como director do mesmo durante catro décadas.

Tamén foi un docente a quen recordaron con agarimo e respecto moitos lucenses de prestixio que tiveron a honra de ser discípulos seus, como Antonio Correa Fernández, Jesús Rodríguez López ou Prudencio Iglesias Hermida, como, así mesmo, outros escritores e intelectuais que o coñecían e foran testemuñas da súa competencia, bondade e popularidade, como Antonio Couceiro Freijomil ou Ánxel Fole.

Este centro, que comprobou a xenerosidade persoal de don Valentín coa doazón da súa biblioteca e doutros prezados obxectos persoais, entre eles o bastón que se lle concedera como director honorario, quere agora recordar o centenario da súa morte co envío da publicación que fai algúns anos redactou na súa memoria o profesor Antonio Prado, ao mesmo tempo que invita a todos os interesados a asistir ao acto que na homenaxe de don Valentín Portabales se ofrecerá por videoconferencia o día 14 de abril de 2021, de 11:00 h a 12:00 h.

Para unirte, preme nesta ligazón que te levará á Sala Virtual da Conferencia.

8 de marzo

Outro ano máis chega o 8 de marzo e, desta volta, con toda a polémica sobre se co problema da Covid-19 a voltas, deberíanse celebrar ou non as concentracións e manifestacións. Aínda que hai argumentos de todo tipo, mesmo razonables, quizais habería que lembrar o que pasou este domingo ao carón de varios campos de fútbol. Porén non temos que despistármonos pois, ao mesmo tempo que se está a debater a cuestión, a violencia segue aí facendo das súas, como no caso de Valencia.

Por iso, nesta ocasión só vos recomendamos un par de cousiñas. En primeiro lugar, un vídeo da TVG sobre a orixe da celebración do 8 de marzo.

Se queres saber máis, tes cumprida información no artigo da Galipedia, aquí. E para rematar, estas son as nosas recomendacións lectoras sobre o tema. Todas son obras que podes pedir na Biblioteca… e moitas máis.

No more Matildas

O efecto Matilda é o prexuízo en contra de recoñecer as achegas de mulleres científicas na investigación, cuxo traballo adoita atribuírse aos seus compañeiros varóns. O efecto foi descrito por primeira vez pola sufraxista e abolicionista do século XIX, Matilda Joslyn Gage, no seu ensaio Woman as an Inventor“.

Así comeza a entrada da Galipedia, titulada “Efecto Matilda” no que nos explica en que consiste este efecto. Isto vén a conto porque aproveitando a conmemoración do 11 de febreiro, a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas, lanzan unha campaña titulada #NoMoreMatildas para conseguir unha auténtica equiparación no ámbito da ciencia.

Se che interesa, podes premer na ligazón anterior (Efecto Matilda), ver o seguinte vídeo ou consultar máis información no blogue que prepararon para isto, e que está aquí.

« Older posts

© 2021 bibliolucus

Theme by Anders NorenUp ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz