Un outro blogue en galego de Wordpress

Categoría: Curso 2019-2020 (Page 1 of 3)

Por fin, o verán

Por fin chegou a fin de curso. Chegamos a el xa case sen forzas, tras unha corentena na que apareceron palabras novas (“a covid-19“, “desescalada“, “teletraballo“) o que nos indica que a vida non é estática senón que está en contínua mudanza.

Foron uns meses de confinamento, de desacougo, de traballo e de inquedanzas. Pero xa chegou a fin do curso, e presentamos, nun intento de voltar á normalidade, o folleto de “Lecturas recomedadas para o verán“.

Nel, atoparedes, coma sempre, unha escolma variada de temas e de xéneros. Hai novela negra, en galego e en español, hai lecturas para a mocidade, tamén a obra cimeira de Carvalho Calero -que nos lembra este Día das Letras Galegas que non se puido celebrar-, e algo de lecturas científicas e de arte para alimentar, tamén, o espírito.

Esperemos que no vindeiro curso, palabras como normalidade e rutina sexan as que, de novo, estean de moda. Boas vacacións.

Please follow and like us:

Frear o Coronavirus mediante o illamento social

Xa levamos uns días coas clases suspendidas e, continuamente, dende múltiples instancias nos falan da importancia de estarmos “illados” nas casas, en corentena, co menor número de contactos posibles.

Todos coñecemos a célebre gráfica coas curvas que realizara o doutor Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias sanitarias do Ministerio de Sanidade, para explicarnos o que se pretendía realizar coas medidas adoptadas.

Por se aínda non o tes claro, na seguinte animación, podemos ver cal é a diferente evolución na transmisión e contaxio do coronavirus se hai illamento social (a curva e imaxe da dereita) ou se non o hai (curva e imaxe da esquerda).

Claro, non si?

Please follow and like us:

8 de marzo: Mulleres que…

Este 8 de marzo, puidemos ver como as paredes e outros espazos se enchían de notas realizadas por alumnos e alumnas con mensaxes alusivas a esta conmemoración.

Foi unha acción coordinada co Club de Letras e serviu para facer notar, máis unha vez, que hai que ocupar os espazos porque se non, non se existe. O vídeo que se realizou e que podedes ver, amosa esa intervención.

Notas con pensamentos

Tamén se expón na Biblioteca unha mostra da obra da ilustradora Micaela Campanini Cáffaro, que presenta no IES Lucus Augusti a súa exposición “Mulleres que…“, unha iniciativa persoal para a visibilización das mulleres ao longo da historia. Tamén se completou cunha clase maxistral na que participou o alumnado no Salón de Actos. Aquí temos o vídeo de toda a actividade.

Please follow and like us:

Performance: Atheon ifev

Falta pouco para a conmemoración do 8 de marzo e xa están a quentar os motores. Desta volta, organizado polo Club de Letras e mailo Departamento de Plástica, e dirixido por Magdalena, profesora do mesmo departamento, artellaron unha “perfomance” denominada Atheon ifev que se define como unha “Arácnida tea humana entrelazando o noso infinito-finito espazo vital“. Velaí téde-lo vídeo.

Performance Atheon Ifev
Please follow and like us:

Encontros literarios II

Xa temos aquí os vídeos da conferencia de Mercedes Oliveira e Amada Traba, no ciclo de “Encontros literarios”, titulada Ámame. A conferencia, que foi moi interesante, prolongouse durante máis tempo do esperado o que dá idea do interese suscitado, polo que optamos por dividila en 4 fragmentos duns 25 minutos cada un. Velaí os tedes.

Ámame (1ª parte) por Mercedes Oliveira e Amada Traba
Ámame (2ª parte) por Mercedes Oliveira e Amada Traba
Ámame (3ª parte) por Mercedes Oliveira e Amada Traba
Ámame (4ª parte) por Mercedes Oliveira e Amada Traba
Please follow and like us:

Encontros literarios

Nuns poucos días, organizado polo Club de Letras, Mercedes Oliveira Malvar xunto con Amada Traba Díaz, ofrecerán unha nova conferencia titulada “Ámame”, dentro do ciclo que demos en chamar “Encontros literarios” na que presentarán o seu último libro titulado precisamente así: ám@me. Pensar o amor no século XXI

Proximamente, subiremos os vídeos da conferencia para achegárllelos a todos aqueles que non puidesen asistir.

Please follow and like us:

Olimpiada de Bioloxía

Hain uns días rematou a final autonómica da XVª Olimpiada de Bioloxía que, tradicionalmente, celebra e organiza a USC.

Desta volta, temos que celebar que un alumno do noso centro, Isaac Pazos Pérez, foi un dos vencedores, xunto cunha rapaza de Santiago e outro rapaz de Arzúa.

Os tres representarán a Galiza na final estatal que se ha celebrar no mes de maio en Bilbao. Dende aquí, mandamos parabéns polo éxito acadado e o esforzo realizado.

Foto: La Voz de Galicia
Please follow and like us:

Tríptico de Nadal

Coma tódolos anos, presentamos o tríptico de Nadal. Coma sempre, tamén, procuramos que estean representadas todas as idades do noso IES e que, así, poidan atopar algo que poida ser do seu interese e entreterse nas vacacións.

Pódese descargar en formato pdf, premendo na imaxe. Felices vacacións.

Tríptico do Nadal 2019
Please follow and like us:

Conferencia con Carlos Taibo

O pasado día 3 deste mes, celebrouse no Salón de actos do noso centro, unha conferencia na que Carlos Taibo, disertou sobre os principais aspectos do seu recente libro “Anarquistas y libertarios. De aquí y de ahora“.

A conferencia, organizada polo noso Club de Letras se abriu a todo o público e contou cunha importante afluencia de público que ao final tivo tamén a posibilidade de formularlle múltiples cuestións. Veleiquí témo-la gravación da conferencia.

Carlos Taibo: “Anarquistas e libertari@s de aquí y ahora”
Please follow and like us:

25-N

Con motivo da conmemoración do 25-N, Día internacional contra a violencia de xénero, dúas das nosas alumnas de 1ºBAC, Noa Palmeiro e Noelia Rego, que pertencen ao Grupo de Coeducación do Club de Letras, leron un manifesto sobre esta data na que seguimos a protestar contra a violencia que se exerce contra as mulleres.

Manifesto do 25 de novembro no IES Lucus Augusti

Aquí tedes o Tríptico que vos ofrecemos para conmemorar esta data. Pódese descargar en formato pdf premendo na imaxe

25 de novembro * IES Lucus Augusti
Please follow and like us:
« Older posts

© 2020 bibliolucus

Theme by Anders NorenUp ↑

error

Gústache o blogue? Corre a voz